O Bloque Nacionalista Galego reuniu este martes á súa militancia, simpatizantes e representantes do tecido social e político da comarca na Praza de Cervantes para conmemorar os dous anos desde que Goretti Sanmartín asumiu a alcaldía de Santiago de Compostela. O acto, conducido pola concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, contou coa participación da propia rexedora e da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nunha celebración na que tamén houbo espazo para facer balance e reivindicar os logros do executivo municipal.
Míriam Louzao abriu o acto lembrando que se trata do primeiro goberno feminista e nacionalista da cidade, e aproveitou para condenar un novo feminicidio ocorrido na Coruña tan só dous días antes. Reivindicou políticas activas de igualdade e salientou a implicación do BNG coa causa palestina, cun saúdo especial ás persoas palestinas presentes no acto e a condena ao “xenocidio e limpeza étnica que Israel está practicando en Gaza”.
Louzao destacou especialmente o avance na participación cidadá, coa reactivación de consellos consultivos en áreas como educación —que levaba máis dunha década sen convocarse— e a posta en marcha de máis de trinta reunións destes órganos durante o mandato. Tamén fixo fincapé na implantación da taxa turística, que cualificou de “pioneira”, e na aposta por un modelo de turismo sustentábel e unha política de vivenda que, segundo dixo, está “actuando en moi diversas frontes”, malia a lentitude administrativa e as trabas da Xunta.
“A vivenda non pode ser un luxo nin unha mercadoría”, defendeu a edil, que avanzou a proposta do goberno local para que Santiago sexa declarada zona de mercado residencial tensionado. “Non queremos que a cidade se converta nun decorado”, engadiu, en referencia á presión inmobiliaria e á perda de poboación no centro histórico.
Pola súa banda, Ana Pontón reivindicou o traballo do equipo liderado por Sanmartín, asegurando que “nestes dous anos sementaron as claves da Compostela do futuro” e que se percibe “un cambio real” na cidade. Sinalou a “valentía” do goberno para tomar decisións como a regulación das vivendas de uso turístico, a creación do rexistro de solares, ou a aposta por unha cidade “para vivir, traballar e facer comunidade”.
A líder nacionalista tamén tivo palabras duras para o Partido Popular, ao que acusou de tentar “deslexitimar os resultados electorais” e de querer importar “a laminería da política madrileña” a Compostela. “A única vez que gobernaron, deixaron a cidade feita un desastre”, sentenciou, antes de lembrar a corrupción estrutural do PP e os “sobrecustos millonarios” de obras como o Hospital de Vigo.
Pontón reivindicou outra forma de facer política, baseada na “honradez, o diálogo e a decencia”, e eloxiou a figura de Sanmartín como exemplo dese modelo: “Coñezo poucas persoas con tanta capacidade de diálogo e busca de acordos como ela”.
A intervención da alcaldesa Goretti Sanmartín pechou o acto cun discurso no que empregou as cores do arco da vella para estruturar os eixes do proxecto de goberno: vermello para a vivenda, amarelo para a autoestima veciñal, verde para a sustentabilidade, laranxa para a cultura e o lecer, azul para as infraestruturas e a accesibilidade, e lila para o feminismo e o rural.
Sanmartín destacou actuacións como o desbloqueo do solar de Peleteiro, que acollerá unha nova praza pública e un 45% de vivenda protexida; o plan ‘Horizonte Compostela’ en barrios como Almáziga e o Cruceiro da Coruña; a nova estación intermodal que levará o nome de Daniel Castelao; ou os avances en políticas de coidados, conciliación e mobilidade no rural, incluído o futuro contrato de transporte urbano.
A rexedora tamén tivo palabras para o “traballo invisíbel” que supón gobernar en minoría e xestionar a falta de financiamento e de persoal. Asegurou que o goberno local “vai máis lento do que desexaría”, pero que avanza con firmeza e sen renunciar aos seus principios.
Por último, Sanmartín aludiu á situación política interna do consistorio, afirmando que “os conflitos internos acaban por trascender” e que o BNG representa unha alternativa clara fronte a un modelo de alternancia entre “as forzas dun sistema esgotado”. “En vez de grises, nós apostamos polas cores, polas persoas e polas causas que deixan pouso”, concluíu.
O acto rematou cun chamamento a seguir loitando “mesmo sen vento”, evocando un verso da poeta Xohana Torres.