InicioPOLÍTICABorja Verea critica a xestión do goberno local e cuestiona a súa...

Borja Verea critica a xestión do goberno local e cuestiona a súa actuación no rural de Santiago

O líder do PP acusa ao executivo municipal de incoherencias no transporte e falta de presenza nas parroquias, mentres anuncia compromisos para Busto

Publicado o

Xornal de Compostela

O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, cargou este luns contra o goberno municipal formado por BNG e Compostela Aberta, ao que cualificou como “un chiste” e “un goberno completamente liquidado”. Fíxoo durante unha rolda de prensa na que expuxo críticas centradas na xestión do transporte e na presenza institucional no rural.

Entre os exemplos mencionados, referiuse á situación do transporte na parroquia de Busto. Segundo explicou, a actual alcaldesa, Goretti Sanmartín, defendía na oposición a implantación dunha liña de autobús nesa zona, mentres que xa no goberno argumentou que non era viable por cuestións técnicas. “Cando chega ao goberno di que é imposible, que non caben os autobuses”, sinalou.

Verea asegurou que, tras as protestas veciñais e a repercusión mediática do caso, o executivo mudou de postura en poucas horas. “Os problemas técnicos desapareceron en doce horas”, afirmou, ao tempo que vinculou este cambio á presión pública.

O portavoz popular tamén puxo o foco na actividade da alcaldesa nas parroquias. En relación con Busto, afirmou que “ningunha visita coa Asociación de Veciños” tivo lugar desde o inicio do mandato. Neste sentido, instou aos medios a contrastar esta información directamente coa entidade veciñal.

As críticas estendéronse ao conxunto do municipio, ao considerar que existe unha “falta de presenza” do goberno local no territorio. “Unha alcaldesa desaparecida, escondida, encerrada cos seus asesores”, indicou.

Fronte a isto, Verea destacou a súa actividade nas parroquias, sinalando que realizou visitas prolongadas sobre o terreo para coñecer o estado das infraestruturas. “Estiven máis de tres horas percorrendo toda a parroquia. Bache a bache, pista a pista”, apuntou.

Durante a súa intervención, o líder do PP avanzou propostas concretas para o rural compostelán. Entre elas, mencionou o compromiso de mellorar o estado das pistas e estradas e de impulsar unha conexión entre Busto e o concello de Trazo.

Cando sexa alcalde conectaremos Busto con Trazo”, afirmou, detallando que o proxecto incluiría unha pasarela e unha área de lecer fluvial na zona da Barcavella, próxima á igrexa de San Mateo.

Verea tamén fixo referencia a outras parroquias como Marrozos, Barciela ou Cesar, indicando que, ao seu xuízo, existen comparacións constantes con municipios limítrofes como Boqueixón, O Pino ou Oroso no que respecta ás condicións do rural.

O dirixente popular concluíu a súa intervención defendendo a súa estratexia de proximidade e reiterando o seu compromiso co conxunto do municipio. “Barrio a barrio, parroquia a parroquia”, sinalou, como liña de actuación do seu grupo.

ÚLTIMAS

Santiago entrega a Alba de Compostela nun acto dedicado a “todas” as vítimas do franquismo

O Concello de Santiago entregou este 25 de xullo, por cuarto ano consecutivo, as...

A USC reconstrúe dixitalmente a ‘Raíña Orante’ do mestre Mateo

Un proxecto da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e do Centro de Investigación...

Santiago vive un multitudinario Día de Galicia entre tradición, política e festa

Como cada 25 de xullo, Santiago de Compostela celebrou o Día Nacional de Galicia...

O arcebispo de Santiago chama a recoñecer a dignidade de toda persoa na Ofrenda ao Apóstolo

O arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto, fixo un chamamento este 25 de xullo...

O PSdeG esixe incorporar a VOLABAN ao Padroado do Refuxio de Bando tras máis dun ano de demora

O Grupo Municipal Socialista de Santiago levará ao Pleno deste mes unha proposta para...

Os non adscritos retiran a demanda contra o PSOE pola súa expulsión

Os catro concelleiros non adscritos de Santiago de Compostela --Mercedes Rosón, Gonzalo Muíños, Milagros...

Escarlata Pampín, candidata do BNG en Ames para “recuperar o impulso e o avance”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou este mércores na presentación de Escarlata...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here