InicioPOLÍTICAO Concello de Santiago suspende un mes o servizo de animación para...

O Concello de Santiago suspende un mes o servizo de animación para que os traballadores poidan cobrar o paro

O concelleiro Xan Duro anuncia a paralización das actividades nos centros socioculturais tras a renuncia de Eulen ao contrato e as débedas salariais de Serviplus.

Publicado o

Xornal de Compostela

O concelleiro de Mobilidade e Convivencia de Santiago, Xan Duro, anunciou este luns unha medida excepcional para paliar a situación de precariedade que atravesan os traballadores do servizo de animación nos centros socioculturais. O Goberno local decidiu suspender a orde de continuidade da actual concesionaria, Serviplus, para que os empregados —que acumulan nóminas sen pagar desde hai meses— poidan acceder legalmente á prestación por desemprego. Esta decisión implica que as actividades quedarán suspendidas durante, polo menos, un mes ou mes e medio, ata que unha nova empresa asuma o servizo.

Duro explicou que esta vía é a máis favorable para o persoal, xa que evita que estean “obrigados a ir ao seu posto de traballo sen cobrar e sen visos de facelo” mentres se manteña a actual relación coa empresa debedora. O edil garantiu que, unha vez se formalice o novo contrato, os traballadores serán subrogados coas mesmas condicións e que a Administración manterá a garantía de pago dos salarios polas facturas pendentes dos servizos xa prestados. Os servizos máis afectados por este parón serán as aulas de xogo, as de informática e as actividades de dinamización, mentres que a atención ao público e as bibliotecas seguirán operativas.

RESPONSABILIDADES DE EULEN E CONFLITO COLECTIVO

A crise no servizo agravouse despois de que Eulen, adxudicataria do novo contrato, presentase a súa renuncia a pasada semana. Xan Duro foi tallante ao asegurar que, segundo as primeiras avaliacións técnicas, esta renuncia “carece de causas xustificadas” e as atribúe a dous factores: a débeda de Serviplus e o proceso xudicial iniciado polo sindicato para cambiar o convenio colectivo ao de eventos e producións culturais. O concelleiro defendeu que no momento da licitación non existía unha débeda salarial comunicable e que a demanda sindical se interpuxo cando os estudos económicos xa estaban pechados e informados.

O responsable municipal remarcou que a renuncia de Eulen non ten causas imputables ao Concello e adiantou que reclamarán todas as penalidades que permita a lei de contratos pola espantada da empresa. “Se alguén ten que dimitir e dar explicacións é a persoa que tomou a decisión de suspender un contrato adxudicado”, sentenciou Duro en resposta ás críticas, defendendo a xestión técnica da licitación baseada en feitos probados e non en demandas xudiciais pendentes de sentenza.

OS VENTOS AVALÍA ASUMIR O SERVIZO

Tras a saída de Eulen, o Goberno local xa contactou coa segunda empresa clasificada no concurso, Os Ventos, que nestes momentos se atopa “avaliando” a viabilidade de asumir o contrato. Xan Duro mantivo varias reunións coa firma para explicar os datos económicos e as condicións reais do servizo. Espérase que a empresa dea unha resposta definitiva en poucos días. Se finalmente acepta, os prazos administrativos para a presentación de documentación e a adxudicación formal farían que o servizo puidese estar a funcionar de novo nun prazo máximo de mes e medio.

ÚLTIMAS

O Compostela encadea a terceira vitoria consecutiva tras impoñerse ao Llanera por 1-3

A SD Compostela sumou este domingo a súa terceira vitoria consecutiva na Liga despois...

Felipe Arias Vilas é elixido presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego

O Museo do Pobo Galego, con sede en Santiago de Compostela, inicia unha nova...

A Xunta recibe 12 ofertas para construír 79 novas vivendas públicas en Ames

A Xunta de Galicia recibiu 12 ofertas de empresas interesadas en executar a construción...

Centos de persoas maniféstanse en Santiago contra as cargas policiais da Coruña

Centos de persoas saíron este venres ás rúas de Santiago de Compostela para protestar...

Santiago selecciona a empresa que xestionará a plataforma loxística da Cidade Histórica, que comezará a funcionar a principios de 2027

A alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, anunciou este venres que a empresa Kibus Distribución...

O PP de Santiago esixe a Sanmartín que condene os disturbios da Coruña e evite un posible boicot á Carreira Pedestre

O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Antonio Constenla, reclamou á alcaldesa de...

Pedro Blanco propón reforzar a atención temperá e ampliar o lecer accesible en Santiago

O candidato do PSOE á Alcaldía de Santiago de Compostela, Pedro Blanco, anunciou que...