InicioECONOMÍAO Concello destina 3 millóns á compra de edificios baleiros na cidade...

O Concello destina 3 millóns á compra de edificios baleiros na cidade histórica para crear vivenda pública en alugueiro

O Goberno compostelán prepara unha licitación pública para adquirir inmobles catalogados, rehabilitalos coa colaboración do Consorcio e incorporalos ao parque municipal de vivenda a prezos accesibles

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago destinará 3 millóns de euros á adquisición de edificios baleiros na cidade histórica co obxectivo de rehabilitalos e dedicalos posteriormente a vivenda pública en réxime de alugueiro a prezos accesibles. A medida foi presentada este mércores pola alcaldesa, Goretti Sanmartín, e polo concelleiro de Urbanismo e Vivenda, Iago Lestegás, que explicaron que a iniciativa se desenvolverá a través dunha licitación pública cuxo prego está xa “moi avanzado”.

A proposta forma parte das políticas municipais impulsadas nos últimos anos para mellorar o acceso á vivenda en Compostela e, segundo explicou Sanmartín, responde a unha prioridade do Goberno local: preservar o uso residencial dos inmobles, incentivar a rehabilitación, recuperar espazos en desuso e crear un parque público de alugueiro distribuído por diferentes ámbitos urbanos. A alcaldesa lembrou que a vivenda é unha das principais preocupacións da veciñanza e vinculou esta nova actuación coa declaración de Santiago como zona de mercado residencial tensionado.

“Queremos anunciar que o Concello de Santiago dedicará tres millóns de euros á adquisición de edificios en desuso na cidade histórica para rehabilitalos e dedicalos ao uso de vivenda en alugueiro a prezo accesible”, afirmou Sanmartín. A rexedora sinalou que se trata dunha medida “concreta” e “ambiciosa”, orientada ao medio e longo prazo, e enmarcada nun modelo urbano baseado na recuperación do patrimonio xa construído.

O Concello pretende que os inmobles sexan adquiridos con cargo ao patrimonio municipal do solo, que recibiu recentemente ingresos pola adxudicación de tres parcelas destinadas a vivenda protexida. Segundo detallou Lestegás, esas parcelas permitirán construír 134 vivendas protexidas con cualificación permanente e xeraron 5,1 millóns de euros para as arcas municipais. Unha parte deses fondos, 3 millóns, destinarase agora a mercar edificios baleiros no centro histórico para crear novas vivendas de titularidade municipal.

O concelleiro explicou que esta actuación permitirá combinar a creación de vivenda protexida de nova planta en zonas periféricas coa recuperación de edificios no centro. “Neste xeito, teremos vivenda a prezos accesibles na periferia e no centro”, indicou.

A adquisición realizarase mediante unha oferta pública aberta a propietarios de edificios situados no ámbito do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica, un espazo que, segundo lembrou Lestegás, abrangue máis de 175 hectáreas e vai alén da améndoa ou do antigo recinto intramuros. O ámbito inclúe tamén barrios históricos como San Pedro, San Roque, Basquiños, Sar, San Lourenzo ou Pelamios, entre outros.

Os inmobles deberán cumprir unha serie de condicións que quedarán recollidas no prego. Entre elas, o Concello avanzou que terán que estar catalogados polo seu valor arquitectónico, atoparse en desuso, precisar obras de rehabilitación e estar libres de cargas e gravames. Lestegás evitou concretar cantos edificios poderán ser adquiridos, xa que dependerá das súas características, dimensións, estado de conservación e localización. “Non custa o mesmo un edificio grande que un pequeno, nin un edificio en bo estado que un en mal estado”, sinalou.

O Goberno local tampouco avanzou unha data concreta para a publicación da licitación nin para a súa resolución. O concelleiro indicou que o prego está practicamente rematado e que, unha vez finalizado, terá que iniciarse a tramitación administrativa correspondente. Sanmartín engadiu que a vivenda é unha prioridade para o Concello, mais evitou fixar prazos pola complexidade dos procedementos de contratación pública.

A iniciativa está incluída no plan de medidas correctoras aprobado tras a declaración de Santiago como zona tensionada. En concreto, encaixa na medida B2, orientada á construción e rehabilitación de vivendas municipais, e tamén se vincula co Plan de Xestión da Cidade Histórica, que contempla a posibilidade de adquirir ou obter vivenda de propiedade pública para ofrecer aloxamento en alugueiro a prezos adecuados para persoas con rendas insuficientes.

Lestegás enmarcou esta nova actuación nunha estratexia máis ampla de recuperación residencial a través da rehabilitación. Entre os antecedentes citou a reactivación do rexistro de solares, a venda forzosa dun inmoble en ruínas no número 33 da rúa do Espírito Santo, cuxa nova propiedade presentou xa un proxecto de rehabilitación integral para uso residencial, e a futura recuperación de cinco edificios na rúa da Caramoniña para vivenda municipal en alugueiro, unha intervención incluída no programa Edil.

O concelleiro tamén lembrou a reorganización do Servizo Municipal de Rehabilitación e Vivenda, realizada a comezos deste ano, co obxectivo de axilizar a tramitación de licenzas e favorecer a rehabilitación de inmobles. Para Lestegás, aproveitar mellor o parque xa construído é unha vía necesaria para ampliar a oferta residencial. “Na cidade histórica de Santiago hai moitos edificios baleiros que son un signo de ineficiencia no uso do parque residencial e, ademais, contribúen a deteriorar certos espazos urbanos”, indicou.

Un dos elementos centrais da proposta será a colaboración co Consorcio de Santiago, organismo ao que o Concello quere formular que asuma a rehabilitación dos edificios que sexan adquiridos. Sanmartín explicou que o Concello mercaría os inmobles e, posteriormente, solicitaría a participación do Consorcio para executar as obras, en coherencia cos seus obxectivos de conservación, rehabilitación e fixación de poboación na cidade histórica.

A alcaldesa sinalou que xa houbo conversas informais con outras administracións representadas no Consorcio, especialmente co Estado, e puxo como referencia a experiencia do Consorcio de Toledo, onde se desenvolveron programas similares. Con todo, precisou que a colaboración aínda non está formalmente acordada. “Está falado pero non está acordado”, indicou, antes de engadir que ao seu xuízo a proposta encaixa coas liñas estratéxicas do organismo.

Sanmartín defendeu que a medida permite reforzar a utilidade do Consorcio para a veciñanza compostelá e destacou a importancia da cooperación entre administracións nun problema que, segundo dixo, non pode ser abordado unicamente desde o ámbito municipal. “Temos unha ocasión máis para que a veciñanza perciba a rendibilidade dunha institución como o Consorcio”, apuntou.

O destino final dos edificios rehabilitados será a creación de vivendas en alugueiro a prezos accesibles, aínda que o Goberno local tamén contempla que poidan existir baixos comerciais ou espazos de uso sociocultural nos inmobles recuperados. Polo momento, o Concello non definiu un perfil concreto de persoas destinatarias. Lestegás explicou que a intención é crear un parque público aberto a quen teña dificultades para acceder á vivenda, sen limitarse a un colectivo determinado.

“O problema da vivenda afecta a todas as capas da poboación”, afirmou o concelleiro, que recoñeceu que a mocidade e as persoas en idade de emancipación están entre os grupos máis afectados, pero advertiu de que a crise actual supera ese ámbito. Segundo explicou, o obxectivo é intervir no mercado desde as competencias municipais e facilitar vivenda a prezos asumibles para calquera persoa con dificultades de acceso.

A alcaldesa subliñou que se trata dunha política “para quedar” e non dunha medida de carácter inmediato ou efectista. Sanmartín afirmou que o Goberno local quere avanzar “con pasos sólidos e rigorosos” nun procedemento que considera novidoso en Santiago e que podería ter continuidade en futuras convocatorias. “Non creo que ninguén poida poñer en cuestión unha proposta pensada na veciñanza de Compostela”, concluíu.

ÚLTIMAS

O PSOE leva ao pleno o estado da Alameda e reclama un mantemento “activo, continuado e rigoroso”

O Grupo Municipal Socialista levará ao pleno ordinario de xuño a situación da Alameda...

As traballadoras do téxtil avalían novas mobilizacións tras levantar a acampada trasladada a Santiago

As representantes dos traballadores do sector téxtil estudan cos persoais a definición dunha nova...

O PP de Santiago e a Fundación Andrea impulsan o primeiro Torneo Solidario Jesús Pampín

O PP de Santiago e a Fundación Andrea presentaron este mércores o I Torneo...

Santiago licita por 1,3 millóns a xestión e a vixilancia do centro para persoas sen fogar de Belvís

O Concello de Santiago vén de aprobar o inicio da licitación de dous contratos...

Goretti Sanmartín e Pedro Blanco apelan á colaboración co empresariado galego na asemblea da CEG

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro...

O comercio local de Santiago celebra o ‘Prima 2026’ con actividades familiares, música e unha ruleta de agasallos

O Concello de Santiago celebrará do xoves 11 ao sábado 13 de xuño unha...

Santiago deberá acudir ao fondo estatal de pago a provedores con 7,79 millóns de euros financiables

O Concello de Santiago de Compostela terá que participar de maneira obrigatoria no fondo...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here