InicioPOLÍTICAO Concello de Santiago confirma que axudou a impulsar Fly2Galicia e mantén...

O Concello de Santiago confirma que axudou a impulsar Fly2Galicia e mantén en confidencialidade os contactos coa empresa

Raxoi asegura que leva "moitos meses" traballando coa turoperadora para facilitar a súa chegada a Lavacolla e defende a discreción nas negociacións, mentres Sumar reclama explicacións sobre a compañía que operará os voos

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago confirmou que leva “moitos meses” en contacto con Fly2Galicia e que colaborou para facilitar a posta en marcha do proxecto co que a turoperadora prevé iniciar voos chárter desde o aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro a partir de decembro.

Fontes municipais aseguran que desde Raxoi estiveron “axudando a que o proxecto saia adiante” e consideran que, se finalmente se consolida, a iniciativa suporá “unha moi boa oportunidade para Compostela e para todo o país”. O Goberno local tamén interpreta a elección de Santiago como mostra “do atractivo de Compostela no mercado internacional”.

Porén, o Concello non concreta en que consistiron os contactos nin o apoio prestado á empresa e apela á confidencialidade que, segundo explica, mantén habitualmente durante as negociacións con compañías aéreas.

“A partir de aí, desde o Concello non contaremos nada máis porque na nosa relación coas compañías sempre nos guiamos pola confidencialidade e o traballo discreto”, indican fontes municipais.

Desde Raxoi comparan esta forma de proceder coa seguida durante as negociacións con outras compañías que posteriormente incorporaron novas conexións en Lavacolla. Como exemplos, citan os casos de KLM, Aer Lingus e Wizz Air, esta última coa previsión de abrir unha base no aeroporto compostelán.

“Así que manteremos esa confidencialidade e esa forma discreta de traballar. E son as compañías as que teñen que anunciar cada paso cando o consideren. Nós, apoiando”, engaden as mesmas fontes.

FLY2GALICIA NON OPERARÁ DIRECTAMENTE OS AVIÓNS

Fly2Galicia é a marca comercial de Aviation & Mobility Services Group S.L.. A propia empresa explica que o feito de que un voo se comercialice baixo esta marca non significa que sexa ela a titular do Certificado de Operador Aéreo, o AOC, co que se efectúa o transporte.

Para realizar materialmente os voos, Fly2Galicia identifica como operadora contratada á compañía romanesa FLYYO.

Esta vinculación provocou tamén unha reacción política de Movemento Sumar Galicia, que reclamou “claridade e máxima transparencia” sobre o operador seleccionado despois de que volvesen circular informacións relacionadas con voos nos que viaxaron cidadáns palestinos que abandonaran Gaza.

O secretario xeral da formación, Paulo Carlos López, sostén que as informacións coñecidas son “suficientemente graves” como para pedir ás empresas implicadas “explicacións públicas, claras e verificables” antes do inicio da actividade en Galicia.

“Dou a benvida a todas as compañías que queiran operar nos aeroportos galegos e que aposten por conectar o noso país co mundo, pero isto require explicacións”, sinalou López.

O responsable de Sumar puntualizou que a formación non está a facer “acusacións sen probas”, senón formulando cuestións que considera que deben ser respondidas.

SUMAR PREGUNTA POLA ACTIVIDADE PREVIA DE FLYYO

A organización política alude a investigacións publicadas por medios internacionais sobre operacións nas que cidadáns palestinos abandonaron Gaza a través de intermediarios.

Segundo recolle Sumar no seu comunicado, FLYYO tería operado voos nos que viaxaron persoas palestinas que saíran de Gaza mediante mecanismos organizados por intermediarios que a formación cualifica de “natureza opaca”.

A partir desas informacións, o partido reclama á compañía que aclare cal foi exactamente a súa participación nesas operacións e se existiu algún tipo de relación con outras entidades implicadas.

“Galicia non pode mirar para outro lado. Se unha empresa que vai operar regularmente desde Lavacolla participou en operacións con saída de poboación palestina de Gaza, ten que explicar con total transparencia se existiu calquera forma de colaboración, directa ou indirecta, con políticas que poidan contribuír ao desprazamento forzoso da poboación palestina ou ao xenocidio que se está a cometer”, afirmou Paulo Carlos López.

ÚLTIMAS

Dous feridos logo de envorcar o seu vehículo e quedar atrapadas no seu interior en Santiago

Dúas persoas resultaron feridas esta mañá nun accidente no coche co que circulaban por...

A USC advirte dunha seca severa na comarca de Compostela tras recoller só 181 litros dende febreiro

A comarca de Santiago de Compostela atravesa unha situación de "seca severa" despois de...

Sanmartín anuncia medidas para ordenar os fluxos turísticos e defende a actuación municipal no Quiroga Palacios

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, confirmou este mércores que o Concello traballa xunto...

Sanmartín anuncia medidas para ordenar os fluxos turísticos e defende a actuación municipal no Quiroga Palacios

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, confirmou este mércores que o Concello traballa xunto...

O PP reclama unha reunión do goberno de Santiago coa veciñanza de Corexo polas vacas soltas

O Partido Popular de Santiago reclamou ao goberno municipal do BNG e Compostela Aberta...

O PP acusa o goberno de Santiago de rexeitar oportunidades de diálogo coa Xunta

O Partido Popular de Santiago criticou este luns a ausencia do goberno municipal na...