InicioSOCIEDADEO Camiño Francés concentra case a metade dos peregrinos pero alertan do...

O Camiño Francés concentra case a metade dos peregrinos pero alertan do risco de masificación e perda de identidade

Un estudo avisa da banalización da experiencia xacobea e da saturación turística, aínda que destaca o seu papel como motor económico en 113 concellos

Publicado o

Xornal de Compostela

O Camiño de Santiago Francés concentrou en 2024 un total de 236.262 peregrinos, o que supón o 47,4% do total das persoas que fixeron o Camiño de Santiago, consolidándose como a ruta xacobea máis transitada. Ademais, actuou como motor de emprego, actividade empresarial e servizos en 113 municipios, aínda que tamén xerou desaxustes crecente e presenta ameazas como a saturación e a progresiva “banalización da experiencia do peregrino”. Así o reflicte o Estudo sobre a sustentabilidade económica e social do Camiño de Santiago Francés, elaborado pola Asociación de Municipios do Camiño de Santiago, que analiza o impacto socioeconómico e os efectos desta ruta histórica.

AMEAZAS Á IDENTIDADE DO CAMIÑO

O informe inclúe unha análise DAFO (Debilidades, Ameazas, Fortalezas e Oportunidades) na que identifica como principais riscos o auxe de modelos turísticos masificados, superficiais e descontextualizados, que poden derivar nunha perda de identidade cultural e espiritual do Camiño Francés, especialmente nos tramos con maior presión turística. Entre as ameazas tamén se sinala a mercantilización da ruta, a desvinculación do seu carácter simbólico, así como a dilución da identidade do Camiño por parte de actores económicos alleos ao territorio, centrados exclusivamente na rendibilidade.

O estudo alerta igualmente da desconexión das novas xeracións, coa perda do vínculo simbólico tanto entre peregrinos como nas comunidades locais, e das tensións sociais derivadas da saturación, que están a transformar algúns municipios en enclaves orientados ao visitante e non á veciñanza, afectando á cohesión social. Outros riscos destacados son a gentrificación ligada ao aluguer turístico, co conseguinte encarecemento da vivenda para a poboación residente, a deterioración da experiencia peregrina pola presenza crecente de visitantes ocasionais ou consumidores de lecer, e o impacto do cambio climático, con máis ondas de calor no verán e fenómenos meteorolóxicos extremos que incrementan os riscos para os camiñantes.

OPORTUNIDADES PARA UN MODELO SOSTIBLE

Xunto ás ameazas, o estudo subliña tamén as oportunidades que ofrece o Camiño Francés para impulsar un desenvolvemento rural sostible, avanzar na transición verde e fomentar a dixitalización en contornas rurais. O informe aposta por unha mellora do modelo turístico cara a criterios de equilibrio, diversificación e sustentabilidade. “A diversidade de perfís e motivacións dos peregrinos permite deseñar modelos que combinen peregrinación, cultura, natureza, espiritualidade e calidade de vida”, sinala o documento.

Tamén destaca o potencial do Camiño Francés para desestacionalizar o turismo, reforzando o seu compoñente cultural e espiritual, así como para desconcentrar os fluxos, mediante a promoción de tramos menos saturados —como o aragonés— e de zonas rurais que poidan aliviar a presión sobre áreas con alta afluencia. Finalmente, o estudo identifica marxe para crear rutas complementarias temáticas, vencelladas á arte, á natureza, á gastronomía ou á historia, que permitan enriquecer a experiencia do peregrino e xerar novas oportunidades económicas nos municipios intermedios do Camiño.

ÚLTIMAS

O Compostela encadea a terceira vitoria consecutiva tras impoñerse ao Llanera por 1-3

A SD Compostela sumou este domingo a súa terceira vitoria consecutiva na Liga despois...

Felipe Arias Vilas é elixido presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego

O Museo do Pobo Galego, con sede en Santiago de Compostela, inicia unha nova...

A Xunta recibe 12 ofertas para construír 79 novas vivendas públicas en Ames

A Xunta de Galicia recibiu 12 ofertas de empresas interesadas en executar a construción...

Centos de persoas maniféstanse en Santiago contra as cargas policiais da Coruña

Centos de persoas saíron este venres ás rúas de Santiago de Compostela para protestar...

Un ensaio clínico desenvolvido en Santiago logra un premio internacional por investigar un tratamento para a enfermidade de Crohn

Unha investigación realizada integramente en Santiago de Compostela conseguiu un recoñecemento internacional polos seus...

A Alameda de Santiago incorpora un banco para combater a soidade non desexada e fomentar a convivencia

A Alameda de Santiago de Compostela conta desde este martes, 20 de outubro, cun...

A rúa das Rodas recuperará o dobre sentido de circulación este mércores polos atrasos nos autobuses urbanos

O Concello de Santiago de Compostela restablecerá este mércores 21 de outubro o dobre...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here