O visado de novas vivendas para construír en Santiago de Compostela disparouse un 405 % nos nove primeiros meses de 2026, segundo os datos facilitados polo Colexio Oficial da Arquitectura Técnica da Coruña, nun contexto marcado pola preocupación polo acceso á vivenda e a necesidade de incrementar a oferta residencial.
Así, os visados de novas vivendas para construír en Santiago entre xaneiro e setembro suman 268 unidades. De acordo cos datos deste colexio profesional, no conxunto da provincia da Coruña a cifra ascende a case 1.900 vivendas. Pola súa banda, o orzamento de execución material dos expedientes de obras visados nos nove primeiros meses do ano en toda a provincia alcanza os 363 millóns de euros.
O total de obras visadas no Concello de Santiago de Compostela nos nove primeiros meses de 2026 medrou un 0,82 %, ao pasar dos 122 expedientes visados entre xaneiro e setembro de 2025 aos 123 rexistrados no mesmo período deste ano. Os expedientes de obras no conxunto da provincia da Coruña, pola súa banda, caeron un 1,67 %.
O SECTOR RECLAMA AXILIZAR OS PROXECTOS E ADVERTE DA FALTA DE MAN DE OBRA
Nunha nota de prensa, o presidente do Colexio Oficial da Arquitectura Técnica da Coruña, Carlos Mato, reclama un pacto sobre vivenda “como o que xa existe en Galicia, fomentar a colaboración público-privada, axilizar a xestión urbanística do solo, unificar e dar estabilidade á normativa para dar confianza e axilizar a tramitación de proxectos inmobiliarios”.
Con todo, considera que “o sector atravesa un bo momento”, con “todos os protagonistas, incluídas as administracións, concienciados na necesidade de resolver o problema da vivenda”. Malia esta valoración positiva, Mato advirte de que o sector “precisa abordar con rigor e seriedade a falta de man de obra, un problema que dificulta a materialización de proxectos de obra nova e a rehabilitación”.

