InicioOPINIÓNDa vivenda en aluguer, dos pisos turísticos e de decisións sen consenso

OPINIÓN

Da vivenda en aluguer, dos pisos turísticos e de decisións sen consenso

Publicado o

Por Daniel Chapela
Daniel Chapela
Daniel Chapela
Daniel Chapela (Meiro, Bueu, 1999) é filólogo galego, membro da USC e coordinador de Cultura do PPdeG desde maio de 2022. Os seus intereses céntranse na política municipal e galega e na dinamización da cultura do país.

Nestes días coñecemos unha noticia que sacode o mercado inmobiliario compostelán: a nova ordenanza que pretende tramitar o goberno de Compostela fará que máis de 400 familias teñan que pechar as súas vivendas de uso turístico. Lonxe quedan aqueles días –antes das eleccións municipais, claro– nos que Sanmartín apelaba a “unha perspectiva social e que se puidese establecer un límite de vivendas de uso turístico por persoa propietaria, porque non é o mesmo ter unha que dez”. Tamén quedan lonxe as épocas nas que o BNG pedía sempre diálogo e consenso aos anteriores gobernos. Xa nos imos acostumando a que, aquilo que dixo o BNG en campaña, sexan hoxe palabras lonxanas que a alcaldesa pretende borrar.

A realidade é, unha vez máis, diferente da imaxe que se pretende trasladar desde o bipartito que (des)goberna a cidade. Das 816 vivendas inscritas no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas, só 170 poderían seguir funcionando, mentres a capital de Galicia conta cunhas 7.000 vivendas baleiras –datos do mes de novembro–. Ademais, dentro dunha política de quen fai da mentira o seu modus operandi, Sanmartín pretende escudarse en presuntos informes técnicos para eludir o cumprimento da súa palabra cos propietarios destas vivendas –cando foron os de Patrimonio para a Panorama no Obradoiro, xa se ve o caso que se lles fixo aos informes–. Acaso antes, cando se comprometeu cos propietarios, fíxoo sen informarse? Acaso como alcaldesa non ten palabra? O que non se nos debe escapar en ningún caso é que os propios técnicos afirman que con “este” PXOM non se poden facer as cousas como pretende Sanmartín, polo que caben dúas opcións: deixar de lado a vagancia e buscar outra fórmula no marco deste PXOM que eles mesmos aprobaron ou modificar o PXOM como se fai noutras ocasións para dar cabida a novos proxectos –os tempos cambian!–. Calquera das dúas opcións é mellor que aprobar unha nova ordenanza que condena a máis de 400 familias. Só é preciso vontade e esforzo.

Outra cuestión destacable é a proposta de que as vivendas habituais se poidan converter en vivendas de uso turístico durante dous meses ao ano, unha medida sen dúbida incongruente co resto das políticas desenvoltas e que non fai máis que tensionar de verdade o mercado, posto que o volume de vivendas que poderían participar desta medida sería máis elevado que o número de vivendas de uso turístico actuais, tal e como denunciou o PP de Borja Verea. Con todo, o bipartito sacará adiante a ordenanza grazas aos palmeiros socialistas, quen, aínda lanzando críticas a Sanmartín por prometer unha cousa e a contraria, anunciaron o seu apoio á medida.

A realidade, tal e como defenderon en múltiples ocasións os populares nos Plenos e na vida pública, é que o goberno local debería contribuír a que as 7.000 vivendas baleiras que existen hoxe en Santiago de Compostela volvan ao mercado inmobiliario para favorecer o retorno dos picheleiros que hoxe viven en concellos veciños. Afirmacións como as feitas polo nacionalista Iago Lestegás de que “o mercado turístico contrae o mercado residencial”, cando as vivendas baleiras case multiplican por nove o número de vivendas de uso turístico é, claramente, tentar enganar a cidadanía ante un contexto no que a alcaldesa faltou á súa palabra e mentiu deliberadamente –non o digo eu, dío até o PSdeG, socios do (des)goberno en todo o importante–.

Cómpre que Sanmartín e Lestegás poñan o foco onde realmente importa, nesas 7.000 vivendas que non teñen ningún uso en todo o ano, nesas 7.000 vivendas que poderían solucionar boa parte dos problemas de vivenda na cidade con medidas que favorezan que os seus propietarios as aluguen durante todo o ano. O resto é facer que se fai, finxir que se soluciona algo, mentres a cidade segue paralizada un ano máis. Estilo Sanmartín.

ÚLTIMAS

Pedro Blanco insta a arquitectos e administracións a colaborar para abordar o problema da vivenda

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, chamou a arquitectos e administracións a...

A orixe e o pasado da Praza Roxa: de onde ven o seu nome?

Hoxe en día coñecemos a Praza Roxa por ser un dos lugares máis recoñecibles...

O busto de Santiago o Menor na catedral de Santiago: un misterio que espertou novas teorías

A catedral de Santiago de Compostela alberga unha reliquia que, malia ser pouco coñecida,...

O Concello de Ames estrea a súa programación cultural con teatro e maxia no último trimestre do ano

O Concello de Ames, a través do seu departamento de Cultura, abre a programación...

Virxe da cerca: pensar antes de falar

Virxe da Cerca ou barbarie. Virxe da Cerca ou devastación. Virxe da Cerca ou…...

Nepotismo no PP de Galicia

NEPOTISMO: “PRÁCTICA DE QUEN ABUSA DA INFLUENCIA OU PODER QUE TEN, PARA DAR CARGOS,...

Sobre as quedadas na Sionlla

A formación política do Grupo Municipal Socialista de Compostela @gms_compostela (conta que non ten...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here