InicioECONOMÍAGoretti Sanmartín e Pedro Blanco apelan á colaboración co empresariado galego na...

Goretti Sanmartín e Pedro Blanco apelan á colaboración co empresariado galego na asemblea da CEG

A alcaldesa de Santiago defendeu a cooperación co tecido empresarial para avanzar en proxectos como a plataforma loxística, a AP-9 ou o tren de proximidade, mentres o delegado do Goberno reivindicou un modelo de prosperidade compartida

Publicado o

Xornal de Compostela

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, participaron este martes na clausura da asemblea xeral da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), celebrada na sede da entidade empresarial. Ambos coincidiron na necesidade de manter canles de diálogo e colaboración co empresariado para afrontar os retos económicos de Compostela e do conxunto de Galicia.

Na súa intervención, Sanmartín trasladou ao tecido empresarial a vontade do Concello de Santiago de avanzar en obxectivos compartidos a medio e longo prazo. Entre eles, citou a plataforma loxística, a eliminación da peaxe da AP-9 e o tren de proximidade, así como a necesidade de fortalecer as bases da economía local.

“Fai falta colaboración mutua, diálogo, responsabilidade e compromiso colectivo”, afirmou a rexedora, que engadiu que “o compromiso do goberno de Compostela está garantido” ante as empresarias e empresarios reunidos na asemblea.

A alcaldesa defendeu que a cidade debe continuar coidando os elementos que sustentan a súa actividade económica e social. Nese sentido, sinalou a importancia de protexer o patrimonio e a identidade, manter Santiago como cidade de cultura, coidados e investigación e, ao mesmo tempo, avanzar na diversificación económica, con máis peso doutros sectores alén dos servizos.

“Coidar o que temos é o primeiro obxectivo que temos marcado desde o Concello”, indicou Sanmartín, quen vinculou esa liña de traballo coa procura dun modelo que permita garantir boas condicións de vida para a veciñanza e un funcionamento “equilibrado e sustentable” da economía compostelá.

A rexedora tamén se referiu á necesidade dunha Administración “áxil e dinámica”, capaz de resolver e de impulsar políticas con perspectiva de futuro. Neste apartado, apuntou a actuacións municipais relacionadas coa compactación urbana, a mellora do transporte, a rehabilitación e posta en uso de vivendas, os servizos de conciliación, a atención ás persoas dependentes, a modernización administrativa e a contratación responsable.

Sanmartín destacou que Compostela atravesa unha conxuntura económica favorable, vinculada á súa condición de capital administrativa e universitaria e ao peso do turismo. Con todo, defendeu que esta situación debe ir acompañada de “diálogo sosegado e traballo conxunto” co empresariado para alcanzar novas metas.

Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, aproveitou a súa intervención para defender o modelo de “prosperidade compartida” polo que, segundo sinalou, aposta o Executivo central. Blanco afirmou que o crecemento económico debe ir unido á mellora das condicións de vida das persoas traballadoras e á estabilidade das familias.

O representante do Goberno de España subliñou que Galicia “avanza cando avanzan as súas empresas” e reivindicou o compromiso do Executivo central co tecido produtivo galego. Neste sentido, destacou os indicadores económicos e laborais que, segundo expuxo, sitúan a España entre as economías europeas con maior crecemento e permitiron a Galicia acadar cifras récord de emprego e afiliación á Seguridade Social, ademais dunha redución da temporalidade.

Pedro Blanco atribuíu estes datos a unha política económica baseada na estabilidade e nos acordos. “Fronte ao ruído, estabilidade. Fronte á confrontación permanente, acordos e colaboración”, afirmou durante a clausura da asemblea.

O delegado tamén advertiu de que os retos que seguen pendentes para as empresas e para o mercado laboral galego deben abordarse actuando sobre as súas causas, reforzando os servizos públicos e mellorando a cooperación entre administracións, empresas e persoas traballadoras.

Na súa intervención, Blanco referiuse ademais ás oportunidades de transformación económica que se abren para Galicia a través dos máis de 4.500 millóns de euros do Plan de Recuperación asignados á comunidade. Segundo indicou, estes fondos chegaron a máis de 72.000 beneficiarios, dos cales a metade son pequenas e medianas empresas.

Tamén destacou o papel dos PERTE na modernización de sectores estratéxicos como a automoción, o naval ou a cadea mar-industria, así como a importancia do Corredor Atlántico como proxecto de modernización económica para Galicia.

O delegado do Goberno puxo o foco igualmente na transición enerxética e na descarbonización, que definiu como “unha das grandes oportunidades industriais para Galicia”. Ademais, mencionou o peso da industria de defensa e a atracción de investimento internacional, ao sinalar que a chegada de grandes grupos industriais responde á confianza nas capacidades produtivas galegas e ao liderado internacional de España.

Blanco pechou a súa intervención dirixíndose ao presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, para insistir na utilidade do diálogo institucional. “Podemos e debemos traballar xuntos para o beneficio de Galicia”, afirmou, antes de asegurar que o Goberno de España “é e quere seguir sendo o mellor aliado do empresariado galego”.

Na mesma xornada, Goretti Sanmartín participou tamén na apertura do foro ‘Impacto do cambio climático nos recursos hídricos’, organizado por La Voz de Galicia e Facsa no Hotel Monumento San Francisco. Alí defendeu que a adaptación ao cambio climático require planificación previa e estudos que permitan tomar decisións “sólidas e rigorosas”.

“Temos que mellorar as redes de abastecemento e saneamento e reforzar a resiliencia das infraestruturas”, sinalou a alcaldesa, que puxo como exemplo o proxecto do barrio verde de Pontepedriña, centrado na mellora da infiltración da auga e coa previsión de que este tipo de solucións poidan aplicarse noutras obras e infraestruturas da cidade.

ÚLTIMAS

‘A Santa’ de Asorey regresará a Galicia cen anos despois da súa creación

A Xunta de Galicia trasladará desde Uruguai a escultura 'A Santa', unha das obras...

Santiago entrega a Alba de Compostela nun acto dedicado a “todas” as vítimas do franquismo

O Concello de Santiago entregou este 25 de xullo, por cuarto ano consecutivo, as...

A USC reconstrúe dixitalmente a ‘Raíña Orante’ do mestre Mateo

Un proxecto da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e do Centro de Investigación...

Santiago vive un multitudinario Día de Galicia entre tradición, política e festa

Como cada 25 de xullo, Santiago de Compostela celebrou o Día Nacional de Galicia...

A USC lanza un plan para aliviar a presión da vivenda universitaria en Santiago e Lugo

A Universidade de Santiago de Compostela presentou este venres o seu novo Plan Social...

Dúas gasolineiras en Santiago entre as máis baratas na AP-9 en período vacacional xunto a outra de Ferrol

A Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) realizou un estudo sobre as gasolineiras máis...

Persoal do transporte de mercadorías reclama un “convenio provincial digno” en Santiago

Persoal do transporte de mercadorías por estrada, convocado polos sindicatos CCOO, CIG e UGT,...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here