InicioMOV. SOCIAISMasiva manifestación en Santiago contra "o negocio da vivenda": 'Ter un teito...

Masiva manifestación en Santiago contra “o negocio da vivenda”: ‘Ter un teito é un dereito’

Durante a marcha viviuse un momento de tensión entre os manifestantes e unha turista que comezou a increpar aos participantes mentres gritaba "ide traballar" e facíalles xestos obscenos coas mans

Publicado o

Xornal de Compostela

Milleiros de persoas percorreron as rúas compostelás durante a xornada deste sábado para clamar contra “o negocio da vivenda” e denunciar a especulación inmobiliaria, así como para esixir a creación dun banco de vivenda social “efectivo”. Baixo o lema ‘Acabemos co negocio da vivenda’ e convocada polos Sindicatos de Inquilinas xunto a outras organizacións locais, a mobilización –coordinada a nivel estatal en 40 municipios– partiu da praza do Toural ao redor das 12.00 horas. “Queremos contribuír a pór en valor as demandas da sociedade sobre o problema da vivenda, que é moi grave, pero isto non termina aquí, queremos continuar para que se escoiten as nosas demandas e esperamos que desde as institucións se tomen medidas dunha vez“, aseveraron desde a Plataforma Galega Vivenda Xa antes de iniciar a marcha.

Á súa vez, en representación da plataforma Xuntanza pola Vivenda Compostela –plataforma formada no verán de 2024–, Antonio denunciou que a accesibilidade á vivenda na capital galega “sempre foi un problema” pero incidiu en que nos últimos anos a situación agravouse “cada vez máis e máis”, por exemplo, polas vivendas de uso turístico. Neste sentido, a plataforma xa resaltaba hai uns días nun comunicado que en Santiago a vivenda “é un ben de primeira rendibilidade para os especuladores”, á vez que expuña que “a agresiva turistificación e a alta demanda por parte de estudantes e de veciños, empeora as condicións de vida da clase traballadora compostelá”.

‘BARRIOS PARA VIVIR E NON PARA ESPECULAR’

Entre cánticos como ‘Ter un teito é un dereito’; ‘Barrios para vivir e non para especular’; ‘Altri non, okupa si’; ‘Airbnb imos por ti’; ‘Escoita rentista estás na nosa lista’, os manifestantes partiron cara á praza de Galicia, onde comezaron a tirar petardos e utilizar botes de fume. A comitiva, encabezada por unha pancarta co lema da manifestación, estivo repleta de diferentes carteis con demandas como ‘Nin casas sen xente, nin xente sen casas’ ou ‘Ao teu caseiro patada no pandeiro’, unha marcha na que tamén se puideron ver bandeiras palestinas e escoitáronse cánticos contra a planta que Altri quere instalar en Palas de Rei.

Á súa chegada á praza de Praterías –lugar onde se supuña que ía terminar o percorrido da marcha– viviuse un momento de tensión entre os manifestantes e unha turista que comezou a increpar aos participantes mentres gritaba “ide traballar” e facíalles xestos obscenos coas mans. En resposta, os manifestantes volveron a utilizar petardos e comezaron a gritar “fóra rentista”, tras este incidente, a muller abandonou a praza e a manifestación continuou ata a Quintana, onde se leu o manifesto.

MANIFESTO

En canto ás reivindicacións da protesta, durante a lectura do manifesto reclamaron a regulación dos prezos da vivenda e a creación dun banco de vivenda social, nesta liña, puxeron o foco nas administracións para que “cambien o rumbo cara a uns modelos de habitabilidade”. “O incipiente movemento de vivenda galego sae ás rúas para dicir basta ao encarecemento do custo dos nosos fogares, ao empeoramento da súa calidade e a non poder emanciparnos nin a ter un lugar onde vivir”, recolle o manifesto. Así, chamaron á mobilización e á organización “para facer fronte a empresarios e rentistas”, xa que insistiron en que a actual situación da vivenda “é unha expresión máis da decadencia do sistema capitalista”.

Ademais, insistiron en que “a loita pola vivenda non é un problema sectorial ou limitado ao prezo dos alugueres”, senón que é unha loita contra o propio modelo da sociedade, no que lamentaron que “a vivenda, como dereito básico, está sometida a un sistema que a concibe como unha mercadoría e un instrumento para acumular riqueza”. Con todo, explicaron que o seu obxectivo de construír un sindicato de vivenda “efectivo a escala galega” e fixeron fincapé na “necesidade de estruturas de autodefensa fortes” e, por iso, avogaron pola creación de espazos e organizacións de encontro e apoio.

VOCES POLÍTICAS

Durante a protesta, foron varios os representantes políticos que se deixaron ver, como o concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás, ou o secretario de Acción Territorial do PSdeG, Aitor Bouza, quen reivindicou a vivenda como un dereito fundamental “que desde o Partido Socialista defenden con uñas e dentes”, e demandou que a Xunta “rectifique e comprométase do mesmo xeito”. Neste sentido, denunciou que durante o pasado ano o PP “meteu nun caixón 42 millóns de euros que estaban destinados a un programa crave para axudar á cidadanía a dispor dun fogar”. Así mesmo, reivindicou a declaración de zonas tensionadas como unha medida “que garantirá o dereito de acceso a un fogar a moitos galegos”.

Con todo, A Coruña, Vigo e Ourense tamén participan na manifestación estatal pola vivenda convocada para este sábado, no primeiro caso, a mobilización tamén partiu ás 12.00 horas desde a praza de Ourense ata a de María Pita. Vigo manifestarase ás 19.00 horas desde a praza de España ata o cruzamento dos bancos e, no caso ourensán, arrincará ás 18.30 horas desde o Instituto Galego de Vivenda e Solo ata a praza maior da cidade.

ÚLTIMAS

A burra, a mesa e o pau: o retrato da familia obreira galega

O pasado 6 de Marzo estreouse no Salón Teatro un espectáculo da man do...

O Hostal dos Reis Católicos renovará a súa imaxe con obras por valor de 36 millóns de euros

O Hostal dos Reis Católicos, un dos símbolos máis recoñecidos da cidade de Santiago...

Santiago aproba unha nova ordenanza de residuos para reforzar a reciclaxe orgánica

A xunta de goberno local de Santiago de Compostela deu luz verde á nova...

Esta semana entran en vigor o descontos nas peaxes da AP-53, entre Lalín e Santiago

O ministro de Transportes e Mobilidade Sustentable, Óscar Puente, anunciou que os descontos nas peaxes...

Santiago aproba unha nova ordenanza de residuos para reforzar a reciclaxe orgánica

A xunta de goberno local de Santiago de Compostela deu luz verde á nova...

Esta semana entran en vigor o descontos nas peaxes da AP-53, entre Lalín e Santiago

O ministro de Transportes e Mobilidade Sustentable, Óscar Puente, anunciou que os descontos nas peaxes...

‘Máis recursos e menos discursos’. Miles de persoas maniféstanse en Santiago para denunciar “o desmantelamento” no Sergas

Miles de persoas --máis de 4.000 segundo a estimación da Policía Autonómica-- manifestáronse este...