InicioMOV. SOCIAISQueremos Galego presenta en Santiago o protocolo ‘Lingua Vital’ para responder á...

Queremos Galego presenta en Santiago o protocolo ‘Lingua Vital’ para responder á “emerxencia lingüística”

A plataforma cidadá reuniu na praza da Quintana representantes de decenas de entidades e chama á sociedade a implicarse na normalización do galego

Publicado o

Xornal de Compostela

A plataforma cidadá Queremos Galego celebrou este sábado na praza da Quintana de Santiago de Compostela unha asemblea aberta na que presentou publicamente o protocolo ‘Lingua Vital’, unha iniciativa impulsada por entidades sociais para facer fronte á situación que cualifican de “emerxencia lingüística” do galego.

O documento foi elaborado por 57 entidades de diferentes ámbitos sociais, co apoio doutras 396 organizacións, e recolle un conxunto de medidas normativas e executivas destinadas a avanzar cara á plena normalización da lingua galega. Segundo explicou o portavoz da plataforma, Marcos Maceira, o texto parte dos obxectivos aprobados por unanimidade no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004, así como de acordos internacionais como a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos ou a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minorizadas.

A asemblea, conducida por Sara Seco, contou tamén coas intervencións de Celia Armas, Mónica Valencia, Xosé Henrique Costas, Marcos Maceira e David Minoves, do Centre Internacional Escarré per les Minories Ètniques i Nacionals (CIEMEN), e concluíu cunha actuación musical de Caamaño e Ameixeiras.

CRÍTICAS Á POLÍTICA LINGÜÍSTICA DA XUNTA

Durante a presentación do protocolo, Maceira asegurou que a sociedade civil decidiu impulsar esta iniciativa ante a falta de medidas institucionais para reverter a situación do idioma. Segundo indicou, hai un ano e medio unha enquisa do Instituto Galego de Estatística certificou que o castelán se consolidaba como lingua máis falada en Galicia, e desde entón, ao seu xuízo, a Xunta non adoptou accións para promover o uso do galego.

“O que fixo foi bater récords, non para reverter a situación da lingua, senón para a súa oficialidade”, afirmou o portavoz de Queremos Galego, que citou como exemplos votacións contrarias ao uso do galego en distintos ámbitos institucionais ou campañas en castelán en centros educativos.

Maceira explicou que o protocolo pretende avaliar o cumprimento das medidas previstas no plan de normalización de 2004, identificar os obstáculos que impediron a súa aplicación e propoñer accións concretas con planificación, avaliación de resultados e calendario de execución, que previsiblemente se concretará ao comezo do próximo curso.

“O reto que temos agora é cumprir estas medidas. A nosa intención é que sexa a sociedade galega a protagonista da reposición da lingua galega e de reverter a súa situación actual”, sinalou.

CHAMAMENTO A RECUPERAR O CONSENSO POLÍTICO

Ao acto asistiu tamén a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que reclamou un “cambio de rumbo urxente” nas políticas lingüísticas do Goberno galego. Segundo indicou, “o noso idioma está nunha situación crítica tras 17 anos cun goberno do PP que quere convertelo en lingua residual”.

Pontón defendeu a necesidade de recuperar o consenso político arredor da lingua galega e cumprir o Plan Xeral de Normalización Lingüística, ademais de reclamar a derrogación do decreto que regula o uso das linguas no ensino, ao que se referiu como “o decreto da vergoña”.

A líder nacionalista advertiu tamén de que diferentes informes institucionais sinalan a existencia dunha emerxencia lingüística, pero considerou que a situación “é crítica pero reversible” se existe un acordo social amplo que impulse medidas de promoción e normalización do galego.

Coa presentación do protocolo ‘Lingua Vital’, Queremos Galego inicia agora unha nova fase orientada á posta en marcha das medidas propostas, coa intención de implicar tanto ás institucións como ao conxunto da sociedade galega na recuperación do uso social do idioma.

ÚLTIMAS

O Pleno aborda a seguridade na cidade entre chamadas ao pacto, avisos contra o alarmismo e reclamacións de máis medios

O Pleno municipal de Santiago aprobou este xoves unha proposta dos concelleiros non adscritos...

A conexión aérea entre Santiago e Jerez reforza a promoción turística entre Galicia e Cádiz

A nova conexión aérea directa entre Santiago de Compostela e Jerez da Frontera centrou...

Compostela Accesible lanza unha campaña para denunciar barreiras arquitectónicas en Santiago

A Plataforma Compostela Accesible, detrás da que está o partido político UCIN, puxo en...

Monbus sitúase de novo á fronte do novo contrato de transporte urbano de Santiago

O novo contrato de transporte urbano de Santiago deu este luns, 22 de xuño,...

O colectivo feminista Materfem denuncia ante os xulgados de Santiago que se están “minimizando” casos de violencia de xénero

O colectivo Materfem, Maternidades Feministas Galegas, concentrouse na mañá deste martes diante do edificio...

As traballadoras da limpeza de Lacera volven á folga este martes nos colexios en Santiago

As traballadoras de limpeza e conserxería dos colexios públicos de Santiago de Compostela, servizo...

O persoal de Viaqua mobilízase en catro concellos galegos ante o “bloqueo” do convenio

O conflito laboral esténdese polos servizos de xestión de auga en Galicia. O cadro...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here