InicioOPINIÓNSonoma. Un espectáculo entre o surrealismo e o vitalismo

OPINIÓN

Sonoma. Un espectáculo entre o surrealismo e o vitalismo

Publicado o

Por Xiana Vilas Castro
Xiana Vilas Castro
Xiana Vilas Castro
Coreógrafa, bailarina e docente

Sonoma é o espectáculo da compañía ‘La Veronal‘, presentada o 20 de abril no Auditorio de Galicia. Esta obra, dirixida por Marcos Morau, valenciano afincado en Cataluña, non deixa indiferente a ninguén; o corpo queda abatido e a alma atravesada. O público foi testemuña dunha posta en escena con forza, cunha danza especialmente precisa e virtuosa. O movemento fulgurante das bailarinas, xunto coas frases en francés, irreverentes e francas, parece que nos lanzaran unha mensaxe: vive vigorosamente, que a vida é curta.

No comezo da obra aparecen as bailarinas vestidas de longo sentadas ao carón dunha cruz tombada, como se dun culto ou ritual se tratase; o que nos transporta a épocas pasadas de forte tradición relixiosa. Na seguinte escena as mulleres aparecen coa cabeza tapada, como se non foran donas dos seus corpos; nalgúns momentos pódenos lembrar á obra de ‘The Shakers‘ (1931) de Doris Humphrey, con movementos repetitivos e pequenos saltos, como unha forma de meditación colectiva. Logo vanse sucedendo escenas propias do surrealismo; xa que esta obra pretende render homenaxe ao universo Buñuel. Van aparecendo diferentes figuras: anciás con cabezas xigantes, un alto personaxe descabezado e mozas con vestimenta virxinal. Todo isto imprime unha atmosfera, por momentos desacougante e por momentos onírica.

Espectáculo de danza Sonoma – Simone Cargnoni

A dramaturxia, apela á rabia, á dor, á morte, ao medo a envellecer, á fugacidade dos nosos tempos, pero sobre todo á fortaleza do mundo feminino que desprenden as nove bailarinas que forman o elenco. Unha delas galega, Alba Barral, que leva anos afincada en Barcelona, e que sempre nos deleita coa súa fortaleza expresiva e a súa técnica contemporánea.

Na escenografía aparecen paneis, facendo de paredes, un deles no teito, que serven de iluminación e xogo escénico, achegándose entre eles por veces, incrementando así a sensación de afogamento ou mesmo intimidade. O espazo sonoro, inspírase nas raíces, na tradición e no humano, con ritmos, voces e sons, que conectan directamente co profundo e realzan a narrativa da danza.

Nalgunhas escenas van aparecendo frases que axitan e conmoven como “A arte perdura, pero a vida é breve“. Cara o final con tambores nas mans as bailarinas berran sentenzas fulminantes: “Nós que aprendimos a dominar o lume!” ou “Nós fomos as que matamos a Lorca!” e forman unha catarse colectiva que se traslada ao espectador. La Veronal traza o paralelismo entre Sonoma e unha montaña rusa, onde todo se precipita e o berro é o único medio de escape.

Esta foi unha das obras programadas, entre outras de compañías galegas e de fóra de Galicia, ao redor do día da danza (29 de abril). Agardamos seguir gozando dunha programación prolífica en danza máis aló destas datas. Por agora, estará Javier Martín o 3 de maio no teatro Principal e o festival ‘Escenas do cambio‘ do 3 ao 6 de maio que trae danza de parte de: Andrés Corchero e Oguri, Álvaro Murillo, La Intrusa, Laura Aris, Ay, Cariño! e David Loira.

ÚLTIMAS

Santiago presenta en Fitur unha campaña para reforzar o turismo de congresos ao longo de todo o ano

A concelleira de Turismo de Santiago de Compostela, Míriam Louzao, e a directora do...

Convocan unha mobilización en Santiago contra o colapso sanitario: “Ou nos mobilizamos ou a sanidade seguirá destruída”

A Plataforma SOS Sanidade Pública convocou unha concentración para o domingo 1 de febreiro...

O Concello de Santiago adxudica a Eulen o contrato de dinamización da rede de centros socioculturais

A Xunta de Goberno do Concello de Santiago aprobou a adxudicación do contrato de...

O Premio Literario San Clemente distingue tres obras elixidas polo alumnado de Bacharelato

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, e o secretario xeral...

Esperanza… ou non!

O PP goberna na Galiza, 17 anos. Primeiro Feijoo e logo Rueda; tempo tiveron,...

Para cambiar Galicia hai que ter paciencia… e o traxe de austronauta posto

En Galicia levamos anos vendo cousas que dan moita rabia: tramas urbanísticas, contratos raros,...

Gaza, cemiterio de xornalistas

A historia só será xenerosa coas testemuñas. En Gaza lembrarase o nome de Anas...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here