O centro de saúde de Conxo, en Santiago de Compostela, permanece sen atención pediátrica diaria desde o pasado 20 de xaneiro de 2026, segundo denunciou publicamente a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS. A entidade alerta de que a poboación infantil adscrita a este ambulatorio só conta con atención presencial dous días á semana, concretamente os martes e xoves, mentres que o resto das xornadas os nenos e nenas son derivados ao centro de saúde Concepción Arenal.
Segundo explica a asociación, esta situación prodúcese pola previsión dunha baixa prolongada do pediatra asignado ao centro, sen que a xerencia da área sanitaria de Santiago–Barbanza nin o SERGAS garantan a continuidade diaria do servizo para a franxa de idade comprendida entre os 0 e os 14 anos. A entidade lembra que xa nos anos 2018, 2020 e 2021 denunciara demoras superiores ao mes para acceder ás consultas pediátricas e ás revisións por idade nos tempos establecidos.
A denuncia complétase co testemuño dun pai afectado, M.M.S., cuxa filla de nove anos está adscrita ao servizo de pediatría de Conxo. Segundo relata, “o pasado 20 de xaneiro do 2026 chámanme do centro de saúde para cambiar unha cita concertada para o próximo 2 de febreiro, dicindo que non teremos facultativo de pediatría nun longo tempo e que só podemos contar con asistencia pediátrica presencial os martes e xoves de cada semana”. Engade ademais que, o día 26 de xaneiro, foi informado de que “a partir do 20 de xaneiro non hai constancia de que exista pediatra asignado ao centro de saúde”.
A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS sostén que esta situación vulnera o dereito á atención sanitaria continuada da poboación infantil, ao non cubrirse as vacantes temporais nin garantir o acceso regular ao servizo de pediatría. A entidade lembra que o Estado español ratificou en 1990 a Convención dos Dereitos do Neno, cuxo artigo 24 recoñece o dereito dos menores ao máis alto nivel posible de saúde e á prestación de servizos sanitarios adecuados, facendo especial fincapé na atención primaria.
Do mesmo xeito, a asociación fai referencia á Lei Xeral de Sanidade, que recoñece o dereito de acceso ás prestacións sanitarias en condicións de igualdade, así como á Carta Europea dos Dereitos do Paciente, que establece a obriga de garantir un acceso equivalente aos servizos sanitarios, sen discriminación por razón do lugar de residencia ou do tempo de acceso á asistencia.
A entidade advirte de que, de manterse a situación actual, podería estarse ante unha deficiente xestión das necesidades asistenciais da poboación infantil e unha situación de desigualdade no acceso á sanidade pública. Por este motivo, a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS fai un chamamento ás familias con menores adscritos ao servizo de pediatría do centro de saúde de Conxo para que denuncien os feitos e se poñan en contacto coa entidade, co obxectivo de avaliar posibles medidas a adoptar como persoas afectadas.

