InicioPOLÍTICAO BNG celebra na Praza de Cervantes dous anos á fronte do...

O BNG celebra na Praza de Cervantes dous anos á fronte do Goberno de Santiago

Sanmartín, Pontón e Louzao fan balance da xestión municipal nun acto político centrado na vivenda, o feminismo e a participación cidadá

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

O Bloque Nacionalista Galego reuniu este martes á súa militancia, simpatizantes e representantes do tecido social e político da comarca na Praza de Cervantes para conmemorar os dous anos desde que Goretti Sanmartín asumiu a alcaldía de Santiago de Compostela. O acto, conducido pola concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, contou coa participación da propia rexedora e da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nunha celebración na que tamén houbo espazo para facer balance e reivindicar os logros do executivo municipal.

Míriam Louzao abriu o acto lembrando que se trata do primeiro goberno feminista e nacionalista da cidade, e aproveitou para condenar un novo feminicidio ocorrido na Coruña tan só dous días antes. Reivindicou políticas activas de igualdade e salientou a implicación do BNG coa causa palestina, cun saúdo especial ás persoas palestinas presentes no acto e a condena ao “xenocidio e limpeza étnica que Israel está practicando en Gaza”.

Louzao destacou especialmente o avance na participación cidadá, coa reactivación de consellos consultivos en áreas como educación —que levaba máis dunha década sen convocarse— e a posta en marcha de máis de trinta reunións destes órganos durante o mandato. Tamén fixo fincapé na implantación da taxa turística, que cualificou de “pioneira”, e na aposta por un modelo de turismo sustentábel e unha política de vivenda que, segundo dixo, está “actuando en moi diversas frontes”, malia a lentitude administrativa e as trabas da Xunta.

“A vivenda non pode ser un luxo nin unha mercadoría”, defendeu a edil, que avanzou a proposta do goberno local para que Santiago sexa declarada zona de mercado residencial tensionado. “Non queremos que a cidade se converta nun decorado”, engadiu, en referencia á presión inmobiliaria e á perda de poboación no centro histórico.

Pola súa banda, Ana Pontón reivindicou o traballo do equipo liderado por Sanmartín, asegurando que “nestes dous anos sementaron as claves da Compostela do futuro” e que se percibe “un cambio real” na cidade. Sinalou a “valentía” do goberno para tomar decisións como a regulación das vivendas de uso turístico, a creación do rexistro de solares, ou a aposta por unha cidade “para vivir, traballar e facer comunidade”.

A líder nacionalista tamén tivo palabras duras para o Partido Popular, ao que acusou de tentar “deslexitimar os resultados electorais” e de querer importar “a laminería da política madrileña” a Compostela. “A única vez que gobernaron, deixaron a cidade feita un desastre”, sentenciou, antes de lembrar a corrupción estrutural do PP e os “sobrecustos millonarios” de obras como o Hospital de Vigo.

Pontón reivindicou outra forma de facer política, baseada na “honradez, o diálogo e a decencia”, e eloxiou a figura de Sanmartín como exemplo dese modelo: “Coñezo poucas persoas con tanta capacidade de diálogo e busca de acordos como ela”.

A intervención da alcaldesa Goretti Sanmartín pechou o acto cun discurso no que empregou as cores do arco da vella para estruturar os eixes do proxecto de goberno: vermello para a vivenda, amarelo para a autoestima veciñal, verde para a sustentabilidade, laranxa para a cultura e o lecer, azul para as infraestruturas e a accesibilidade, e lila para o feminismo e o rural.

Sanmartín destacou actuacións como o desbloqueo do solar de Peleteiro, que acollerá unha nova praza pública e un 45% de vivenda protexida; o plan ‘Horizonte Compostela’ en barrios como Almáziga e o Cruceiro da Coruña; a nova estación intermodal que levará o nome de Daniel Castelao; ou os avances en políticas de coidados, conciliación e mobilidade no rural, incluído o futuro contrato de transporte urbano.

A rexedora tamén tivo palabras para o “traballo invisíbel” que supón gobernar en minoría e xestionar a falta de financiamento e de persoal. Asegurou que o goberno local “vai máis lento do que desexaría”, pero que avanza con firmeza e sen renunciar aos seus principios.

Por último, Sanmartín aludiu á situación política interna do consistorio, afirmando que “os conflitos internos acaban por trascender” e que o BNG representa unha alternativa clara fronte a un modelo de alternancia entre “as forzas dun sistema esgotado”. “En vez de grises, nós apostamos polas cores, polas persoas e polas causas que deixan pouso”, concluíu.

O acto rematou cun chamamento a seguir loitando “mesmo sen vento”, evocando un verso da poeta Xohana Torres.

ÚLTIMAS

A UCO investiga a un empresario de Santiago

Un empresario está a ser investigado en Santiago de Compostela no marco dunha operación...

O reitor da USC asegura que a redución do número mínimo de alumnos para grao e máster “está sobre a mesa”

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) continúa en conversacións coa Xunta para abordar a continuidade do Máster...

Yossou N’Dour, primeira confirmación para os concertos do Apóstolo de 2025

O músico Yossou N'Dour actuará o 22 de xullo na Praza da Quintana, en...

Recibidas 7 alegacións á taxa turística, que volverá a pleno en xullo para a súa aprobación final

O Concello de Santiago recibiu un total de sete alegacións á ordenanza da taxa turística, que agora...

O Concello xa estuda as alternativas para proceder ao pago das facturas derivados do gasto do bus urbano

Os servizos técnicos do Concello de Santiago xa avalían todas as opcións posibles para...

O PP denuncia actos de vandalismo na súa sede e reclama ao BNG que condene os feitos

O Partido Popular de Santiago de Compostela denunciou hoxe publicamente os actos de vandalismo...

O BNG defende un parque público de vivenda baseado no alugueiro como resposta á crise habitacional

O Bloque Nacionalista Galego presentará este martes en Santiago de Compostela as súas propostas...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here