Diversos colectivos sociais de Santiago de Compostela presentarán nos vindeiros días unha iniciativa cidadá coa que solicitarán ao Goberno municipal a modificación da denominación da Avenida Juan Carlos I de Borbón, propoñendo o seu cambio por ‘Rúa de Gaza’. A proposta será dada a coñecer nunha comparecencia pública diante dos medios de comunicación.
A iniciativa está impulsada polos colectivos Compostela x Palestina, Plataforma Antifascista e Republicana e Insubmisas contra o rearmamento Galicia, que consideran que existe un contexto político e social propicio para reabrir este debate no rueiro da cidade. Neste sentido, lembran que o BNG xa formulara en 2020, cando se atopaba na oposición, unha petición semellante para retirar esta denominación, polo que entenden que a súa presenza no actual goberno local abre a porta a retomar aquela proposta.
A presentación contará coa participación, entre outras persoas, de Sandra Garrido, veciña galega que formou parte o pasado ano da flotilla Global Sumud, unha iniciativa internacional de solidariedade con Palestina. Durante o acto explicaranse os motivos políticos e simbólicos que sustentan a solicitude, así como o percorrido seguido pola iniciativa desde o seu lanzamento e os vindeiros pasos previstos para a súa tramitación institucional.
Segundo trasladaron os colectivos promotores, a proposta conta xa co respaldo de centos de sinaturas recollidas na cidade, ademais do apoio explícito de numerosas organizacións sociais e políticas con presenza en Compostela. Entre elas figuran Podemos Compostela, o Foro Galego de Inmigración, Avante LGBT+, Sanidade Galega pola Palestina, BDS Galiza, Movementos Global para Gaza – Galiza, Galiza por Palestina, Alternativa Republicana e o comité galego do PCE (m-l).
A comparecencia pública incluirá tamén unha quenda de preguntas para os medios, coa intención de dar a coñecer en detalle unha proposta que busca incorporar ao rueiro compostelán unha referencia de carácter político e solidario ligada ao conflito en Palestina.

