InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIOSantiago abrirá antes de finais de ano á visita pública A Falcona,...

Santiago abrirá antes de finais de ano á visita pública A Falcona, o cárcere de Raxoi no que estiveron Casal e Díaz Baliño

O Concello conmemorou no Pazo de Raxoi o 90 aniversario dos asasinatos de Ánxel Casal e Camilo Díaz Baliño cun acto no que participaron Goretti Sanmartín, Pepe Barro e o alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril

Publicado o

Xornal de Compostela

O Pazo de Raxoi abrirá antes de finais deste ano á visita pública as dependencias da antiga prisión municipal da Falcona, situada nos baixos do edificio e pola que pasaron, entre outras persoas represaliadas tras o golpe de Estado de 1936, o alcalde compostelán Ánxel Casal e o artista e traballador municipal Camilo Díaz Baliño. Así o anunciou este mércores a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, durante o acto institucional organizado polo Concello no 90 aniversario do asasinato de Casal.

A apertura da Falcona formará parte das posibilidades de visita ao Pazo de Raxoi tras as obras desenvolvidas nos últimos meses no inmoble, que tamén incluíron intervencións en materia de accesibilidade. O goberno local pretende incorporar deste xeito a memoria democrática á interpretación patrimonial do edificio, tanto para visitantes como para a propia veciñanza compostelá.

“Van poder visitarse antes de finais de ano”, avanzou Sanmartín sobre as antigas dependencias carcerarias, ás que se referiu como un espazo que permitirá coñecer unha parte da historia do propio Concello que durante décadas permaneceu pouco visible. A Falcona funcionou como lugar de reclusión durante a represión posterior ao golpe militar e alí estiveron presos Casal e Díaz Baliño antes de seren asasinados.

A conmemoración tivo lugar este 19 de agosto, exactamente 90 anos despois do asasinato de Ánxel Casal en Cacheiras. Díaz Baliño fora asasinado cinco días antes, o 14 de agosto de 1936, na estrada de Palas de Rei a Melide. O acto reuniu no Pazo de Raxoi representantes institucionais, asociacións e colectivos vinculados á recuperación da memoria histórica, familiares das persoas homenaxeadas e membros das corporacións municipais de Santiago, Teo e Arzúa.

Sanmartín incidiu en que a edición deste ano tiña unha dimensión especial tanto polo 90 aniversario dos crimes como polo proceso de recuperación da Falcona. A alcaldesa lembrou que Camilo Díaz Baliño realizou durante o seu encarceramento retratos de compañeiros de cela, entre eles o propio Ánxel Casal, deixando un testemuño gráfico dos últimos días de varias persoas sometidas á represión.

A figura de Díaz Baliño estivo tamén presente este ano nas Festas do Apóstolo, cuxa imaxe recuperou elementos da obra do deseñador a través dunha creación de Iria Aldegunde. O artista, pai de Isaac Díaz Pardo e veciño da rúa das Hortas, exerceu ademais como delineante municipal e desenvolveu para Santiago carteis e diferentes traballos gráficos.

PEPE BARRO PERCORRE A HISTORIA EDITORIAL DE CASAL E DÍAZ BALIÑO

A intervención central do acto correspondeu ao deseñador Pepe Barro, Premio da Cultura Galega, que trazou un percorrido pola relación profesional, política e persoal entre Casal e Díaz Baliño e polo papel que ambos tiveron na modernización da cultura visual e editorial galega durante as primeiras décadas do século XX.

Barro iniciou o seu relatorio recuperando un dos lemas empregados por Casal nas súas publicacións: “Os pobos son grandes só pola cultura. Mercade libros galegos”. A partir de aí, repasou a actividade do editor e impresor e a súa colaboración con figuras como Castelao, Antón Villar Ponte, Otero Pedrayo, Ramón Cabanillas ou Manuel Antonio.

Detívose especialmente na creación da editorial ‘Lar’, impulsada en 1924 por Ánxel Casal e Leandro Carré Alvarellos. A colección chegou a publicar arredor de 40 obras en catro anos, todas elas en galego e cun prezo de 30 céntimos de peseta, dentro dun modelo pensado para ampliar o acceso popular aos libros.

Díaz Baliño foi o encargado de construír a identidade gráfica da colección. Barro explicou a importancia do seu uso da anta ou trilito como elemento simbólico e a conexión dese universo gráfico co galeguismo cultural da época. Décadas máis tarde, o seu fillo Isaac Díaz Pardo recuperaría esa mesma referencia na vidreira instalada no Parlamento de Galicia.

O deseñador lembrou igualmente a posterior creación da editorial ‘Nós’, coa que Casal continuou unha actividade impresora realizada con medios técnicos reducidos. Daquel obradoiro saíron obras de Manuel Antonio, Castelao, Vicente Risco, Otero Pedrayo, Amado Carballo, Ramón Cabanillas e outras das principais figuras da literatura galega contemporánea.

“Moi ben, rapaz, xa somos xente”, escribiulle Castelao a Casal tras recibir unha das súas edicións, segundo lembrou Barro, que empregou a frase para resumir o papel que o impresor atribuía ao libro na creación dunha cultura galega moderna.

No relato tivo tamén un papel destacado María Miramontes, compañeira de Casal e participante nas Irmandades da Fala, que contribuíu economicamente en diferentes momentos á continuidade dos proxectos editoriais. Barro definiu a relación entre ambos como unha colaboración política, cultural e persoal constante: “María sempre de par de Ánxel, Ánxel sempre de par de María”.

DA IMPRENTA Á ALCALDÍA DE SANTIAGO

Pepe Barro repasou igualmente o traslado de Casal a Compostela en 1931, favorecido polo contrato que conseguiu co Seminario de Estudos Galegos, institución para a que imprimiu numerosas publicacións. Entre elas situou a obra ‘Terra de Melide’, editada en 1933 e integrada por centos de páxinas dedicadas á historia, arqueoloxía, etnografía e xeografía da comarca.

Segundo a exposición de Barro, Casal asumía practicamente todos os ámbitos do negocio: administración, distribución, corrección de probas, procura de novos traballos e relación cos autores. En 1936 traballaban con el Manuel Piñeiro, Xesús Fuentes San Miguel, Antonio Francés, José Mosquera e Luís Valle, aos que o deseñador tamén quixo lembrar durante o acto.

A imprenta compostelá de Casal publicou ademais en 1935 os ‘Seis poemas galegos’ de Federico García Lorca. Barro evocou un dos seus versos, “Chove en Santiago, meu doce amor”, para lembrar a conexión do poeta granadino coa cidade e coa lingua galega. Lorca foi asasinado en Granada na madrugada do 17 de agosto de 1936, dous días antes da morte de Casal.

O relator abordou tamén a vertente política do impresor, desde a súa participación no galeguismo republicano ata a edición de publicacións como ‘Claridad’ ou ‘Ser’. A vitoria da Fronte Popular nas eleccións de febreiro de 1936 levou á formación poucos días despois dunha nova corporación municipal en Santiago, na que Casal foi elixido alcalde por unanimidade.

Barro lembrou que o rexedor pronunciou en galego o discurso posterior á súa elección e enumerou algunhas das iniciativas desenvolvidas durante os escasos meses nos que permaneceu á fronte do Concello: a adquisición de libros galegos para escolas municipais, a recuperación de nomes tradicionais das rúas, a rehabilitación do monumento a Rosalía de Castro na Alameda ou o impulso desde Compostela ao proceso do Estatuto de Autonomía de Galicia, aprobado en plebiscito o 28 de xuño de 1936.

Tamén destacou propostas que non chegaron a materializarse, como a instalación dun Museo Nacional Galego no Hospital Real.

O 15 de xullo de 1936, poucos días antes do golpe militar, Casal viaxou a Madrid como vicepresidente do Comité pro Estatuto para entregar a documentación do plebiscito nas Cortes. Barro chamou a atención sobre unha fotografía daquela delegación na que aparecen, entre outros, Castelao, Casal e María Miramontes.

Despois de regresar a Compostela, Casal participou no comité de defensa da República e foi posteriormente obrigado a abandonar a Alcaldía. Tras refuxiarse en Vilantime, no concello de Arzúa, foi detido o 4 de agosto, trasladado á Falcona e asasinado quince días despois.

Barro pechou a súa intervención deténdose na idade de Casal no momento da súa morte: 41 anos. “Quedo pampo. Tiña só 41 anos”, afirmou antes de reivindicar a dimensión da obra que o antigo alcalde e editor conseguira construír nun período vital tan curto.

ARZÚA REIVINDICA O LEGADO DE CASAL

O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, tomou posteriormente a palabra para reivindicar a figura do seu homólogo compostelán como editor, alcalde, galeguista e home de cultura. Carril defendeu que Casal entendeu que “un pobo non pode ser libre se non pode pensar na súa propia lingua, se non pode ver a súa propia literatura e se non pode construír unha conciencia colectiva desde a súa identidade”.

“Casal non imprimía só libros, imprimía futuro”, sinalou o rexedor arzuán, que vinculou o asasinato do alcalde compostelán coa represión exercida contra cargos públicos, intelectuais, mestres, xornalistas, labregos, obreiros e militantes políticos tras o golpe de 1936.

Carril sostivo que a memoria democrática non debe limitarse ás conmemoracións e reclamou continuar o legado de Casal mediante a defensa do galego, o apoio á cultura e o fortalecemento das institucións democráticas.

“Cada vez que lembramos a Ánxel Casal estamos a dicirlle ás novas xeracións que a democracia custou vidas, que os dereitos non caeron do ceo e que a identidade galega sobreviviu grazas ao compromiso e ao sacrificio de moitas persoas”, afirmou.

SANMARTÍN CHAMA A “ROMPER O SILENCIO”

A alcaldesa pechou o acto cunha intervención centrada no silencio imposto arredor da represión franquista e na necesidade de recuperar espazos, documentos e historias familiares vinculadas ás vítimas.

“Ese silencio é o que quixeron impoñernos durante 90 longos anos”, afirmou Sanmartín. A rexedora relacionou ese proceso de recuperación da memoria con actuacións recentes como o regreso a Compostela das esculturas do Mestre Mateo ou a declaración do Pazo de Meirás como lugar de memoria democrática, oficializada o pasado 14 de agosto.

Sanmartín lembrou que en 2017, cando exercía responsabilidades na Deputación da Coruña, se impulsou a Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás. Segundo explicou, daquela existían dúbidas sobre a posibilidade de recuperar o inmoble, pero a mobilización social, a investigación e o traballo institucional permitiron avanzar no proceso.

“A chave que abriu esa porta foi unha: romper o silencio“, resumiu.

A alcaldesa introduciu neste punto unha referencia á actualidade política e advertiu contra os discursos que sinalan a poboación migrante. “Hoxe tamén temos que responder a quen di que hai que cazar o inmigrante, todos os inmigrantes un por un, como daquela tiveron o obxectivo de cazar todas as voces disidentes e libres unha por unha”, declarou. “Non podemos ficar caladas nin mirar para outro lado. Veñen a por un, veñen a por todas”, engadiu.

Sanmartín vinculou igualmente ese silencio ao escaso coñecemento que, segundo apuntou, existe aínda na cidade arredor da Falcona e do seu papel durante a represión. A apertura destas dependencias permitirá precisamente incorporar esa historia á visita do Pazo de Raxoi.

A LEMBRANZA DE MARÍA VÁZQUEZ

A alcaldesa dedicou unha parte da súa intervención a María Vázquez Suárez, mestra compostelá nada o 15 de agosto de 1894 no cuartel de Santa Isabel e asasinada tamén un 19 de agosto de 1936.

Sanmartín definiuna como unha docente defensora dun sistema educativo laico, cunha pedagoxía avanzada para a súa época, feminista, socialista e sindicalista. O Concello incorporará durante este 2026 actividades dedicadas á súa figura dentro do programa ‘Compostela e Memoria’.

A rexedora destacou especialmente a persecución administrativa que continuou despois da súa morte. Segundo expuxo durante o acto, en novembro de 1940, catro anos despois do seu asasinato, a comisión encargada da depuración do sistema educativo propuxo formalmente a súa separación do servizo, decisión que posteriormente recibiu a conformidade da administración educativa estatal en abril de 1941.

Sanmartín utilizou este episodio como exemplo da dimensión da represión e do posterior silencio familiar e social, que estendeu tamén ás historias de Antonia Pardo, viúva de Camilo Díaz Baliño; María Miramontes; e numerosas familias que durante décadas descoñeceron ou evitaron falar das circunstancias nas que foran perseguidos ou asasinados os seus parentes.

A alcaldesa referiuse ademais ás investigacións desenvolvidas arredor dos cargos municipais represaliados en 1936 e ás arredor de 200 persoas asasinadas en Compostela tras o golpe.

CASAL E DÍAZ VALIÑO COMO PARTE DA HISTORIA DE RAXOI

Sanmartín reivindicou finalmente a contribución dos dous protagonistas da homenaxe á cidade. De Díaz Baliño subliñou a súa actividade como creador, cartelista e delineante do Concello, mentres que de Casal salientou a súa condición de editor, político e alcalde e os proxectos de transformación que impulsou durante o seu breve mandato.

“Camilo e Ánxel son a expresión do noso non silencio”, afirmou a alcaldesa.

Nesa continuidade situou tamén a figura de Isaac Díaz Pardo, fillo de Camilo, ao que definiu como herdeiro de boa parte do espírito cultural e empresarial das xeracións anteriores e dunha concepción da creación ligada á recuperación da memoria.

O Pazo de Raxoi, indicou Sanmartín, conserva precisamente as pegadas materiais desa historia. Por iso, o Concello quere que deixe de ser unicamente a sede administrativa da institución para converterse tamén nun espazo desde o que explicar a historia política e social de Santiago, incluído o período da represión franquista.

O acto concluíu coa interpretación do Himno Galego e cunha fotografía conxunta das persoas participantes na praza do Obradoiro.

“Que a nosa memoria levante todas as lousas do silencio, todas esas lousas que nos impuxeron, e que ninguén nunca máis sinta medo por pensar e soñar un país máis xusto e máis libre”, concluíu Sanmartín.

ÚLTIMAS

O Concello de Santiago confirma que axudou a impulsar Fly2Galicia e mantén en confidencialidade os contactos coa empresa

O Concello de Santiago confirmou que leva "moitos meses" en contacto con Fly2Galicia e que...

Dous feridos logo de envorcar o seu vehículo e quedar atrapadas no seu interior en Santiago

Dúas persoas resultaron feridas esta mañá nun accidente no coche co que circulaban por...

A USC advirte dunha seca severa na comarca de Compostela tras recoller só 181 litros dende febreiro

A comarca de Santiago de Compostela atravesa unha situación de "seca severa" despois de...

Sanmartín anuncia medidas para ordenar os fluxos turísticos e defende a actuación municipal no Quiroga Palacios

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, confirmou este mércores que o Concello traballa xunto...

A USC advirte dunha seca severa na comarca de Compostela tras recoller só 181 litros dende febreiro

A comarca de Santiago de Compostela atravesa unha situación de "seca severa" despois de...

Turismo de Santiago repartirá 2.026 gafas para seguir a eclipse solar do 12 de agosto

Santiago de Compostela prepárase para vivir este mércores 12 de agosto un dos principais...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here