InicioOPINIÓNUnha TVG independente

OPINIÓN

Unha TVG independente

Publicado o

Por Xosé Carlos Veiga García
Xosé Carlos Veiga García
Xosé Carlos Veiga García
Xosé Carlos Veiga García (Ferrol, 1997) é investigador predoutoral no grupo HISPONA da Universidade de Santiago de Compostela. Na súa traxectoria colaborou con institucións como o NIOD Institute for War, Holocaust and Genocide Studies e o Moscow State Institute of International Relations. Participou de proxectos como Lugares de Memoria Democrática de Galicia, a criazón do Fondo de Propaganda Política Miguel Gutiérrez ou o informe para a recuperación das estatuas do Pórtico da Gloria do Pazo de Meirás. Conta con diversas publicacións, conferencias e eventos relacionados coas identidades políticas
e nacionais en conflito, a memoria coletiva e o papel das tecnoloxías dixitais no enfrontamento intergrupal.

Recentemente o Parlamento Galego aprobou unha Lei de Servizos Públicos Audiovisuais que modificou a situación da CRTVG (agora CSAG) de xeito decisivo. Foi posíbel grazas á maioría do PPdeG e contou coa oposición do BNG e do PSdeG, que denunciaron que se trataba dun secuestro da corporación pública por parte do goberno.
A nova lexislación permite a escolla do Director Xeral da empresa de comunicacións por
maioría absoluta na cámara, cando antes precisábanse 3/5. Na práctica, isto outórgalle control total sobre ela ao PPdeG, que goza desta condición de xeito case ininterrompido dende vai máis de 35 anos. É dicir: a Xunta da Galiza deuse a si mesma a capacidade de prescindir dos partidos da oposición na escolla dos órgaos de administración da radio-televisión pública.
Isto non supón acabar coa independencia da CSAG, porque xa non a tiña. A lei anterior tamén sometía o organismo á vontade dos políticos deixándoos escoller a súa dirección sen
institucións intermedias ou participación da sociedade civil. O propio financiamento da
corporación xa dependía dos pagamentos da Xunta, que supuxeron case un 94% dos seus
ingresos en 2024.
Antes de que se aprobara esta lei, o instituto de pesquisa Media and Journalism Research
Center colocaba a nosa radio-televisión na categoría de “Controladas polo Estado”, a máis
baixa en grao de independencia, propia de “reximes autoritarios ou medios públicos fallidos”. É lóxico. Fiaríamonos dun medio de comunicación que dirixen persoas escollidas polos partidos políticos maioritarios e cuxo financiamento depende do goberno?
Existen no mundo exemplos de medios públicos amparados por lexislacións que se preocupan de verdade pola súa independencia. A ZDF alemá conta cun Consello da Televisión no que interveñen diversos actores da sociedade civil e representantes de todos os gobernos estatais, e o seu financiamento, garantido cun canon propio que pagan todos os fogares, regúlano unha institución diferente e varios acordos rexionais. Mecanismos dese tipo existen na televisión portuguesa, na británica ou nas escandinavas. Ningunha delas está completamente libre de presións políticas, mais en todas encontramos un sistema de garantías do que nos poderíamos beneficiar.
Nin a Xunta nin a oposición parlamentaria galegas están realmente comprometidos coa
independencia da CSAG, porque ningún dos tres grandes partidos leva no seu programa unha reforma encamiñada a garantila. A Comunidade Autónoma dispón dos mecanismos necesarios para facelo e de modelos a seguir a nível internacional. Criar, por exemplo, un Consello da Televisión Galega no que tome parte a sociedade civil e limite a influencia política, ou blindar o financiamento da corporación vencellándoo a tributos propios, é perfeitamente viábel.
A televisión pública debe ser libre para incomodar ao poder, algo imposíbel se a reducimos a unha ferramenta electoral. O problema hoxe non é a falta de alternativas, senón a nula vontade política para aplicalas. Entre brigas partidistas por ver quen controla máis, os nosos medios públicos fican desprestixiados ante o mundo e desprezados polos cidadáns.

ÚLTIMAS

O Concello de Santiago aproba novas licenzas de obra e reactiva a solicitude para declarar a cidade como zona de mercado residencial tensionado

A Xunta de Goberno Local de Santiago de Compostela aprobou este luns diversos acordos...

Maite Flores destaca que “hai partido” entre as dúas candidaturas ao reitorado da USC

A candidata á reitoría da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Maite Flores, reivindicou...

Un estudo do IDIS apunta que un fármaco usado contra a gota podería axudar a combater a osteoporose

A revista científica Pharmaceutics publicou un traballo do grupo de Patoloxía Musculoesquelética do IDIS,...

O PSOE pregunta ao Goberno de Santiago cando licitará as cafeterías dos parques municipais tras quedar deserto o concurso o pasado verán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago levará ao pleno deste mes unha pregunta sobre...

Toponimia cool

Orixinariamente o termo avenida facía referencia ao camiño que entraba nunha cidade e que...

Listas de espera e abandono nos servizos sociais de Santiago

Salvador Blanco Turnes Seis meses de espera para conseguir unha primeira cita cunha asistenta social...

Por que nos manifestamos o 1 de febreiro do 2026?

O 1 de febreiro do 2026, a Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, chama...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here