InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIOTurismo de Santiago repartirá 2.026 gafas para seguir a eclipse solar do...

Turismo de Santiago repartirá 2.026 gafas para seguir a eclipse solar do 12 de agosto

A cidade quedará ás portas da franxa de totalidade e terá unha eclipse parcial superior ao 99%, cun máximo previsto ás 20:29

Publicado o

Xornal de Compostela

Santiago de Compostela prepárase para vivir este mércores 12 de agosto un dos principais acontecementos astronómicos do ano. A eclipse solar poderá observarse desde a capital galega cunha magnitude parcial superior ao 99%, xa que a cidade quedará situada inmediatamente ao sur da franxa na que o Sol chegará a ocultarse por completo.

Con motivo do fenómeno, Turismo de Santiago distribuirá gratuitamente 2.026 gafas homologadas para a observación da eclipse, xunto con outras tantas postais conmemorativas. O número de unidades escolleuse como referencia ao ano no que se produce o acontecemento.

O material poderá recollerse na oficina de información turística da rúa do Vilar durante o martes 11 e o propio mércores 12 de agosto. A entrega estará aberta tanto a visitantes como a residentes e establecerase un máximo de dúas unidades por persoa, ata esgotar as existencias.

Turismo de Santiago habilitou tamén na súa páxina web un apartado específico con información para seguir o fenómeno desde o municipio, incluíndo as características que terá a eclipse na cidade e indicacións para buscar localizacións adecuadas para a observación.

UN SOL PRACTICAMENTE OCULTO ÁS 20:29

A franxa de totalidade da eclipse pasará uns quilómetros ao norte de Santiago, polo que desde a cidade non será posible contemplar a coroa solar, un fenómeno reservado para os puntos nos que a Lúa oculte por completo o disco do Sol. A proximidade ao límite desa zona permitirá, con todo, que desde Compostela apenas quede visible unha pequena parte da superficie solar.

O momento de máxima ocultación está previsto para as 20:29, cando o Sol se atopará a uns 12 graos de altura sobre o horizonte en dirección oeste-noroeste. Esta posición fará especialmente importantes os lugares elevados ou aqueles que dispoñan dunha vista libre de edificios, árbores ou outros obstáculos cara ao horizonte.

A eclipse coincidirá ademais coas últimas horas da tarde e avanzará cara á posta de sol, polo que as condicións de visibilidade dependerán tamén da situación meteorolóxica e da presenza de nubes no horizonte.

A elevada porcentaxe de ocultación provocará unha redución moi acusada da luminosidade ambiental durante os momentos próximos ao máximo. O cambio poderá percibirse tanto na tonalidade da paisaxe como nas sombras, ademais dunha posible diminución da temperatura e modificacións puntuais no comportamento dalgúns animais ante a rápida variación da luz.

O fenómeno terá unha particular incidencia visual nunha cidade dominada polo granito, especialmente en espazos abertos do casco histórico como a Praza do Obradoiro, onde a iluminación irá cambiando a medida que a Lúa avance sobre o disco solar.

SOMBRAS EN FORMA DE MEDIA LÚA E UN FINO ARCO SOLAR

A proximidade de Santiago á totalidade permitirá observar unha eclipse parcial especialmente profunda. Nos instantes próximos ás 20:29, o Sol quedará reducido visualmente a unha liña curva moi estreita, un efecto coñecido popularmente como ‘sorriso solar’.

Outro dos fenómenos que poderá apreciarse será o denominado efecto ‘pinhole’ ou cámara escura. Os pequenos espazos existentes entre as follas das árbores actúan como diminutas cámaras e proxectan no chan numerosas reproducións da forma do Sol eclipsado. Deste xeito, en lugar das tradicionais manchas circulares de luz, poderán aparecer sobre pavimentos e paredes pequenas figuras en forma de crecente.

A posición de Compostela próxima ao límite da totalidade permitirá tamén apreciar con especial detalle o contacto entre os bordos aparentes do Sol e da Lúa nos momentos de maior ocultación.

A observación directa do fenómeno deberá realizarse en todo momento con protección ocular específica para eclipses. As lentes de sol convencionais, cristais escurecidos ou outros sistemas improvisados non permiten mirar directamente ao Sol con seguridade.

DA LENDA DO ‘CAMPUS STELLAE’ Á ECLIPSE DE 2026

Turismo de Santiago busca tamén relacionar o acontecemento astronómico coa tradición histórica e simbólica da cidade. Compostela aparece ligada desde a tradición xacobea ás referencias celestes e á interpretación medieval do seu nome como ‘Campus Stellae’, o ‘Campo da Estrela’.

A lenda sobre o descubrimento do sepulcro do Apóstolo Santiago atribúe un papel ás luces observadas no lugar no que posteriormente se desenvolvería a cidade. A estrela mantívose ademais como elemento recorrente na iconografía compostelá e pode atoparse representada en diferentes edificios históricos.

Entre estes símbolos figura a estrela de oito puntas, presente en distintos espazos vinculados á Catedral, á Universidade e ao patrimonio monumental da cidade.

Con esta conexión entre astronomía e patrimonio como pano de fondo, Santiago afrontará o 12 de agosto unha eclipse que deixará á cidade a poucos quilómetros da escuridade total. O máximo chegará ás 20:29, pouco antes do solpor, cun disco solar practicamente cuberto pola Lúa e unha transformación da luz que poderá percibirse en toda Compostela.

ÚLTIMAS

Santiago facilita a nova sede de Medicina Xenómica e adxudica por 251.420 euros a ampliación do saneamento en Formarís

A Xunta de Goberno Local de Santiago aprobou este luns, 10 de agosto, un...

As ANPA de Compostela apoian as familias do CEIP Quiroga Palacios e rexeitan as acusacións de “politización”

A Federación de ANPA de Compostela emitiu este luns un comunicado no que rexeita...

Fotowalk Galicia leva a Boqueixón unha quedada fotográfica para percorrer o seu patrimonio e paisaxe

A comunidade Fotowalk Galicia celebrará o próximo sábado 22 de agosto unha nova quedada...

Prisión provisional e sen fianza para o detido polo atropelo mortal en Bertamiráns

O detido polo atropelo mortal sucedido este mércores en Bertamiráns, no municipio coruñés de...

‘Compostella Expeditio’ recrea o Santiago medieval nunha experiencia de realidade virtual

A sede de Afundación en Santiago de Compostela acolle desde este martes 'Compostella Expeditio',...

Controlado o incendio de Brión tras queimar 4 hectáreas

O incendio forestal declarado na tarde do pasado martes no municipio coruñés de Brión...

Santiago converterá as galerías entre Rosalía de Castro e a Rúa Nova de Abaixo nunha galería de arte urbana

As galerías que comunican Rosalía de Castro coa Rúa Nova de Abaixo deixarán de...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here