InicioOPINIÓNCamiño ou colonia

OPINIÓN

Camiño ou colonia

Publicado o

Por Lois E. Froiz
Lois E. Froiz
Lois E. Froiz

Nado en Compostela, é Doutor en Comunicación e leva media vida vencellado á cultura, escribindo en revistas, webs e fanzines, formando parte do xurado de festivais, programando en cineclubes, dirixindo curtas e un documental, tocando en bandas e até publicando un libro. Na actualidade traballa en organización comarcal do BNG.

Hai anos, a xente referíase ao de mandar ás crianzas aos campamentos como “ir de colonias”. Hoxe hai quen aínda o di, pero é xente tan rancia que pasaremos dela. Porén, ese “ir de colonias” semella o mesmo que fan milleiros de peregrinos na nosa vila compostelá, especialmente agora que chega o verán e se achega o noso día grande, o día da Patria Galega —e para estes colonos, o do Apóstolo—. O que pasa é que na súa cabeza, ese ir de colonias ten máis que ver co significado de colonización que de ir de campamento, igual que falar do de día do Apóstolo serve para tapar que é o día da Patria Galega.

E eu pregúntome… para esa xente que chega, cargando con bandeiras do máis que decadente imperio dun anaco da península, que significa realmente o de vir a Compostela, ou máis ben o de vir a Galiza (porque aínda que sexamos a escusa como meta, o problema é nacional)? É unha viaxe orientalista a outro país e por iso traen a súa bandeira, como colonos que veñen ‘civilizar’? É consciente de que o de vir de colonias é parte de toda a estrutura de séculos de doma e castración? Supoño que é unha cuestión que terá matices persoa a persoa, mais a actitude no camiño das hordas con bandeiras que van berrando é unha punta de lanza moi evidente en canto a lembrarnos que formamos parte do imperio porque a iso nos obrigan.

Con todo, ben é certo que esas persoas só son iso, punta de lanza. A colonia vese máis no macro, no que é empresarial como lugar que lles semella xeitoso para colonizar. Non quero ir polo miúdo, pero xunto a aculturación, destrución e desprezo sistemático do idioma e a cultura propia, está o tratamento que se dá ao noso ecosistema e aos nosos recursos. Os eólicos —xa sexan nos proxectos terrestres ou nos marítimos—, as celulosas —xa sexa Ence en Pontevedra ou a macrocelulosa que Altri pretende poñer na Ulloa—, as minas e vertedoiros a ceo aberto que se están a facer dende Ordes ou Val do Dubra a Verín, a eucaliptización como único plan forestal que realmente promove a Xunta…

O peor é, con todo e coma sempre, a conivencia. O feito de que admitamos que estas hordas entren e destrúan, como as de Atila pero coas cores amarela e vermella, todo ao seu paso. Ver á xente cambiar de lingua baixando a cachola por vender un chisco máis, asistir atónito a como case ninguén lles berra cando entran molestando, ver á xente apoiando á selección masculina de fútbol do imperio no canto de reclamar que teñamos selección oficial para ir á Eurocopa (selección que ademais con xente como Aspas, Lucas, Joselu, Brais, Borja e tantos outros… sería top mundial) -e co límite xa no de obrigar a poñer pantallas xigantes para retransmitila, non vaia ser que alguén non se saiba súbdito do reino-, asumir que nas concentracións para defender o país estamos sempre as mesmas ademais das persoas directamente afectadas por cada caso concreto, pero sen unha asunción nacional do problema máis que por esas 4 que estamos sempre…

O mellor, ao mesmo tempo: que a solución é doada. Só implica autoconsciencia como pobo, asumirnos non como colonia, senón como terra libre de ser quen é. Ser un país propio, no que si poidamos aceptar peregrinaxe que veña con respecto, con curiosidade pola nosa cultura e a nosa terra, e frear a quen veña con intención de impor. Sabernos Galiza, para, dende ese saber, ser. E que mellor que facelo en torno ao noso día, o da Patria Galega.

ÚLTIMAS

Conxo volve ao 1856 con reproches do goberno local ao PP pola famosa senda verde

Santiago regresou un ano máis a 1856 cunha nova edición da festa do Banquete...

(VÍDEO) Falta de artistas recoñecidos e escasa visibilidade, principais críticas á Ascensión deste ano

As Festas da Ascensión 2025 chegan a Santiago con música, tradición e unha programación...

O Concello confirma o acordo entre empresa e traballadores que pon fin á folga do lixo

A folga do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria de Santiago de...

O Monbus Obradoiro cae na prórroga en Palencia e xogará o domingo a súa continuidade no play-off

O Monbus Obradoiro perdeu na noite do venres ante o Zunder Palencia no terceiro...

O móbil de Ábalos non só é Pedro, cheira a “esterco”

Dependendo do contexto, podemos usar “sucidade”, “lixo” ou “porcallada”, sendo refinado en palabras utilizarei...

León XIV: Avance, retroceso ou continuidade?

Robert Prevost, agora León XIV, será o Sumo Pontífice que dirixa os destinos da...

Os de sempre

O Partido Popular leva gobernando Galiza dende fai 16 anos. E, menos 4, tódolos...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here