InicioPOLÍTICAA Xunta de Goberno aproba obras no rural, subvencións de igualdade e...

A Xunta de Goberno aproba obras no rural, subvencións de igualdade e a nova licitación das escolas infantís municipais

O executivo local adxudicou a pavimentación de varias vías en Bar de Arriba, Bar de Abaixo e Os Asidros por máis de 258.000 euros, prorrogou contratos municipais e deu luz verde ao expediente para xestionar as escolas infantís de Conxo, Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños

Publicado o

Xornal de Compostela

A Xunta de Goberno Local de Santiago aprobou este luns, 8 de xuño, diferentes asuntos en materia de obras, contratación municipal, igualdade, instalacións deportivas e servizos públicos. A portavoz do goberno, Míriam Louzao, informou dos acordos adoptados, entre os que figuran a adxudicación de actuacións no rural, a prórroga de contratos de mantemento, a convocatoria de axudas para programas de igualdade e a tramitación da nova licitación para a xestión das escolas infantís municipais.

No apartado de urbanismo, o goberno local deu luz verde a dúas licenzas de obra maior. A primeira corresponde á demolición dunha edificación situada na rúa do Penedo, número 44, mentres que a segunda permite a construción dunha vivenda unifamiliar na rúa da Cañeira, número 10B.

En materia de contratación, a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación a Cosmalca SL das obras de pavimentación nos lugares de Bar de Arriba e Bar de Abaixo, así como na rúa dos Asidros. A intervención conta con financiamento da Deputación da Coruña a través do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal de 2023. O contrato ascende a 258.902,49 euros, IVE incluído, e terá un prazo de execución de tres meses.

Segundo explicou Louzao, os traballos desenvolveranse en cinco vías, cunha lonxitude total superior ao quilómetro. A actuación inclúe a renovación da pavimentación, a mellora da drenaxe de augas, a ampliación da rede de abastecemento e a instalación dun prisma con tubaxes para permitir o paso de futuros servizos.

Tamén no ámbito rural, o executivo municipal aprobou o expediente para sacar a licitación a ampliación das redes de abastecemento e saneamento na rúa Nova da Igrexa, na parroquia da Araño. Neste caso, o orzamento base é de 65.549,09 euros e a actuación está incluída no POS+ 2025, cun prazo previsto de execución de catro meses.

A Xunta de Goberno autorizou ademais a prórroga por dous anos do contrato de conservación, reparación e pequena reforma de diversos edificios e instalacións dependentes do Concello, adxudicado a Espina y Delfín SL. A prórroga terá efectos desde o 1 de agosto de 2026 ata o 31 de xullo de 2028, cun importe total de 1.420.172,60 euros, o que supón un gasto anual de 710.086,30 euros.

A maior parte dese contrato destinarase ao mantemento dos centros de educación infantil e primaria, cunha previsión anual de 400.000 euros. O resto do orzamento anual repártese entre instalacións deportivas, con 100.000 euros; centros socioculturais, con 96.000 euros; e outras dependencias municipais, con 114.000 euros.

Outro dos acordos aprobados foi a prórroga do contrato de arrendamento dun local na Corredoira das Fraguas, destinado a usos socioculturais e asociativos no barrio de San Pedro. O importe anual deste alugueiro é de 9.999,48 euros.

A Xunta de Goberno tamén aprobou a convocatoria de subvencións para actividades e programas en prol da igualdade efectiva entre mulleres e homes, das persoas do colectivo LGBTIQ+ e da prevención e loita contra as violencias machistas para o ano 2026. A liña de axudas conta cunha dotación global de 30.000 euros e cada entidade poderá recibir un máximo de 2.800 euros.

Poderán concorrer a esta convocatoria as entidades sen ánimo de lucro inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións. O prazo para presentar solicitudes será de 15 días naturais desde a publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia. As bases estarán dispoñibles no taboleiro de anuncios electrónico, na web xeral do Concello e tamén na páxina do Centro de Información á Muller. As actividades subvencionables deberán desenvolverse entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro deste ano.

Por vía de urxencia, o goberno local incluíu tamén a aprobación das bases reguladoras da cesión de uso das instalacións municipais para actividades deportivas e físicas durante a tempada 2026-2027. O prazo xeral para solicitar espazos destinados a adestramentos e actividades físicas será de 15 días desde a publicación da convocatoria na web municipal. No caso das actividades vinculadas a centros educativos, o prazo permanecerá aberto ata o 20 de setembro, ao contaren cunha franxa horaria específica.

Para deportistas individuais que soliciten o uso das pistas de atletismo do Estadio Verónica Boquete, o prazo estará aberto durante toda a tempada. As bases establecen tres niveis de prioridade: en primeiro lugar, as actividades de centros educativos e de entidades que traballen con persoas con discapacidade; en segundo lugar, as de ámbito federativo; e, en terceiro lugar, as actividades físicas e propostas deportivas, recreativas ou competitivas non oficiais. Segundo o goberno local, estes criterios buscan favorecer unha ocupación completa da rede de instalacións deportivas e un uso equitativo por parte das entidades solicitantes.

Louzao informou tamén dos asuntos aprobados nunha Xunta de Goberno extraordinaria celebrada o xoves da semana pasada. Nesa sesión aprobouse o contrato de patrocinio da duodécima edición da ‘Maker Faire Galicia’, cun orzamento de 50.092,79 euros.

Na mesma reunión extraordinaria tamén se aprobou o expediente para contratar o servizo de xestión das escolas infantís municipais de Conxo, Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños, que conforman a rede municipal. O orzamento base de licitación é de 3.130.973,70 euros para dous anos, algo máis de 1,5 millóns de euros anuais. Esta contía supón un incremento do 24,8% con respecto ao contrato anterior, adxudicado en 2022. O prazo para presentar ofertas estará aberto ata o 9 de xullo.

A portavoz do goberno explicou que o incremento orzamentario responde á necesidade de incorporar as novas condicións salariais recollidas no convenio do sector aprobado o ano pasado, así como ao aumento dos custos das materias primas do comedor e dos materiais didácticos.

O novo prego introduce tamén cambios no modelo de xestión. Segundo indicou Louzao, o Concello pasa dun sistema baseado nun pagamento mensual fixo a outro de prezos unitarios por hora efectiva real. O documento establece un teito total anual de 60.574,54 horas de servizo. A portavoz sinalou que este mecanismo permitirá que os aforros que se poidan producir sexan recuperados e destinados a melloras educativas.

Entre os criterios de adxudicación, o prego outorga máis peso á calidade do servizo, con puntuación para medidas como o reforzo de educadoras en horas críticas ordinarias, as titorías individuais previas ao período de adaptación ou un novo proxecto lúdico estival específico para nenos e nenas de 0 a 3 anos durante a garda de agosto.

O contrato incorpora ademais modificacións no servizo de comedor e cociña, que, segundo Louzao, pasará a concibirse como un programa vinculado á seguridade sanitaria e á pedagoxía nutricional. O prego separa as funcións do persoal de cociña e limpeza, eliminando a categoría mixta anterior, na que unha mesma persoa asumía ambas tarefas. Para iso, prevese un incremento de horas que permita contar con persoal diferenciado para cada función.

O documento tamén introduce novas obrigas de control económico para a empresa adxudicataria, que deberá presentar antes do 30 de setembro unha memoria de custos directos referida ao curso escolar anterior. Ademais, o apartado de atención á diversidade acada unha valoración de 20 puntos, con cinco puntos para ferramentas de detección precoz e quince para unha bolsa de ata 450 horas anuais de especialistas de atención temperá para estimulación directa na aula.

Louzao defendeu que o novo modelo supón un cambio na forma de prestar o servizo. Nas súas palabras, o Concello deixa de financiar “unha estrutura teórica” para pasar a mercar “resultados medibles de calidade asistencial, pedagóxica e sanitaria”.

Na Xunta de Goberno extraordinaria do xoves tamén se adxudicaron os tres lotes do contrato de servizos para a organización da 16ª edición dos Xogos do Eixo Atlántico. O lote correspondente á organización, infraestrutura e loxística foi adxudicado a Sport Madness Eventos SL por 143.854,48 euros. O servizo de transporte interno recaeu en Autocares Rías Baixas SL, por 39.061 euros, mentres que a atención sanitaria foi adxudicada a Ambulancias de Ortigueira, cunha oferta de 48.110 euros.

O gasto total comprometido para estes tres servizos ascende a 231.025,48 euros, que serán financiados a través do imposto de estadías turísticas. Segundo trasladou o goberno local, esta edición dos Xogos do Eixo Atlántico mobilizará arredor de 2.400 deportistas e podería atraer a Compostela máis de 5.000 persoas durante a primeira quincena de xullo.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

O PP denuncia que a Policía Local traballou con seis axentes nalgúns días do verán

O Partido Popular de Santiago denunciou a situación dos efectivos da Policía Local durante...

Sanmartín prevé asinar o novo contrato dos autobuses en setembro e poñer o servizo en marcha este outono

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, situou para finais da próxima semana ou comezos...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here