InicioPOLÍTICAMercedes Rosón encabezará unha candidatura propia ás municipais de 2027

Mercedes Rosón encabezará unha candidatura propia ás municipais de 2027

As concelleiras non adscritas anuncian un proxecto "progresista, libre" e centrado en Compostela, co obxectivo de ofrecer unha alternativa de goberno

Publicado o

Xornal de Compostela

As concelleiras non adscritas de Santiago anunciaron este martes a posta en marcha dunha candidatura propia para concorrer ás eleccións municipais de 2027, que estará encabezada por Mercedes Rosón. A presentación realizouse nunha rolda de prensa na que participaron tamén Mila Castro, Marta Álvarez e Gonzalo Muíños, quen defenderon a necesidade de abrir unha nova etapa política no Concello de Santiago de Compostela.

A comparecencia produciuse cando falta menos dun ano para os comicios municipais e poucos días despois de cumprirse tres anos da toma de posesión da actual Corporación. As edís e o edil non adscritos situaron o anuncio como o inicio dun proceso político que, segundo explicaron, pretende construír unha alternativa “centrada en Santiago” e allea ás dinámicas internas dos partidos estatais.

Gonzalo Muíños abriu a intervención cunha crítica ao desenvolvemento do actual mandato, que cualificou de “deficiente” na xestión municipal. Entre os asuntos citados, mencionou problemas en servizos concesionados como a limpeza e o mantemento, a falta de planificación nos aparcadoiros da Praza de Galicia e da Praza de Vigo, a perda de fondos europeos, os atrasos nas obras da rúa García Lorca, a situación dos centros socioculturais, as débedas con empresas e autónomos ou a aprobación dun plan económico-financeiro polo incumprimento do período medio de pagamento a provedores.

Muíños tamén censurou a actitude dos grupos da oposición en determinados debates municipais e asegurou que a política local se atopa instalada nun clima de confrontación. “A xente está cansa da política de crispación, cansa de que importe máis o partido que Compostela”, afirmou durante a súa intervención. Segundo defendeu, as siglas non deben situarse por diante das necesidades da veciñanza.

Na mesma liña, Mila Castro reivindicou unha forma de facer política baseada no diálogo e no entendemento. A concelleira sinalou que o Pleno municipal deixou de ser un espazo útil para procurar acordos e asegurou que nos últimos anos se impuxeron os reproches entre formacións. Fronte a iso, puxo como exemplo o papel das concelleiras non adscritas no desbloqueo de tres orzamentos municipais, da Operación Peleteiro, da Ordenanza de Mobilidade, da comisión de estudo sobre o modelo de comedores escolares ou da taxa turística.

Castro sostivo que estes acordos non foron consecuencia dunha boa xestión do goberno local, senón do debate e da responsabilidade política. “Temos unha forma de entender a política necesaria nestes tempos nos que a xente deixou de crer precisamente nos partidos políticos”, apuntou. Tamén asegurou que moitas persoas lles trasladaron nos últimos meses a necesidade de dar un paso adiante.

Marta Álvarez incidiu no perfil das persoas que promoven a candidatura e destacou a experiencia profesional e social das súas compañeiras. Lembrou que tanto ela como Mila Castro proceden do ámbito sanitario e que iso lles permite coñecer de preto a realidade social de moitas familias compostelás. Tamén salientou a vinculación de Gonzalo Muíños co deporte e o coñecemento que Mercedes Rosón ten da cidade. Sobre esta última afirmou que “Mercedes é Santiago” e que coñece a cidade “na cabeza e no corazón”.

Na súa intervención central, Mercedes Rosón confirmou que liderará o proxecto e presentou a candidatura como unha resposta ás persoas que, segundo explicou, lles pediron que continuasen na vida política municipal. Rosón asegurou que o paso anunciado non responde a unha ambición persoal, senón á vontade de representar a quen lles trasladou preocupacións sobre a vivenda, os servizos de mantemento, a seguridade, a falta de investimentos nos barrios ou a situación das parroquias sen determinados servizos básicos.

“Queremos anunciar este paso adiante”, afirmou Rosón, que vinculou a decisión coa véspera do 24 de xuño, data na que se cumpren dous anos do pleno que marcou a ruptura co Partido Socialista. A concelleira defendeu que a súa posición durante este tempo mantivo a lealdade cos seus votantes e cos intereses de Compostela. “A nosa única obediencia, a nosa única disciplina de voto e o noso único compromiso é con Santiago de Compostela”, sinalou.

Rosón explicou que a candidatura pretende ser unha plataforma progresista, libre, rigorosa e con vocación de goberno. Tamén asegurou que non se trata dun proxecto pensado para dividir, senón para “construír o futuro” da cidade. A edil situou como eixos da proposta a unidade, o diálogo, a ilusión, o traballo e o futuro.

Durante a quenda de preguntas, as concelleiras e Gonzalo Muíños insistiron en que o proceso acaba de comezar e que a candidatura se irá conformando nos próximos meses. Non concretaron nomes nin posibles incorporacións, aínda que afirmaron que a proposta estará aberta a persoas de Santiago que queiran sumarse. “Cando chegue o momento dirémolo con total transparencia. Non esconderemos nada”, apuntou Mila Castro.

Preguntadas por posibles relacións co PSOE ou por unha eventual integración noutras plataformas, as representantes da candidatura evitaron entrar en consideracións sobre o Partido Socialista e defenderon que o proxecto mira cara ao futuro. Marta Álvarez afirmou que o que ocorre actualmente no PSOE forma parte do pasado para elas, mentres que Mercedes Rosón subliñou que se trata dun proxecto propio, aberto a quen queira participar desde Compostela.

Gonzalo Muíños foi explícito ao sinalar a ambición coa que nace a candidatura. “Cando xogas un partido é para gañar”, afirmou, para engadir que o obxectivo é que Mercedes Rosón sexa alcaldesa. Rosón, pola súa banda, indicou que serán as urnas as que determinen o papel da candidatura tras as eleccións.

As promotoras da nova proposta política aseguraron que non dispoñen do aparato dun partido, mais defenderon que suplirán esa falta de estrutura con traballo, transparencia e conexión coa cidadanía. Rosón afirmou que é posible facer unha campaña con poucos recursos se existe un proxecto claro e compromiso detrás.

A candidatura chega despois dun mandato que as concelleiras definiron como “inédito” pola súa situación como non adscritas e pola perda de medios políticos tras a súa expulsión do PSOE. Rosón asegurou que esa circunstancia non modificará o seu traballo durante o ano que resta ata as municipais e defendeu que continuarán actuando no Concello coa mirada posta nos intereses da cidade.

A rolda de prensa concluíu cunha nova chamada ao diálogo como ferramenta para mudar o rumbo da política compostelá. Rosón afirmou que “non hai forma de ser demócratas de verdade se non existe o diálogo” e insistiu en que o seu proxecto pretende poñer Santiago por diante das siglas e das directrices marcadas desde fóra da cidade.

ÚLTIMAS

Louzao afirma que as previsións turísticas do verán son positivas e confía en pechar novas rutas aéreas para o outono

A portavoz do Goberno local de Santiago, Míriam Louzao, afirmou que as previsións turísticas...

Aparece morto o home detido o venres por tres agresións sexuais en O Milladoiro

O home que fora detido o venres en relación con tres supostas agresións sexuais...

O Son do Camiño baixa o pano tras reunir 125.000 persoas nunha edición atravesada polo debate sobre os fondos de investimento

O Son do Camiño pechou na madrugada deste domingo unha nova edición no Monte...

O Pico Sacro acolle a Cerimonia do Lume Sagrado para dar a benvida ao solsticio de verán

O Pico Sacro volveu converterse este mediodía nun espazo de encontro arredor da tradición...

O Concello presiona a adxudicataria para reactivar as obras da rúa García Lorca

O Concello de Santiago manterá a presión sobre a empresa responsable das obras da...

O PSOE acusa o Goberno local de presentar un plan de vivenda sen medidas concretas para aumentar a oferta residencial

A concelleira socialista Marta Abal cuestionou este mércores o contido do Plan de medidas...

O PP defende que Santiago aproveite a relación con Portugal para atraer talento e investimento

O PP de Santiago defendeu a necesidade de reforzar a dimensión internacional da capital...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here