InicioECONOMÍASantiago acepta a entrega da plataforma loxística e aproba o plan para...

Santiago acepta a entrega da plataforma loxística e aproba o plan para a zona residencial tensionada

A Xunta de Goberno Local deu luz verde ao documento que guiará as medidas de vivenda ata 2029, licitou a reurbanización da rúa de Mallou e aprobou a oferta pública de emprego de 41 prazas

Publicado o

Xornal de Compostela

A Xunta de Goberno Local de Santiago aprobou este luns unha ampla batería de acordos en materia de vivenda, urbanismo, mobilidade, servizos públicos e emprego, entre os que destacan a aceptación da entrega da nova plataforma loxística de distribución de mercadorías, a aprobación do plan específico para a zona de mercado residencial tensionado e a licitación das obras de reurbanización da rúa de Mallou. Así o anunciou a concelleira de Turismo, Míriam Louzao, na comparecencia posterior á reunión do executivo local.

Un dos asuntos centrais foi a recepción da obra do Centro Loxístico de Provisión e Distribución de Mercadorías no Centro Histórico, unha infraestrutura situada xunto a Mercagalicia que contou cun investimento superior aos catro millóns de euros financiado maioritariamente con fondos europeos. O proxecto busca reducir o impacto do tráfico de distribución na cidade histórica mediante un sistema centralizado de recepción e reparto de mercadorías con vehículos de baixas emisións.

A nave, cunha superficie construída de máis de 2.300 metros cadrados, dispón de zonas de carga e descarga, aparcadoiros para persoal e vehículos de reparto, puntos de recarga eléctrica e peiraos con capacidade para varios vehículos simultáneos. Segundo explicou Louzao, o Concello traballa xa para encomendar a súa xestión a Mercagalicia, empresa participada maioritariamente polo consistorio, que poderá apoiarse posteriormente nun operador loxístico especializado. O obxectivo municipal é que a instalación poida entrar en funcionamento ao longo deste mesmo ano.

PLAN PARA A ZONA RESIDENCIAL TENSIONADA

A Xunta de Goberno aprobou tamén o Plan Específico de Medidas Necesarias para a Corrección dos Desequilibrios Evidenciados na Zona de Mercado Residencial Tensionado, unha vez obtida a autorización da Xunta de Galicia. O documento terá vixencia ata 2029 e será remitido agora tanto ao Goberno galego como ao Ministerio de Vivenda.

O plan estrutúrase en tres grandes programas. O primeiro céntrase na optimización do parque residencial existente e inclúe medidas xa en marcha, como a limitación dos pisos turísticos, a aplicación do recargo fiscal ás vivendas baleiras ou a incorporación de inmobles ao Rexistro de Soares para promover a súa rehabilitación.

O segundo programa busca ampliar a oferta de vivenda protexida mediante a creación dun parque municipal de alugueiro, a reserva de solo para este tipo de promocións e a cesión de parcelas a outras administracións. Neste apartado figura tamén a obriga de destinar unha parte significativa do futuro desenvolvemento do antigo Peleteiro á vivenda protexida.

Pola súa parte, o terceiro bloque recolle medidas para mellorar a eficiencia administrativa, entre elas a reorganización dos servizos urbanísticos, a simplificación de trámites para determinadas licenzas de obra e a revisión de ámbitos urbanísticos pendentes de desenvolvemento para incrementar a dispoñibilidade de solo residencial.

LUZ VERDE Á REURBANIZACIÓN DA RÚA DE MALLOU

Entre os acordos adoptados figura tamén a aprobación do expediente de contratación das obras de reurbanización da rúa de Mallou, cun investimento de máis de 1,4 millóns de euros e un prazo de execución previsto de 15 meses.

A actuación afectará a máis de 7.500 metros cadrados e a un tramo superior ao medio quilómetro entre a rúa Pequena e a rúa Queimada. O proxecto contempla novas beirarrúas accesibles, cinco pasos peonís elevados, unha zona de plataforma única, renovación integral das redes de servizos e a creación de espazos estanciais asociados á arboraxe existente. Tamén se instalará unha rede separativa de saneamento e drenaxe, renovarase a iluminación e reorganizaranse os colectores de residuos.

SANEAMENTO, EMPREGO PÚBLICO E SERVIZOS SOCIAIS

A Xunta de Goberno aprobou ademais o proxecto para reparar un tramo do colector de saneamento da zona do Castiñeiriño, cun orzamento superior aos 63.000 euros e un prazo de execución de catro meses. Esta actuación resulta necesaria para a posta en servizo das vivendas promovidas pola Xunta nesta contorna.

No ámbito dos servizos sociais, o executivo local deu luz verde ao texto refundido da ordenanza reguladora do futuro Centro de Acollida e Inclusión Social básico para persoas en situación de senfogarismo, incorporando as modificacións derivadas do período de información pública e das observacións formuladas pola Xunta de Galicia. O documento deberá someterse agora á aprobación definitiva do pleno municipal.

Por urxencia, o goberno local aprobou tamén a oferta de emprego público de 2026, integrada por 41 prazas. Delas, 35 cubriranse por quenda libre e seis mediante promoción interna. Entre as vacantes destacan dez prazas para a Policía Local e sete para o Servizo de Extinción de Incendios.

LICENZAS, CULTURA E SAN XOÁN

No apartado urbanístico, a Xunta de Goberno autorizou distintas actuacións, entre elas a transformación dun local en vivenda na rúa da Estrada, a rehabilitación enerxética dun edificio na Ponte do Sar, a substitución dunha cuberta na Cibexería e a reforma dunha edificación en Sarela de Abaixo para habilitar seis apartamentos turísticos. Neste último caso, Louzao lembrou que o inmoble está situado en solo de núcleo rural e queda fóra do ámbito da suspensión de novas licenzas turísticas aprobada polo Concello.

Ademais, aprobouse o préstamo temporal de documentos do Arquivo Histórico Municipal para a exposición ‘A cidade que se soñou a si mesma. Obras e proxectos na Compostela rexionalista’, así como as instrucións para a celebración das tradicionais cacharelas e sardiñadas de San Xoán, cuxo prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 19 de xuño.

Tamén se tomou coñecemento dunha subvención da Deputación da Coruña destinada á programación da Rede Cultural municipal e aprobouse o expediente do concurso de escaparates de Nadal.

ÚLTIMAS

Compostela lembra a ferida de Angrois e traslada a súa solidariedade coas vítimas do accidente ferroviario de Toledo

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, trasladou este mércores a solidariedade da capital galega...

Santiago gardará un minuto de silencio no Obradoiro polas vítimas do accidente ferroviario de Toledo

O Concello de Santiago de Compostela convocou para este mércores, 28 de outubro, ás...

As vítimas de Angrois vinculan o sinistro de Toledo coa falta dunha investigación independente do accidente de 2013

O portavoz da Plataforma Vítimas Alvia 04155, Jesús Domínguez, considera que a falta dunha...

O Premio Literario San Clemente recoñece as novelas de Nerea Pallares, Andrés Neuman e Hugo Gonçalves na súa XXX edición

O Premio Literario San Clemente, organizado baixo a coordinación do IES Rosalía de Castro...

O Concello aproba a rehabilitación do Palacete do Espiño por 1,2 millóns de euros

A Xunta de Goberno Local de Santiago de Compostela aprobou este luns, 26 de...

Rosa Crujeiras reclama medidas para garantir o acceso á vivenda do estudantado universitario

A reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras, reclamou que se adopten...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here