O Concello de Santiago, a través do departamento de Emprego, pon en marcha a iniciativa ‘Primavera EcoBosque’, un programa de actividades ambientais, educativas e participativas que terá lugar entre os días 25 e 29 de marzo de 2026 no ámbito do Banquete de Conxo e do río Sar.
A proposta inclúe rutas guiadas, accións de ciencia cidadá, observación de aves, actividades divulgativas sobre morcegos e xornadas de voluntariado ambiental, centradas especialmente na retirada de especies invasoras. O obxectivo é aproveitar o inicio da primavera para reforzar o vínculo da cidadanía co territorio e fomentar o coñecemento e coidado da contorna natural a través da participación directa.
Nesta edición, o programa conta coa colaboración de entidades e profesionais como SEO BirdLife, Asociación Morcegos de Galicia, MarMar Outdoor, Sistemas Medioambientales SL, Adega e Enrique Alvarellos, que participan no desenvolvemento das distintas actividades.
A actividade comezará o mércores 25 de marzo cunha ruta guiada polo Banquete de Conxo e unha xornada de voluntariado ambiental para a retirada da especie invasora Tradescantia, ambas en horario de mañá.
O xoves 26 desenvolverase a actividade ‘Falando de Morcegos’, dirixida a centros educativos ou ao público no CERSIA, así como un BioBlitz no Banquete de Conxo. Esa mesma xornada terá lugar a ‘Noite de Morcegos’, unha ruta interpretativa entre as 19:00 e as 22:00, con punto de encontro no Mosaico do Banquete de Conxo.
O venres 27 repetirase a combinación de ruta guiada e voluntariado ambiental pola mañá, mentres que o sábado 28 incluirá unha nova xornada de retirada de invasoras e a celebración da ‘Hora do Planeta’ ás 20:30.
O programa pecharase o domingo 29 de marzo cunha actividade de observación de aves ás 10:00, tamén no Banquete de Conxo e da man de SEO BirdLife.
DIMENSIÓN EDUCATIVA E PARTICIPACIÓN CIDADÁ
A iniciativa incorpora unha vertente educativa destacada. O Concello xa trasladou a programación aos centros de educación primaria e secundaria da cidade para facilitar a participación do alumnado nas actividades, especialmente nas propostas vinculadas á biodiversidade e ao coñecemento do territorio.
As persoas interesadas poden solicitar máis información a través do correo bosque@santiagodecompostela.gal. No caso da actividade nocturna, recoméndase asistir con roupa e calzado cómodo e levar lanterna.

