Xornal de Compostela entrevista a Aitor Bouza, secretario xeral do PSdeG de Santiago de Compostela dende outubro de 2023, a cabeza dun equipo que ten por obxectivo “escribir novas páxinas de éxito para o socialismo compostelán”.
Estamo co “substituto” de Sánchez Bugallo. Cres que é necesario un cambio no socialismo compostelán a unha figura máis nova?
Eu creo que esta nova etapa que se abriu no partido é unha etapa lóxica. Dentro do Partido Socialista vese como sempre que despois de que remata un ciclo se recoñece perfectamente que esta evolución que houbo en Santiago de Compostela ao final leva o nome e apelidos do Partido Socialista, que a través dos seus alcaldes e de todos os seus equipos que pasaron pola corporación foron construíndo a cidade que todos coñecemos.
Por iso eu creo que non temos que velo como algo negativo, todo o contrario. Normalmente cando se afronta unha renovación parece que estamos deixando atrás a historia. Non. Eu estou moi orgulloso da miña historia e da historia do Partido Socialista en Compostela. Pero eu creo que comeza unha nova páxina do noso partido para que ao final volvamos a conectar con esa cidadanía que non confiou en nós como proxecto maioritario para poder continuar levando a cabo as nosas políticas.
Por iso si pensamos que era necesario darlle un impulso novo ao PSdeG aquí en Compostela. Por iso demos este paso. Falo en plural porque eu soamente son a cabeza de moitos compañeiros e compañeiras. A agrupación volve estar activa, volve ter unha participación non só da executiva, senón da militancia.
O que pretendemos dende o principio é abrir as portas, as fiestras e todo o que poidamos para atraer a toda a cidadanía que queira vir para participar, traballar, propor… Evidentemente, o Partido Socialista ten que ser un lugar de encontro. Esta é a Casa do Pobo por algo. Queremos que volva ser ese lugar de encontro do pobo.
Falabas de pasar a unha nova páxina. Como é esta nova páxina?
A nova páxina ten que empezar a construírse. É como se preguntamos como é o libro cando comezamos a escribilo. O libro será aquel resultado da contrución de non só unha persoa. Nós o que queremos é que toda a cidadanía sexa partícipe desa escrita e que cada páxina dese libro teña unha impronta de cada cidadán e de cada veciño ou veciña de Santiago de Compostela.
Eu creo que esas son as mellores páxinas dos anteriores libros que escribimos dende o Partido Socialista. Agora o que queremos é continuar esta enciclopedia co tomo seguinte para poder dicirlle á cidadanía que o PSdeG de Compostela volve estar aquí para ser novamente esa canalización de todas as propostas e ideas.
Eu creo que temos que pensar no Santiago do futuro. Xa está ben de que teñamos que resignarnos a pensar que Santiago só é o que é a día de hoxe. Santiago é o que podemos mirar cara o pasado e estar moi orgullosos. Eu quero realmente poder sentir orgullo presentando un novo proxecto socialista no que miremos cara a diante e poidamos dicir que realmente Santiago ten moitísimo capital aínda por explotar, non só para poder dicir que estamos como capital de Galicia, senón que a xente pode quedar a vivir aquí. A mocidade non ten por que marchar. Realmente podemos seguir medrando como cidade. Eu creo que moitas oportunidades aínda están por vir e iso é o que queremos escribir.
Estiveches ás portas de entrar como concelleiro en maio de 2023 e tamén ás portas de entrar no Parlamento Galego en febreiro de 2024. Que cambios nos agardarán candro entres a formar parte da política compostelá dende dentro?
Eu xa me sinto dentro da política compostelá. Eu levo defendendo dende o inicio que realmente a política non se fai só dende as institucións.
Eu creo que non vai haber ningún cambio porque xa levo traballando dende que fun escollido secretario xeral, reuníndome coas asociacións, escoitando o tecido social, ás entidades deportivas…
Eu creo que temos que darlle un cambio tamén á identidade que temos na política. A política enténdense como os partidos políticos que son os que representan ao final a propia cidadanía. Eses partidos como o noso teñen uns instrumentos que lle permiten, a través dos representantes públicos canalizar todas esas propostas. E así temos grupos humanos de persoas que canalizan todas as propostas do partido. Por exemplo, evidentemente eu non podería estar no Senado, no Congreso, no Parlamento, na Deputación e tamén no Concello. Non tería ningún sentido aínda que se permitise. Eu defendo e levo defendendo dende o principio que o que temos que conseguir é un grupo humano de persoas que poidamos canalizar en conxunto e coordinadamente ese traballo.
Por iso non depende de que eu estea ou non nesas institucións, senón que poidamos traballar da man para que todas esas propostas e ese libro do que falabamos antes se poida trasladar ás institucións. Isto significa que todas esas propostas e todas esas cuestións que teñen os cidadáns e cidadás de Compostela se poidan trasladar.
Non só é o Pazo de Raxoi. Hai moitos problemas en centros de saúde, en colexios e en cuestións que teñen que ver coa Xunta, co Estado e a Deputación.
Por iso eu creo que o PSOE ten que ser ese partido que represente á veciñanza de Santiago en todos os seus ámbitos. Facer de catalizador das propostas e trasladalas alí onde proceda. Eu síntome dentro da política municipal porque non só son as cuestións do Pazo de Raxoi, senón todos os problemas que teñen todas as persoas que son das diferentes institucións.
No proxecto a nivel Partido Socialista dentro desta nova etapa nós queremos ser non só uns meros espectadores, senón tamén partícipes. Temos a honra de poder ter á nosa vicesecretaria xeral, que é a número 4 de Besteiro en Galicia, e, polo tanto, eu creo que Santiago está perfectamente representado neste novo proxecto. Nós comprometémonos co novo proxecto de Besteiro para poder sumar e apuntar todo o que fai falla para poder conseguilo en Galicia do mesmo xeito que en Compostela.
Aínda que o PSOE segue a xogar un papel importante dentro do Concello, acúsaselle de ter un discurso pouco estable. Ao final o partido mermou o seu peso no ámbito municipal.
É unha evidencia. Iso é un recoñecemento que facía eu ao principio, por iso comentaba que esta renovación da que estamos a falar no PSOE facía falla xustamente porque somos conscientes da realidade. Somos tamén coñecedores de cales foron os resultados electorais e de cal foi o apoio da cidadanía. Negar a evidencia sería tamén negar os resultados electorais e cal foi o apoio da cidadanía. E tamén sería negar o que nós queremos facer. Polo tanto, sendo conscientes diso, temos que falar dunha cousa clara. Somos bastante decisivos, moito máis incluso que o Partido Popular, porque nós temos a capacidade de poder involucrarnos na política local ata o punto de poder mellorar a vida da xente, tendo uns orzamentos municipais que permiten que se reformen os centros deportivos, que se melloren as vías e as obras, todas as cuestións sociais como o Servizo de Axuda no Fogar…
Todas esas cousas fanse coas políticas de verdade. Eu levo defendendo dende o principio que nós vimos aquí para traballar en positivo. En negativo xa traballou o BNG, Compostela Aberta e incluso o Partido Popular cando nós gobernabamos.
Traballaron en negativo en non apoiar todas estas cuestións: nin os orzamentos, nin todo o que tiña que ver con Peleteiro, nin a Casa da Xuventude… Nin todos os temas grandes de cidade. Nós a día de hoxe o que nos comprometemos coa cidadanía, aínda sabendo que estamos na oposición, e aínda sabendo que os cidadáns e cidadás cando votaron nos puxeron aí. Asumindo todo iso, dixemos que non faríamos unha oposición destrutiva para devolverlle a todos eses partidos que non nos apoiaron a nós. Nós temos que ser responsables. A cidadanía vótanos para que lles solucionemos os seus problemos, non para que lles xeremos máis.
Nós imos estar sempre ao lado dunha solución. Esa política revanchista, polo tanto, eu creo que temos que desterrala. Nós o que imos facer é traballar da man da veciñanza. Fóra de partidos políticos e oportunismo.
En que temas se está a traballar activamente dende o PSOE co goberno de Goretti Sanmartín?
Nós non estamos traballando de maneira directa, pero si puntualmente. Estamos sempre á disposición para traballar en calquera tema que sexa de cidade e para poder pór enriba da mesa todas as cuestións que poidan mellorar a vida da veciñanza. Sobre iso non cabe ningún tipo de dúbida.
Cando nos tivemos que sentar a negociar uns orzamentos, fixémolo. Dende a esixencia e dende, por suposto, todas aquelas cuestións que nos foron remitindo dende as entidas, plantexalas e polas enriba da mesa. E conseguímolo.
Pero a continuación en todo o resto de temas, cando se nos chame e cando se nos convoque para poder decidir sobre eles, tamén opinaremos. Nós non imos renunciar ás nosas posturas, pero tampouco imos ser intransixentes.
Eu teño claro que a proposta do Peleteiro é outro exemplo. Xa defendimos a nosa proposta con forza e agora estamos a recuperar a mesma proposta que o BNG votou en contra. Incluso o Partido Popular agora critica o que está facendo o Bloque Nacionalista Galego. Que está pedindo, o mesmo que votou en contra? Nós non imos ser incongruentes.
Tamén a Casa da Xuventude, todos os proxectos vinculados a fondos europeos que nós incorporamos nos orzamentos… Todo iso ten que ver na cidade. A expansión de Santiago non só se cingue as problemas puntuais dos que hai que falar no día a día, como pode ser o tema do lixo, a fochanca que poidamos atopar en calquera rúa ou cuestións de trámite ordinario. Pero tamén os temas grandes teñen que ser falados, traballados e consensuados.
Existe posibilidade de que se plantexe un goberno local en Santiago no que entre o PSdeG agora mesmo?
Eu creo que non cambiou nada nese aspecto. Tiñamos unha postura clara cando decidimos que o Partido Socialista ía pasar á oposición. Non cambio nada para ter que cambiar nese aspecto.
Defendimos que así tiña que ser polos argumentos que veño de esgrimir. A cidadanía apostou porque a forza de esquerda maioritaría non fósemos nós, considerando que a xestión non tiña o respaldo cidadán. E nós, que entendimos a mensaxe, marchamos á oposición e reconstruímos o partido.
Eu non entendo a política como unha cuestión de bandos nin trincheiras, senón no marco do diálogo. Polo tanto, dentro dese marco de entendemento o que temos que facer é traballar por deixar á marxe os intereses electoralistas e partidistas, traballando polo ben dos veciños e veciñas.
Cando por exemplo estamos falando de Peleteiro, ninguén se sorprende de que o PSOE defenda un modelo de uso residencial, porque xa o defendimos. Sorprende escoitar a Borja Verea sorprendéndose á súa vez de que o BNG traia a mesma proposta. Sorprenden as declaracións do resto.
Hai que ser congruentes en política e non ter medo a falar de todos estes temas.
O resultado do PSOE foi bastante negativo en comparación con outros anos, tanto nas últimas eleccións municipais, que fixeron que Sánchez Bugallo perdese a alcaldía, como nas últimas autonómicas, con moitos votos do PSOE quizais desprazados ao BNG. Como ves a situación do PSOE en futuros comicios? Existe esperanza de remontada?
Eu creo que aí falta un dato, que non é menor: as eleccións xerais. Entre unhas e outras producíronse unhas eleccións xerais nas que o Partido Socialista non perdeu ese voto. Gañouno e con solidez.
Eu non teño ningún tipo de dúbida cando a cidadanía se identifica co PSOE nun proxecto claro, no que se ve reflectida a aposta polo Partido Socialista. Pasa con Pedro Sánchez, porque as persoas que se consideran progresistas e de esquerdas non só o manifestaron nas furnas, senón tamén cando agora houbo ese período reflexivo, manifestando o seu apoio a que seguisen para que se continuara con ese goberno de progreso.
Eu creo que o PSOE, tanto en Galiza como en Compostela, volverá rexurdir nesta nova etapa, cun proxecto no que non só lle expliquemos á cidadanía as nosas propostas, senón que se sinta partícipe destas. Estou plenamente convencido de que volveremos ter a súa confianza maioritaria. Non hai que ter medo nunca a poder presentar as túas ideas. Nunca hai que ter medo a abrir as portas do teu partido para que se nutra realmente do que é a sociedade.
O PSOE é o partido que demostra que avanza coa sociedade e é o que permite que os logros sociais e os avances se consigan de maneira clara e evidente.
Pasou con Zapatero, dentro de todas as etapas de progreso e modernización, con Pedro Sánchez e, polo tanto, eu non teño medo a enfrentarnos á realidade. Non temos que quedarnos só nas cuestións menores, senón que temos que ofrecerlle á cidadanía un Santiago no que teñan o orgullo de poder dicir que son de Santiago de Compostela e que queren vivir e quedar aquí.
Eu non teño dúbida de que o modelo que sempre tivo a vitoria no Partido Socialista e que lle permitiu ter ese apoio social foi sempre ir da man da cidadanía e da veciñanza. Estou plenamento convencido de que o que nos toca agora é traballar.