InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIOA Audiencia Provincial da Coruña ratifica un delito ambiental na canteira de...

A Audiencia Provincial da Coruña ratifica un delito ambiental na canteira de Miramontes en Santiago

A sentenza confirma a condena á empresa Tecnosolos Galaicos por contaminación do solo e das augas e urxe a retirada dos residuos

Publicado o

Xornal de Compostela

A Sección Sexta da Audiencia Provincial da Coruña ditou unha sentenza, con data do 26 de febreiro, na que ratifica a existencia dun delito contra o medio ambiente na canteira de Miramontes, situada na parroquia de Grixoa, en Santiago de Compostela. O fallo confirma a condena ao responsable da empresa Tecnosolos Galaicos e á propia mercantil polos incumprimentos da autorización ambiental que derivaron en contaminación do chan e das augas.

Segundo a resolución xudicial, considérase probado que a actividade desenvolvida pola empresa —centrada na elaboración de tecnosolos, é dicir, chans artificiais a partir de residuos para a restauración ambiental— non se axustou ás condicións autorizadas, xerando impactos negativos na contorna. A sentenza conclúe que, entre os anos 2016 e 2017, se produciron incumprimentos “conscientes e continuados”, incluíndo o almacenamento de residuos en zonas non permitidas, a superación da capacidade máxima autorizada e a presenza de materiais expostos á intemperie.

O fallo recolle tamén a xeración de lixiviados e verteduras sen tratamento, así como a afectación ao subsolo e ás augas, constatando a presenza de substancias contaminantes por riba dos límites legais, entre elas cadmio, nitratos, hidrocarburos, chumbo e zinc.

Como consecuencia, o responsable da empresa aceptou unha pena de 18 meses de prisión, ademais dunha multa e a inhabilitación durante 18 meses para actividades vinculadas coa xestión de residuos. Pola súa banda, a empresa foi sancionada economicamente.

REACCIÓN DAS ENTIDADES VECIÑAIS

A sentenza foi valorada pola Federación de Asociacións do Rural de Santiago (Ferusa) e pola Plataforma de Afectados polo Vertedoiro de Santiago de Compostela – Miramontes, que consideran que o fallo supón un respaldo ao traballo desenvolvido durante anos. As entidades sosteñen que “o que debía ser unha actuación de mellora ambiental acabou converténdose nun foco de contaminación”.

Neste sentido, inciden en que o material depositado non pode ser considerado tecnosuelo, senón unha vertedura de residuos que debe ser retirada. “A retirada do material é un deber ratificado xudicialmente que debe executarse sen máis demora”, sinalan.

EXIXENCIA DE ACTUACIÓN Á XUNTA

As organizacións lembran que a empresa se atopa en situación de concurso de acredores, pero advirten de que esta circunstancia non debe impedir a execución das obrigas ambientais. “Non pode converterse nunha escusa para perpetuar o dano ambiental nin para deixar sen executar os deberes de restauración”, afirman.

Por último, reclaman á Xunta de Galicia, como administración competente, que adopte as medidas necesarias para garantir a retirada dos residuos e a recuperación ambiental da zona, e solicitan a elaboración dun calendario público de actuacións.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

A Catedral de Santiago e San Martiño Pinario abrirán as súas bibliotecas ao público con visitas guiadas este venres

O patrimonio bibliográfico de Santiago de Compostela será protagonista este venres 23 de outubro,...

Santiago acollerá en 2027 o Foro Consultivo Anual dos Itinerarios Culturais do Consello de Europa

Santiago de Compostela será a sede en outubro de 2027 do Foro Consultivo Anual...