InicioECONOMÍALestegás informa dun incremento das licenzas de obra maior en Santiago e...

Lestegás informa dun incremento das licenzas de obra maior en Santiago e defende priorizar a vivenda protexida

O edil de Urbanismo presenta datos de 2023 a 2025, avanza novas promocións públicas e reorganiza os servizos municipais para axilizar trámites

Publicado o

Xornal de Compostela

O concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, deu conta esta mañá dos datos de actividade urbanística dos últimos tres anos, centrados nas licenzas de obra maior concedidas pola Xunta de Goberno Local, e avanzou previsións sobre novos desenvolvementos residenciais na cidade.

Segundo explicou, entre 2023 e 2025 o Concello concedeu 23 licenzas de obra maior para edificios de vivenda colectiva de nova planta, que permitirán a construción de 374 vivendas, das que 186 son protexidas, o que supón o 50% do total. Dentro desta cifra inclúense 150 vivendas de protección autonómica e 36 de promoción pública.

No mesmo período autorizáronse tamén 84 licenzas para 123 vivendas unifamiliares de nova planta.

REHABILITACIÓN E CAMBIOS DE USO

En canto á rehabilitación e reforma, o edil detallou que entre 2023 e 2025 se concederon 222 licenzas de obra maior en edificios de vivenda colectiva existentes e 61 en vivendas unifamiliares, o que suma 283 intervencións en inmobles residenciais xa construídos.

Entre as actuacións recentes, destacou a licenza para a rehabilitación integral do edificio número 12 da Travesa de San Pablo de Antealtares, na zona histórica, que levaba anos apuntalado debido ao seu estado estrutural.

Ademais, no mesmo período autorizáronse 18 cambios de uso de terciario a residencial, dos cales 11 corresponden a 2025.

Lestegás subliñou que estes datos só recollen as licenzas de obra maior aprobadas pola Xunta de Goberno Local e lembrou que existen tamén numerosas actuacións tramitadas como obra menor ou mediante comunicación previa, polo que, segundo indicou, a actividade urbanística é superior á reflectida nestas cifras.

PARCELAS LISTAS E NOVOS ÁMBITOS DE DESENVOLVEMENTO

No apartado de previsións, o concelleiro referiuse ás parcelas xa urbanizadas destinadas a vivenda protexida. En decembro saíron a concurso dúas parcelas no ámbito do SU-14 do Transpasonal, con capacidade para 72 vivendas protexidas (33 nunha e 39 noutra).

Outras dúas parcelas, unha para 62 vivendas e outra para 18, quedaron desertas ao non presentarse ofertas.

No SUD-22, no suroeste da cidade, poderán edificarse un mínimo de 72 vivendas de promoción pública, ás que se sumarían outras 36 anunciadas pola Xunta nunha parcela cualificada como equipamento na contorna da Volta do Castro.

Entre os ámbitos en tramitación figuran dez sectores promovidos por iniciativa particular con capacidade para 638 novas vivendas, das que 104 serían protexidas. Entre eles atópanse o SUD-7 de Vite (198 vivendas, 40 protexidas), o SUD-8 de Monte de Vidán (35 vivendas, 10 protexidas), o SUD-11 de Muiño de Vidán (66 vivendas, 13 protexidas) ou o polígono 1 do SUD-4 de Reborido, aprobado definitivamente en febreiro de 2025, con 141 vivendas, 41 delas protexidas.

Tamén mencionou as actuacións previstas en Conxo de Abaixo, San Marcos, Romero Donallo, Piñeiro-Villestro e na parcela do antigo colexio Peleteiro, onde a nova ordenación —pendente de informe da Xunta— prevé 162 vivendas, das que o 45% serían protexidas, no centro urbano.

No norte da cidade, a Xunta promove o desenvolvemento do ámbito coñecido como subpunto maior mediante un proxecto de interese autonómico que estima 2.952 vivendas, das que o 80% serían protexidas, aínda que só o 20% do total correspondería a promoción pública.

ANÁLISE DO MERCADO DA VIVENDA

Durante a súa intervención, Lestegás cuestionou a relación directa entre incremento de oferta e baixada de prezos. “O mercado da vivenda non funciona como o mercado dos aguacates”, afirmou, ao sinalar que a experiencia da burbulla inmobiliaria demostra que un aumento da construción non implica necesariamente unha redución dos prezos.

O concelleiro lembrou que entre 1997 e 2006 se remataron máis de 4,7 millóns de vivendas en España mentres os prezos subiron un 160%, e sinalou que en cidades como A Coruña e Oleiros, onde se visaron máis vivendas de nova planta nos últimos anos que en Santiago, o prezo medio por metro cadrado medrou máis que na capital galega.

Ao seu xuízo, a prioridade debe centrarse en incrementar a vivenda protexida con cualificación permanente, distribuída por toda a cidade e complementada coa rehabilitación do parque existente. Tamén fixo referencia á existencia de vivendas baleiras e á necesidade de actuar contra usos irregulares como os pisos turísticos ilegais.

REORGANIZACIÓN DA ÁREA DE URBANISMO

Por último, Lestegás anunciou unha reorganización interna da área de Urbanismo para mellorar a tramitación das licenzas. Desde decembro incorporáronse novas xefaturas nos servizos de Planeamento e Xestión Urbanística, Licenzas e Disciplina, e Rehabilitación e Vivenda.

Este último servizo asume agora novas competencias, incluíndo a tramitación de determinadas licenzas e comunicacións previas na cidade histórica e a emisión de informes sectoriais en materia de patrimonio cultural delegados pola Comisión Asesora do Patrimonio Histórico.

Segundo indicou, o servizo de Rehabilitación e Vivenda conta actualmente con dous arqueólogos —fronte a un anteriormente—, tres arquitectos, unha técnica de xestión e tres administrativos, estando solicitada a cobertura dun novo posto técnico.

O concelleiro concluíu que o Concello non impediu nin prevé impedir o uso das entidades de certificación de conformidade municipal reguladas polo Decreto 60/2025, aínda que ata o momento só se solicitaron e concederon dúas licenzas a través desta vía.

ÚLTIMAS

Publicada no BOE a declaración de Santiago como zona de vivenda tensionada, que entra en vigor o xoves

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou a declaración de zona de mercado residencial...

Comeza unha nova etapa de mobilidade en Compostela: ábrese o prazo para adxudicar 29 novas licenzas de taxi

A Xunta de Goberno do Concello de Santiago aprobou este luns as bases reguladoras...

‘A Santa’ de Asorey regresará a Galicia cen anos despois da súa creación

A Xunta de Galicia trasladará desde Uruguai a escultura 'A Santa', unha das obras...

Luz verde a máis de 1 millón de euros para actuacións en concellos do Camiño Francés

O Goberno galego aprobou este luns un acordo que autoriza a firma dun novo...

A USC lanza un plan para aliviar a presión da vivenda universitaria en Santiago e Lugo

A Universidade de Santiago de Compostela presentou este venres o seu novo Plan Social...

Dúas gasolineiras en Santiago entre as máis baratas na AP-9 en período vacacional xunto a outra de Ferrol

A Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) realizou un estudo sobre as gasolineiras máis...

Persoal do transporte de mercadorías reclama un “convenio provincial digno” en Santiago

Persoal do transporte de mercadorías por estrada, convocado polos sindicatos CCOO, CIG e UGT,...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here