A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, asegurou este luns que a chegada do autobús urbano á parroquia de Busto será a primeira cuestión que o goberno local aborde coa empresa concesionaria unha vez se resolva a adxudicación do novo contrato de transporte.
A rexedora realizou estas declaracións durante a poxa da Uña de San Lázaro, onde reiterou o compromiso adquirido días atrás e insistiu en que os problemas técnicos detectados para a extensión do servizo “vanse a solucionar”. Segundo indicou, a prioridade será incorporar esta conexión ao sistema de transporte municipal de forma inmediata tras a formalización do contrato.
Este anuncio prodúcese despois de que o pasado venres o Concello confirmase o inicio do proceso de licitación do servizo de transporte urbano, ao que se presentaron cinco ofertas. Nesa mesma comparecencia, Sanmartín xa avanzara a intención de garantir a chegada do autobús a Busto.
A situación do transporte nesta parroquia xerou mobilizacións nas últimas semanas. A veciñanza protagonizou protestas para reclamar melloras na conexión co núcleo urbano de Santiago e chegou a abrir o debate sobre a súa posible incorporación ao concello de Trazo. Este domingo estaba prevista unha asemblea extraordinaria na que se ía abordar esta cuestión, aínda que a votación foi finalmente aprazada tras o compromiso trasladado pola alcaldesa.

