A herba medra, en Compostela chove –xa o cantou Lorca– e o goberno municipal vive nunha marabillosa realidade paralela. Nada raro, tendo en conta a tendencia na que a capital de Galicia leva inmersa os últimos anos a todos os niveis –cultural, transparencia, mantemento etc.–, mais, en ocasións, os motivos que se dan para a ausencia de traballo por parte do (des)goberno de Goretti Sanmartín son, simplemente, kafkianas. Unha mostra máis que evidente é a relativa aos desbroces, nos que os edís con responsabilidades nesa materia, Pilar Lueiro e Xesús Domínguez, achacan a falta de desbroces ben ao cambio climático, ben á necesidade de deixar as flores en pleno proceso de polinización –si, as silveiras que invaden as beirarrúas e impiden o paso no rural, tamén–.
As explicacións, máis propias de quen vive no mundo da piruleta, alleas á realidade de calquera persoa que habite a cidade, non son máis que a punta do iceberg, unha evidencia máis da falta de coordinación e xestión dentro do goberno local –xa non entro a lembrar o feito de estarmos ante un goberno cuxo funcionamento en total custa 3 millóns de euros–. En primeiro lugar, existe unha falta de liderado claro, que permita ter equipos de traballo coordinados, ao que se suma que o número de maquinarias para realizar as rozas no rural non se corresponde coa cantidade de persoal dispoñible para tal tarefa, polo que o caos á hora de xestionar o mantemento dun concello que, en superficie, é relativamente grande está servido.
Mais, o realmente insultante para a veciñanza é que se pretenda enmascarar esta falta de traballo e xestión detrás da polinización, do crecemento da herba –que está xerminando e serve como filtro para depurar a auga–, de servir de hábitat a diferentes especies etc. Nestes intres pregúntome se as silveiras que medran en riba das beirarrúas e das estradas que levan á parroquia da Peregrina –onde as queixas da veciñanza son claras e notorias– son imprescindibles para ese proceso ou se se poden recortar un chisco e seguiría xerminando a vida nelas –como ven, tan ridícula a miña pregunta como a escusa dada–.
Porén, que ninguén pense que a situación das parroquias é diferente da dun centro que vive nunha especie de agonía perenne. A imaxe que se traslada a través de calquera dos accesos á cidade, dos xardíns etc., é simplemente lamentable. A falta de coidado –si, ese coidado que se lles pide aos turistas en FITUR, pero que despois non ten o (des)goberno con requerimentos de Patrimonio por diferentes neglixencias– é unha pedra no zapato de Sanmartín, que non consegue ter un equipo de goberno coordinado e con funcións coherentes. O tutifruti municipal –Pilar Lueiro leva Deportes, Relacións Veciñais, Festas, Rural e a Unidade Municipal de Atención a Drogodependencias, áreas (ironicamente) moi relacionadas entre si– constitúe un problema claro para Sanmartín e para, principalmente, a propia cidade, que sofre as consecuencias. É hora de organización, de xestión e de coordinación. Teñen todo o verán para reflexionar e poñer rumbo.