InicioECONOMÍAA nova compañía aérea Fly2Galicia abre a venda dos seus voos dende...

A nova compañía aérea Fly2Galicia abre a venda dos seus voos dende Santiago con oito destinos directos

A nova aeroliña activa a súa web de reservas, con billetes para voar dende Lavacolla a tres cidades españolas e cinco europeas a partir de decembro

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

Fly2Galicia xa abriu ao público a súa páxina web e activou a venda de billetes para as oito novas rutas directas que operará dende o Aeroporto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela. Os usuarios poden consultar dende este martes os horarios e prezos dispoñibles, seleccionar as datas das viaxes e completar a reserva dos voos a través da plataforma da compañía. A web oficial xa incorpora o acceso ao sistema de reservas e presenta as oito conexións previstas dende Santiago.

A compañía estreará a súa actividade o martes 1 de decembro, cun primeiro voo entre Santiago e Zaragoza que despegará de Lavacolla ás 06:40. Será o inicio dunha programación que alcanzará as 17 frecuencias semanais entre as oito rutas anunciadas, con tres destinos dentro de España e outros cinco internacionais.

A apertura das vendas permite coñecer tamén que días da semana estará dispoñible cada conexión, tanto para as viaxes de ida como para as de volta con Santiago de Compostela como aeroporto de referencia. A ruta con maior número de días de operación será a de Alacante, con voos os luns, xoves e sábados. Para Granada haberá conexións os luns e xoves, mentres que Zaragoza estará enlazada con Lavacolla os martes e venres. A propia aeroliña confirma na súa web estes días de operación para as tres rutas nacionais.

No caso dos destinos internacionais, os voos entre Santiago e Venecia estarán programados os mércores e sábados, mentres que a conexión con Milán funcionará os martes e sábados. Para viaxar a Praga, Fly2Galicia establece operacións os domingos e mércores, e a ruta con Múnic estará dispoñible os luns e xoves. Finalmente, os enlaces con Bruxelas realizaranse os martes e venres.

Deste xeito, a programación anunciada distribúe as novas conexións ao longo de toda a semana. Os luns haberá voos con Alacante, Granada e Múnic; os martes con Zaragoza, Milán e Bruxelas; os mércores con Venecia e Praga; os xoves con Alacante, Granada e Múnic; os venres con Zaragoza e Bruxelas; os sábados con Alacante, Venecia e Milán; e os domingos con Praga.

A nova compañía xa avanzara que os prezos de saída das rutas nacionais partirían dos 19 euros. Para os destinos internacionais, as tarifas anunciadas comezan nos 39 euros para Milán e Bruxelas e nos 49 euros para Múnic, Praga e Venecia. O importe final de cada viaxe pode consultarse agora directamente no motor de reservas en función da ruta e das datas seleccionadas.

Fly2Galicia tamén anunciou que as súas tarifas máis económicas permitirán levar dúas pezas de equipaxe de man, cunha maleta de cabina de ata oito quilogramos e un artigo persoal. A compañía prevé establecer en Santiago a súa base de operacións e concentra nesta primeira fase toda a súa oferta regular no aeroporto compostelán.

Outro dos elementos incluídos na oferta da compañía é o servizo a bordo mesmo para os billetes Economy, que incorporarán sen custo adicional café ou té e un snack de cortesía. Fly2Galicia contará ademais cun programa de millas propio destinado aos pasaxeiros frecuentes, que permitirá acumular millas con cada voo para empregalas posteriormente na obtención de novos billetes.

ÚLTIMAS

Ames activa a Comisión da Seca e prepara un arranxo provisional na presa da Ponte Maceira

O Concello de Ames reuniu este martes a Comisión da Seca para avaliar a...

Denuncian “unha nova saturación” en Urxencias do Hospital Clínico de Santiago

A CIG denunciou "unha nova saturación" nas Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago,...

Boqueixón licita novas obras de saneamento por preto de 70.000 euros para seis aldeas

O Concello de Boqueixón vén de licitar dous proxectos destinados a ampliar e mellorar...

Santiago completa a mellora da rúa San Martiño de Aríns tras investir preto de 700.000 euros

O Concello de Santiago deu por finalizada a intervención na rúa San Martiño de...

A Xunta prevé licitar este ano a ampliación do Quiroga Palacios se Santiago desbloquea a cesión dos terreos

A Xunta de Galicia prevé sacar a licitación antes de que remate 2026 a...

Santiago autoriza a construción de 33 vivendas protexidas na rúa Manuel Ceruelo

O Concello de Santiago concedeu licenza á cooperativa Porto Sur para construír 33 vivendas...

O Concello destina máis de 727.000 euros a mellorar os centros educativos durante o verán

O Concello de Santiago está a aproveitar o período sen actividade lectiva de xullo...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here