A Xunta de Galicia deu luz verde ambiental ao Proxecto de Interese Autonómico (PIA) para o desenvolvemento residencial da zona de Mallou, no nordés de Santiago de Compostela, unha actuación promovida polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) que prevé a construción dunhas 2.950 vivendas, maioritariamente de carácter protexido.
Segundo informou o Goberno galego, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático emitiu o informe ambiental estratéxico (IAE) no marco do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada. O documento conclúe que o proxecto non prevé efectos ambientais adversos significativos, aínda que establece determinadas condicións que deberán ser tidas en conta para profundar nalgúns aspectos técnicos do desenvolvemento.
O informe, que será publicado nos próximos días no Diario Oficial de Galicia (DOG), foi elaborado tras o proceso de consulta a organismos públicos interesados e despois de que o borrador do PIA e o documento ambiental estratéxico permanecesen durante 30 días hábiles expostos no portal web da Consellería para que a cidadanía puidese presentar observacións ou suxestións.
Unha vez adoptada a resolución, o documento ambiental será remitido ao promotor do proxecto e ao órgano substantivo competente, e posteriormente darase a coñecer publicamente tanto mediante anuncio no DOG como a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente.
O ámbito previsto para o desenvolvemento residencial abrangue unha superficie total de 522.737 metros cadrados na zona de Mallou. O borrador do proxecto contempla a urbanización deste espazo para permitir a construción das citadas 2.950 vivendas, ademais de reservar solo para equipamentos comunitarios, espazos libres e zonas verdes.
A proposta urbanística inclúe tamén unha nova estrutura viaria, definida en boa medida por infraestruturas xa recollidas no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Santiago.
Entre elas destaca un eixo norte-sur, que conectará Boisaca, Cancelas e Fontiñas, permitindo enlazar a avenida de Asturias coa avenida de Xoán Paulo II mediante unha glorieta e un viaduto. A isto sumarase un eixo este-oeste destinado a comunicar a zona de Mallou co núcleo de Porto do Medio.
Ademais, o proxecto contempla unha rede secundaria interior de rúas, nas que se habilitarán arredor de 800 prazas de aparcadoiro público situadas nas marxes dos viarios previstos.

