O Concello de Santiago solicitou o arquivo do expediente sancionador incoado por Augas de Galicia polas verteduras ao río Sar e que propón unha multa de 300.000 euros. A Administración local presentou alegacións nas que defende unha “ausencia de culpabilidade” e unha “falta de autoría material”, ao considerar que a responsabilidade recae na empresa estatal Acuaes, encargada das obras da depuradora.
A proposta de sanción, resolta o pasado 4 de febreiro, deriva dun expediente iniciado polo organismo autonómico a partir de medicións propias, ás que se sumaron posteriormente denuncias doutras entidades. Nas súas alegacións, o Concello diferencia dous períodos na tramitación: un primeiro no que a infracción tiña carácter leve, cunha contía máxima de 30.000 euros, e un segundo, posterior ao 1 de outubro, no que pasou a cualificarse como grave, elevando a proposta ata os 300.000 euros.
Segundo expón o goberno local, desde o 1 de outubro a xestión da antiga planta da Silvouta pasou a depender tamén de Acuaes, entidade pública empresarial adscrita ao Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico. Nese contexto, o Concello sostén que perdeu a capacidade de disposición sobre as instalacións e que as verteduras rexistradas os días 12, 13 e 14 de outubro se produciron baixo a “responsabilidade exclusiva” da sociedade estatal.
Nas alegacións presentadas, a Administración municipal afirma que “imputar ao Concello fallos operativos dunha planta que estaba a ser operada por un terceiro no marco dun contrato de obra estatal vulnera flagrantemente o principio de personalidade da sanción”. Engade ademais que as actuacións se enmarcan nun convenio interadministrativo, no que existe unha relación de cooperación entre administracións e non de xerarquía.
DEFENSA DA “AUSENCIA DE CULPABILIDADE”
O Concello tamén invoca xurisprudencia para defender a súa exención de responsabilidade. Segundo recolle, cando se produce un incumprimento nunha infraestrutura hidráulica competencia doutra administración —neste caso, o Estado— a entidade local pode quedar eximida, especialmente se a instalación resulta insuficiente.
A este respecto, sostén que a actual depuradora presenta unha insuficiencia estrutural, e que se as instalacións están en fase de obra e se produce un fallo durante a posta en marcha, “a responsabilidade non pode recaer sobre quen padece a insuficiencia da infraestrutura”.
CUESTIÓNS SOBRE A AVALIACIÓN DAS PROBAS
Outro dos argumentos incluídos nas alegacións fai referencia a un suposto “erro na valoración da proba” por parte de Augas de Galicia. No primeiro período analizado, o Concello entende que as mostras recollidas polo organismo autonómico confirmarían que a planta sofre unha incapacidade hidráulica estrutural, polo que considera que sancionar nestas circunstancias equivalería a penalizar o feito de que a depuradora resulte pequena ou obsoleta.
No tocante ao período posterior ao 1 de outubro, o expediente susténtase, segundo o Concello, en declaracións atribuídas a un “representante do interesado” ou “representante da entidade inspeccionada”. A Administración local nega que as persoas que realizaron esas manifestacións fosen representantes ou persoal funcionario municipal.

