InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIOO Concello esixe á familia Franco que asuma os custos do traslado...

O Concello esixe á familia Franco que asuma os custos do traslado das estatuas do Mestre Mateo

O Concello propón como destino provisional o Museo do Pobo Galego mentres negocia coas administracións e coa familia Franco as condicións do traslado

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago deu este luns un paso importante na recuperación das estatuas do Mestre Mateo, actualmente en mans da familia Franco. A alcaldesa, Goretti Sanmartín, explicou en rolda de prensa as actuacións realizadas ata o momento, incluíndo contactos coas administracións estatal e autonómica, o envío dun burofax aos propietarios actuais e a proposta dun espazo de depósito provisional para as esculturas: o Museo do Pobo Galego, no convento de San Domingos de Bonaval.

Sanmartín anunciou que o goberno local respondeu xa formalmente á familia Franco, indicándolle que, segundo a sentenza do Tribunal Supremo, debe asumir os custes e a organización do traslado das dúas esculturas atribuídas ao Mestre Mateo. Con todo, advertiu que se non hai unha resposta en tempo “prudencial”, será o propio Concello quen as traslade e reclame despois os gastos por vía xudicial.

A alcaldesa sinalou que se están a preparar todos os informes técnicos necesarios, incluíndo unha taxación, unha memoria de condicións e a contratación de seguros e transporte especializado, para garantir que o traslado se realice “coidadosamente e con seguridade”. Segundo indicou, o proceso levará varias semanas.

Como espazo de acollida inicial, o Concello propón o Museo do Pobo Galego, xa que “é un lugar público, visitable, con condicións museísticas axeitadas e un forte valor simbólico para o país”. Neste museo atópase tamén unha terceira peza adquirida conxuntamente coas estatuas en 1948, unha lauda sepulcral do século XIV que nunca pasou a mans da familia Franco e que permanece alí depositada.

Sanmartín lembrou que esta restitución “non é só patrimonial, senón tamén histórica e colectiva”, polo que avanzou a intención de organizar un acto público de recepción cando as esculturas cheguen á cidade: “Creo que debe ser unha celebración para toda a poboación galega”.

DECISIÓNS TOMADAS NA XUNTA DE GOBERNO LOCAL DE HOXE

Ademais desta cuestión, a rexedora deu conta das decisións adoptadas na Xunta de Goberno Local. Entre elas destaca o inicio das obras de mellora urbana na zona de Pontepedriña, dentro do proxecto Entre Sar e Sarela, cun investimento de 1,8 millóns de euros e un prazo de execución de sete meses. As actuacións inclúen a creación de espazos verdes, sistemas de drenaxe sostible e melloras de accesibilidade.

No ámbito urbanístico, aprobáronse licenzas para reformas de vivendas e usos terciarios, incluíndo cinco novos apartamentos turísticos en Villestro. Tamén se deu luz verde á ampliación das redes de saneamento en Aríns, cun orzamento de 35.579 euros.

En materia de subvencións, o Concello destinou máis de 82.000 euros a entidades como Médicos do Mundo, a USC, a Federación Galega de Atletismo ou o Club Ciclista Compostelán, entre outras.

Sanmartín abordou tamén o avance da nova taxa turística, que se votará definitivamente no pleno do 31 de xullo e que entrará en vigor o 1 de outubro. Defendeu a súa implantación como unha medida razoable e necesaria: “Moitas cidades europeas teñen taxas similares, é algo normalizado. Compostela ten que estar na vangarda”.

Finalmente, avanzou que o mesmo día 31 o pleno extraordinario das festas de Santiago aprobará os recoñecementos da Alba de Compostela, que este ano homenaxeará á médica Charo Rúa, ao ferreiro Chago Martínez, á cantareira Aurora da Freira e ao taberneiro Suso do Dezaseis, como representantes da diversidade e identidade da cidade.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

A nova EDAR da Silvouta avanza na súa posta en marcha coa activación progresiva dos sistemas de tratamento

A nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) da Silvouta, en Santiago de Compostela,...

A Semana do Patrimonio Invisible abrirá o Convento do Carme e As Orfas entre máis de 700 prazas en Compostela

Santiago de Compostela volverá abrir durante unha semana algunhas das portas que habitualmente permanecen...

O Concello limpa a Rocha Forte e prepara un contrato plurianual para o mantemento do xacemento

O Concello de Santiago completou este verán unha nova actuación de roza, limpeza e...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here