InicioMOV. SOCIAISMiles de persoas maniféstanse en Santiago para denunciar os colapsos da sanidade...

Miles de persoas maniféstanse en Santiago para denunciar os colapsos da sanidade pública galega

Miles de persoas maniféstanse en Santiago de Compostela para denunciar os "continuos colapsos" da sanidade pública galega ao berro de "coa nosa saúde non se xoga".

Publicado o

Xornal de Compostela

Miles de persoas saíron este domingo ás rúas de Santiago de Compostela para denunciar os “continuos colapsos” da sanidade pública galega e reclamar un sistema sanitario público e de calidade. A mobilización, convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública, desenvolveuse nunha xornada marcada pola choiva e reuniu manifestantes chegados de distintos puntos de Galicia.

A marcha percorreu varias rúas do centro da cidade ata concluír na Praza do Obradoiro, onde se procedeu á lectura dos manifestos. Durante o percorrido, escoitáronse consignas como “coa nosa saúde non se xoga” e “queremos máis sanidade pública e de calidade”, nunha protesta centrada nas listas de espera, a situación da Atención Primaria e o funcionamento dos servizos de Urxencias.

A cabeceira da manifestación estivo integrada pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón; o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e o secretario xeral de Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López, xunto a outros representantes políticos e sociais.

Durante a mobilización, Ana Pontón responsabilizou ao PP do que cualificou como “17 anos de recortes” na sanidade pública galega e acusou ao Goberno autonómico de “querer deteriorar a sanidade pública para beneficiar á privada”. A líder nacionalista exemplificou esta situación coa presenza de pacientes nos corredores dos hospitais e co tempo de espera para unha cita en Atención Primaria, que situou en “case un mes”, unha realidade que, segundo sinalou, “pon en risco” a saúde da poboación.

Pontón tamén fixo referencia aos recursos económicos, ao asegurar que mentres se produciron recortes en Atención Primaria, incrementouse o investimento na sanidade privada ata acadar 341 millóns de euros. Neste contexto, pediu ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que “rectifique” e atenda o “clamor” da cidadanía, que, segundo dixo, está “farta de colapsos en Urxencias e Atención Primaria”.

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG advertiu do que definiu como un “verdadeiro caos” no sistema sanitario galego. Gómez Besteiro afirmou que a situación non responde a problemas puntuais, senón a unha cuestión “estrutural”, e alertou do risco de que Galicia avance cara a un modelo de privatización semellante ao doutras comunidades. O líder socialista apuntou cifras como as de 360.000 persoas á espera dunha cita médica e os 12.000 nenos e nenas que deben desprazarse quilómetros para recibir atención pediátrica, ademais do colapso das Urxencias.

Desde Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López reclamou a dimisión do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, ao que cualificou de “incapaz” e ao que atribuíu unha “estratexia deliberada de privatización”. Segundo expuxo, esta política situou á sanidade pública galega na “peor situación dos últimos 30 anos”. López describiu un escenario de Atención Primaria e Urxencias colapsadas e anunciou a proposta dun plan de choque, que inclúe medidas de transparencia nas listas de espera e a convocatoria urxente de mil prazas de emprego sanitario.

ÚLTIMAS

Un home resulta ferido tras unha explosión de gas nun edificio de Vista Alegre

Un home resultou ferido de consideración este sábado tras producirse unha explosión de gas...

O PP de Santiago acusa a Goretti Sanmartín de “farsante” pola candidatura de Santiago a Capital da Ciencia

A concelleira do PP de Santiago, Olaya Otero, cualificou este venres de “farsante” a...

Convocan unha concentración en Santiago contra a caza e os malos tratos animais

Santiago de Compostela será unha das cidades nas que este domingo se desenvolverá unha...

Lola Índigo, Afrojack, Guitarricadelafuente ou Ortiga, algúns dos artistas que completan o cartel do Son do Camiño 2026

O festival O Son Do Camiño avanza cara a un novo sold out logo de...

Convocan unha concentración en Santiago contra a caza e os malos tratos animais

Santiago de Compostela será unha das cidades nas que este domingo se desenvolverá unha...

SOS Sanidade Pública marchará hoxe para denunciar os colapsos da sanidade galega

A Plataforma SOS Sanidade Pública convocou unha concentración este domingo en Santiago de Compostela...

Estes son os autobuses dispoñibles para acudir á mobilización en defensa da sanidade pública en Santiago

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública convoca unha mobilización en defensa da sanidade...