O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Adrián Villa, anunciou que o seu grupo solicitará a convocatoria urxente do Padroado do Refuxio de Animais de Bando para abordar a situación do centro, a suspensión do proceso de selección da súa dirección e os investimentos pendentes acordados neste órgano.
Nunha rolda de prensa, Villa afirmou que o PP volve levar este asunto ao debate público pola situación que, segundo indicou, atravesa o refuxio desde o inicio do mandato. O edil popular formulou varias preguntas ao goberno local, entre elas “canto lle importa ao Bloque Nacionalista Galego o benestar animal”, “por que está sen cumprir os acordos adoptados” no padroado e “a que se debe a total e absoluta pasividade do goberno local”.
O concelleiro sinalou directamente á alcaldesa, Goretti Sanmartín, como presidenta do padroado, á que acusou de manter unha actitude de “pasividade absoluta” ante os problemas denunciados no centro. Segundo Villa, o refuxio segue a día de hoxe saturado, co mesmo número de operarios e sen que se teñan executado investimentos que, afirmou, xa foran aprobados no seo do padroado.
O representante do PP fixo unha cronoloxía das advertencias e denuncias que, segundo lembrou, se veñen producindo desde 2023. Citou unha denuncia en agosto dese ano sobre unha saturación “sen precedentes” no refuxio, escritos dos traballadores en outubro sobre deficiencias de hixiene e seguridade, unha solicitude de recursos económicos en decembro, así como denuncias públicas do voluntariado en xaneiro de 2024.
Tamén mencionou o balance de 2023, que, segundo dixo, confirmou cifras récord de entradas de animais, e novas denuncias sindicais en xaneiro de 2025 pola saturación e por posibles incumprimentos en materia de seguridade. A esta relación engadiu un ataque a unha traballadora no mes de outubro de 2025 por parte dun can que, posteriormente, foi sacrificado; unha denuncia sobre outros cans potencialmente perigosos en novembro; e a saída do voluntariado do centro en decembro, que atribuíu a unha decisión unilateral do goberno local.
Villa referiuse tamén á situación de dous cans que permanecen no refuxio. Segundo explicou, nun primeiro momento se valorara o seu sacrificio, mais un informe dunha etóloga externa sinalaría a necesidade de traballar na súa recondución mediante terapias específicas para evitar agresións a operarios ou a outros cans. O edil popular asegurou que ese informe tamén advertiría de que Bando non era o espazo axeitado para desenvolver esas terapias.
“Está Bando incumprindo os informes que se recollen? Pois a realidade é que si”, afirmou Villa, que advertiu de posibles consecuencias se non se actúa. O concelleiro sostivo que o PP xa realizou avisos anteriores sobre a situación do centro e insistiu en que o goberno local debe adoptar medidas.
Outro dos puntos abordados polo edil foi o proceso de selección da dirección do Refuxio de Bando. Segundo explicou, o contrato da directora rematou a finais de abril e, desde entón, as funcións de dirección recaen no concelleiro de Benestar Animal, por designación da presidenta do padroado. Villa asegurou que esta situación foi coñecida polo PP a través de traballadores e voluntarios, e que posteriormente foi confirmada polo propio concelleiro no pleno ordinario do pasado mes.
O concelleiro popular lembrou que a praza fora convocada o 4 de marzo no Boletín Oficial da Provincia da Coruña, que o tribunal se nomeou o 30 de marzo e que o 14 de abril se publicou a lista de aspirantes admitidos, con dúas persoas. Con todo, indicou que o 17 de abril se suspendeu unha proba que xa estaba convocada para elixir a persoa que debía ocupar a dirección.
Segundo denunciou Villa, esa suspensión produciuse “sen informar a ningún membro do padroado do refuxio”. O edil cualificou a situación de “ocultismo”, “total opacidade” e “cero explicacións”, e asegurou que desde o 30 de marzo non se convoca o Padroado do Refuxio de Animais de Bando.
A solicitude do PP para convocar este órgano terá como obxectivos coñecer os motivos da suspensión do proceso de selección da dirección, cubrir a vacante deixada no padroado por unha das asociacións que causou baixa voluntaria e incorporar no seu lugar unha asociación de voluntariado activa actualmente en Bando. O grupo popular tamén pedirá información sobre o número de animais, o número de operarios e o grao de saturación do centro.
Ademais, Villa reclamará que se concreten os prazos dos investimentos e das infraestruturas acordadas no padroado. “Non imos consentir que a presidenta deste órgano, Goretti Sanmartín, continúe xogando co benestar animal e cos traballadores e operarios que alí traballan”, afirmou.
Na quenda de preguntas, Villa tamén foi interpelado sobre a seguridade en Santiago. O concelleiro asegurou que o PP non sostén que Santiago sexa unha cidade insegura, mais indicou que o seu grupo se fai eco das situacións que, ao seu xuízo, preocupan á veciñanza. Referiuse aos narcopisos, á venda de droga, a episodios de violencia e á conflictividade nocturna en determinados puntos da cidade.
O edil defendeu que o PP seguirá reclamando máis presenza policial e medidas para garantir a seguridade. Tamén criticou que o goberno local convoque os organismos relacionados coa seguridade despois de episodios graves, e preguntou por que non se fixo antes para tratar de previr estas situacións. Ao seu xuízo, o executivo local chega “tarde, mal e a rastro” tamén nesta materia.

