InicioECONOMÍAO IDEGA e o CES recoñecen en San Xerome investigacións destacadas en...

O IDEGA e o CES recoñecen en San Xerome investigacións destacadas en economía galega

A XII edición dos Premios Valentín Paz Andrade distinguiu un artigo científico sobre planificación sanitaria e dúas teses doutorais centradas na distribución da renda e na historia da pesca en Galicia

Publicado o

Xornal de Compostela

O Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) e o Consello Económico e Social de Galicia (CES) entregaron este mércores, no Pazo de San Xerome, os XII Premios de Investigación en Economía de Galicia Valentín Paz Andrade, nas modalidades de artigo científico e tese de doutoramento. O acto estivo presidido polo reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, e contou coa participación do director do IDEGA, Rubén C. Lois, e do presidente do CES, Manuel Pérez.

Durante a súa intervención, o reitor salientou a calidade dos traballos galardoados e amosouse satisfeito polo incremento do número de candidaturas rexistrado nesta edición. Segundo indicou, este feito contribúe a que a USC “cumpra dúas misións cada ano: manter viva a figura de Valentín Paz Andrade e distinguir investigacións de especial valía”.

Pola súa banda, Rubén C. Lois destacou a importancia de favorecer espazos de reflexión entre a sociedade civil e de impulsar estudos como os premiados, que abordan cuestións como a planificación territorial sanitaria, a distribución da renda ou a pesca, ámbitos que cualificou como estratéxicos para a economía galega.

Na modalidade de traballos publicados en revistas científicas ou editoriais recoñecidas, o xurado concedeu o premio ao artigo ‘Travel-time accessibility and adaptive spatial planning solutions for the healthcare system’, asinado por José Balsa-Barreiro, Sérgio F. A. Batista, Gaby J. Hannoun e Mónica Menéndez, e publicado na revista npj Health Systems no ano 2025. O xurado valorou especialmente o seu rigor académico, a orixinalidade do enfoque e as novas liñas de investigación que abre no ámbito da planificación sanitaria.

Na categoría de teses de doutoramento, o xurado resolveu outorgar o premio ex aequo a dous traballos. O primeiro deles foi ‘A relación entre a distribución funcional e persoal da renda. Proposta metodolóxica e aplicación para España e Galicia no período 2007-2021’, realizado por José Manuel Amoedo Meijide. O segundo corresponde á tese ‘Pesca e negocio na Galicia cantábrica. De Cariño a Ribadeo entre o Catastro de Ensenada e o desestanco do sal’, elaborada por José María Leal Bóveda.

Sobre a investigación de Amoedo Meijide, o xurado puxo en valor o seu carácter pioneiro no estudo da distribución persoal da renda en Galicia, destacando a súa relevancia para unha mellor asignación de recursos e para avanzar cara a maiores cotas de equidade social. En relación coa tese de Leal Bóveda, o xurado salientou a utilización crítica e exhaustiva das fontes históricas, que permite revisar a interpretación dun período clave da historia pesqueira e industrial galega, fundamental para comprender a evolución socioeconómica do país.

O xurado desta XII edición estivo integrado polo reitor da USC, Antonio López, como presidente; o presidente do CES, Manuel Pérez; o secretario do IDEGA, Manuel Fernández Grela, como secretario; o membro do Consello Científico do IDEGA, Melchor Fernández Fernández; o secretario xeral do CES, Manuel Martínez Varela; o decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Xoán R. Doldán García; o catedrático emérito da Universidade da Coruña, Fernando González Laxe, e o catedrático da Universidade de Vigo, Xosé Henrique Vázquez Vicente.

ÚLTIMAS

Santiago de Compostela dará inicio a unha Volta Ciclista España 2027 que arrincará en setembro

A próxima edición 2027 da Vuelta Ciclista a España sairá de Galicia, concretamente da...

Falece o exconcelleiro socialista Carlos Nieves mentres se bañaba nunha praia do Grove

Carlos Nieves, concelleiro socialista do Concello de Santiago desde 1987 ata 2011, con algunhas...

A USC contará cunha Cátedra de Memoria Democrática da man do Ministerio de Política Territorial e Memoria

O secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, e a reitora da Universidade...

O PP reúne nove medidas para as familias que incorporará ao seu proxecto para Santiago

O Partido Popular de Santiago reuniu, coincidindo co inicio do curso escolar, nove propostas...

Lestegás reclama que Santiago xestione os fondos estatais para as zonas de mercado tensionado

O Concello de Santiago reclama poder xestionar directamente os fondos que o Ministerio de...

Louzao sitúa o turismo de Santiago nunha fase de estabilización e defende a diversificación aérea tras a saída de Ryanair

A concelleira de Turismo de Santiago, Míriam Louzao, realizou este mércores un primeiro balance...

Santiago, entre as cidades beneficiadas polos 5,1 millóns para zonas tensionadas

O Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana destinará 5,1 millóns de euros a Galicia...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here