O Concello de Santiago deu luz verde á aprobación inicial dunha modificación puntual do plan de sectorización do S-25 de Roxos que permitirá destinar á construción de vivendas uns terreos actualmente reservados para uso hoteleiro. A iniciativa contempla unha superficie edificable máxima de 4.055 metros cadrados, dos que, como mínimo, 1.622 deberán corresponder a vivenda de protección autonómica.
O concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, explicou que a modificación afecta a un ámbito de 3.855,06 metros cadrados, dos que 3.389,70 corresponden á parcela H, situada no número 25 da rúa do Donabal. A Asociación Albariza, vinculada á promoción da vivenda colaborativa en Compostela, posúe o 89,99% destes terreos e ten asinado un contrato de arras para adquirir o 10,01% restante.
O planeamento vixente, aprobado o 19 de maio de 2006, impide desenvolver calquera proxecto residencial nesta parcela. Co cambio de cualificación urbanística, o Goberno local pretende incrementar a oferta de vivenda a prezos accesibles en zonas que xa dispoñen de infraestruturas e servizos urbanos, sen aumentar a edificabilidade prevista.
A modificación establece tamén as características que poderá ter a futura edificación, cunha altura máxima de 7,5 metros ata o plano de cornixa, distribuídos en planta baixa e un andar, coa posibilidade de aproveitamento baixo cuberta.
Outras tres parcelas, entre elas unha de titularidade municipal destinada a espazo libre público, veranse parcialmente afectadas pola modificación, que permitirá adaptar os seus lindes ás condicións físicas do terreo e á ordenación prevista.
A entidade propietaria da maior parte dos terreos ten intención de desenvolver un proxecto de vivenda colaborativa mediante a fórmula de cooperativa en cesión de uso, unha modalidade que se incorpora expresamente á normativa urbanística aprobada inicialmente.
Neste modelo residencial, a titularidade do inmoble corresponde á cooperativa, mentres que as persoas socias adquiren o dereito a utilizar as vivendas de maneira indefinida ou durante un período determinado. Habitualmente, o acceso require unha achega inicial de capital, recuperable en caso de abandonar a cooperativa, e o pagamento de cotas mensuais.
Lestegás aclarou que a modificación non obriga a desenvolver exclusivamente este modelo residencial, senón que lle dá encaixe no planeamento e facilita a súa implantación. A cualificación dos terreos será de uso residencial, coa reserva obrigatoria do 40% para vivenda protexida.
O edil lembrou que, desde decembro de 2025, o Concello aplica unha bonificación do 95% na cota do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) para determinadas actuacións residenciais promovidas por cooperativas de vivenda en cesión de uso sen ánimo de lucro.
O obxectivo municipal é favorecer fórmulas de acceso á vivenda alleas á lóxica do mercado inmobiliario convencional, que combinen a estabilidade da propiedade coa flexibilidade do alugueiro.
A normativa non fixa un número mínimo nin máximo de vivendas que se poderán construír na parcela. Lestegás explicou que a cifra dependerá do proxecto arquitectónico que presente a entidade promotora, dentro dos límites de edificabilidade establecidos.
Aínda que nos desenvolvementos residenciais convencionais adoita empregarse unha estimación de 100 metros cadrados por vivenda, incluíndo os espazos comúns, o concelleiro advertiu de que este cálculo podería non resultar representativo no caso da vivenda colaborativa.
Este tipo de edificios adoita incorporar lavanderías, comedores e outras dependencias compartidas que permiten reducir a superficie dos espazos de uso privativo.
Como exemplo, o responsable de Urbanismo citou a cooperativa ‘La Borda’, en Barcelona, unha das primeiras experiencias de vivenda cooperativa en cesión de uso desenvolvidas en España, cun edificio construído en madeira e dotado dun patio central e diferentes zonas comunitarias.
“Os fogares son cada vez máis diversos e as vivendas teñen que ser cada vez máis diversas”, sinalou Lestegás, que defendeu a necesidade de adaptar os instrumentos de planeamento ás novas formas de convivencia.
O Concello tamén introduciu referencias expresas a estas modalidades residenciais na modificación puntual do Plan Especial da Cidade Histórica que está actualmente en tramitación.
A modificación do planeamento de Roxos someterase agora a un período de información pública dun mes. Paralelamente, o expediente remitirase á Dirección Xeral de Urbanismo e Ordenación do Territorio, que determinará os informes sectoriais necesarios para continuar coa tramitación.
Tamén se solicitará un informe á Deputación da Coruña para avaliar as posibles afeccións á estrada provincial DP-7802.
Lestegás apuntou que este tipo de modificacións adoitan resolverse nun prazo aproximado dun ano, aínda que, dadas as dimensións do ámbito e as características da actuación, a tramitación podería completarse antes. Os prazos dependerán, en boa medida, da emisión dos informes preceptivos.
A aprobación definitiva corresponderá ao Pleno municipal. Unha vez que entre en vigor a nova ordenación, a entidade promotora poderá redactar o proxecto de edificación e solicitar a correspondente licenza de obra.
Entre os argumentos esgrimidos polo Goberno local para xustificar o cambio figuran o incremento da oferta de vivenda protexida, o aproveitamento das infraestruturas existentes, a promoción de iniciativas residenciais sen ánimo de lucro e a redución do consumo de solo, en consonancia co obxectivo europeo de alcanzar un consumo neto cero de solo en 2050.
LESTEGÁS ASEGURA QUE AS LICENZAS EXPRÉS PROPOSTAS POR VEREA XA EXISTEN EN SANTIAGO
Durante a comparecencia, o concelleiro de Urbanismo tamén respondeu á proposta do líder do PP compostelán, Borja Verea, de implantar un sistema de licenzas municipais exprés que permita resolver as solicitudes de obra nun prazo dun mes mediante a intervención das Entidades de Certificación de Conformidade Municipal (ECOM).
Lestegás asegurou que este procedemento xa está contemplado na lexislación galega e que o Concello de Santiago xa o está aplicando.
“Vender como solución ferramentas que xa existen e xa se utilizan é pouco honesto”, manifestou o edil, que incidiu en que a redución dos prazos de tramitación das licenzas é unha cuestión na que o Goberno municipal leva traballando desde o inicio do mandato.
Segundo explicou, as certificacións emitidas por estas entidades acreditadas poden substituír os informes técnicos e xurídicos municipais, de acordo co establecido no artigo 146 bis da Lei do solo de Galicia. Neste suposto, o Concello debe outorgar a licenza no prazo dun mes desde a presentación da solicitude coa documentación completa.
Desde a regulación destas entidades, Santiago recibiu catro solicitudes de licenza acompañadas dunha certificación ECOM. Tres delas xa foron concedidas, dúas en 2025 e unha en 2026, mentres que a cuarta foi presentada o pasado 12 de novembro.
O concelleiro considerou que, polo momento, esta fórmula non parece espertar un interese elevado entre as empresas promotoras e lembrou que todos os grupos da corporación reciben semanalmente a documentación das xuntas de goberno nas que se aproban as licenzas de obra.
“Non sei onde estivo Borja Verea todo este tempo, pero creo que non estivo atento”, afirmou Lestegás, que asegurou ter informado anteriormente sobre a aplicación deste procedemento en Santiago.
AVANCES NUN DESENVOLVEMENTO URBANÍSTICO QUE CONTEMPLA 396 VIVENDAS
O responsable municipal de Urbanismo informou tamén dos avances na execución doutro ámbito urbanístico da cidade, cuxo plan parcial foi aprobado definitivamente polo Pleno en febreiro de 2025 e que contempla a construción de 396 vivendas repartidas en dous polígonos.
O Concello aprobou recentemente de maneira definitiva os estatutos e as bases de actuación da xunta de compensación do primeiro destes polígonos, situado na parte sur do ámbito.
Este sector dispón dunha superficie de 56.688 metros cadrados e dunha edificabilidade de 16.682 metros cadrados. Deles, 13.346 destinaranse a uso residencial e 3.336 a outros usos.
Neste primeiro polígono está prevista a construción de 139 vivendas, cunha reserva de 4.004 metros cadrados edificables para vivenda protexida, ademais da habilitación de espazos libres e equipamentos.
O segundo polígono abrangue 101.205 metros cadrados de superficie e contempla unha edificabilidade de 30.361 metros cadrados. Deles, 24.289 corresponden a uso residencial, cunha previsión de 257 vivendas e unha reserva de 7.287 metros cadrados para vivenda de protección autonómica. Os 6.072 metros cadrados edificables restantes destinaranse a outros usos.
O seguinte paso será a constitución da xunta de compensación do primeiro polígono, integrada polas persoas propietarias dos terreos, e a aprobación do proxecto de distribución de beneficios e cargas. Posteriormente, deberá aprobarse o proxecto de urbanización, que xa foi presentado ante o Concello.
O desenvolvemento urbanístico leva aparellada, ademais, a obtención de dous ámbitos exteriores que deberán ser cedidos gratuitamente á Administración local: 7.527 metros cadrados correspondentes ao parque recreativo de San Lázaro e outros 1.871 vinculados ao cemiterio de Boisaca.

