“O peor en política é facer o ridículo“. Esta frase de Josep Tarradellas ecoa moi forte na
capital de Galicia, froito da situación de inestabilidade plena na que vive instalado o PSdeG, un partido sen batuta local, enfrontado entre diferentes faccións e sen un proxecto claro para a cidade. Un exemplo evidente é a entrevista concedida a este mesmo medio por Aitor Bouza, actual secretario xeral da agrupación compostelá, na que foi incapaz de avanzar medidas concretas, debido a un feito que a ninguén lle ha de pasar por alto: a falta de control sobre o partido. O enfado entre os concelleiros e concelleiras é evidente e a soidade na que vive instalado Bouza é máis que notable entre toda a sociedade. Non é necesario saber ler os pousos do café para ver que aquí, como o protagonista da novela de Márquez que agarda unha carta que non chega, El coronel [Aitor Bouza] no tiene quien le escriba.
Á falta de liderado —o feito de ser alleo á vida da cidade e non contar con aceptación entre
múltiples militantes, como constatan eles mesmos—, súmase a imposibilidade de obter un
espazo na representación pública e ter que ceder o protagonismo a persoas coas que non
manten unha boa relación política, á marxe da diferenza de ingresos que supón. Conta desta circunstancia dana, por exemplo, os intentos de forzar a dimisión dalgún edil da capital para poder entrar como concelleiro, circunstancia que non se deu e sobre á que xa se pronunciaron Mercedes Rosón e Mila Castro, rexeitando esa opción de pleno. A non conseguir a acta local, engádese o feito de quedar tamén sen a de deputado no Parlamento de Galicia, comicios aos que se presentou de cuarto na candidatura socialista, que obtivo só tres, quedando, ao final, en terra de ninguén. O que poderiamos chamar quedar sen actas con estilo ou nadar e nadar e na beira afogar.
Ademais, as xogadas como apoiar os orzamentos municipais e saír el na imaxe, sen ningún
concelleiro socialista, transmite unha idea del nada beneficiosa —afán de protagonismo e non saber o lugar que se ocupa son as máis suaves—. As peores, falta de equipo, de proxecto, egomanía e inseguridade no seu propio equipo e nel mesmo. E, sobre todo, o feito de apoiar orzamentos, investir a Sanmartín etc., fan que, de feito, o PSdeG non se poida desligar da (in)acción de goberno, xa que sen eles non existiría un goberno cadavérico, incapaz de darlle un impulso real á cidade. Estes sucesos lastran claramente que o PSdeG poida resultar nunha alternativa viable a Goretti Sanmartín, sobre todo tendo en conta o chan electoral do partido a nivel municipal: no ano 2015, os da rosa obtiveron só un 14,65% con algo máis de 6.000 votos, circunstancia que só conseguiron solventar co regreso dunha figura coñecida como Bugallo, unha característica que, en absoluto, ten Bouza —a maiores, moitos socialistas preguntaríanse se non será incluso mellor que non o coñezan para non sangrar aínda máis—.
Estas circunstancias deixan un campo de fútbol claramente despexado. Cunha Compostela Aberta invisible e un PSdeG cunha sorte de bufón real a remolque e sen activos, os comicios municipais do 2027 xirarán exclusivamente en torno ao líder do PP e forza máis votada da cidade, Borja Verea, e a actual alcaldesa, a nacionalista Goretti Sanmartín. Partido, haino!