InicioECONOMÍAA USC e a Real Academia Galega de Ciencias renden homenaxe a...

A USC e a Real Academia Galega de Ciencias renden homenaxe a José Antonio Redondo López nun acto ‘in memoriam’

A comunidade académica lembra na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais a traxectoria docente, investigadora e institucional do economista lucense falecido en xuño

Publicado o

Xornal de Compostela

A Real Academia Galega de Ciencias e a Universidade de Santiago de Compostela celebraron esta mañá un acto ‘in memoriam’ en lembranza do académico José Antonio Redondo López, falecido o pasado mes de xuño. O encontro tivo lugar na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, centro no que desenvolveu boa parte da súa carreira como profesor e vicedecano.

O acto foi aberto polo reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, e contou coa participación do decano da facultade, Xoán Ramón Doldán; do presidente da RAGC, Juan Lema; do presidente do Consello de Contas, Juan Carlos Aladro; do director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García; da académica da RAGC María Loureiro, catedrática da USC; e da profesora de Economía Financeira e Contabilidade Loreto Fernández, encargada dunha das intervencións de peche.

Unha traxectoria vencellada á USC e á xestión pública

Natural de Lugo, José Antonio Redondo cursou Ciencias Económicas, Comerciais e Políticas na USC entre 1969 e 1974, formando parte da terceira promoción. Na institución compostelá participou na creación da licenciatura de Ciencias Empresariais, foi director constituínte do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade e director do Máster de Renovación Urbana e Rehabilitación. A súa especialización en finanzas levouno a introducir os primeiros estudos sobre Teoría do Investimento Financeiro na universidade.

Tras unha estadía académica na Universidade de California, orientou a súa investigación á aplicación da análise espectral ao comportamento dos valores bolsistas, unha liña pioneira que foi sinalada como precedente da actual intelixencia algorítmica aplicada aos mercados financeiros. En 1987 obtivo a Cátedra na USC, iniciando unha etapa de intensa actividade investigadora centrada na análise dos fluxos financeiros, na que promoveu a formación dun equipo de investigadores novos. Ao longo da súa carreira publicou numerosos estudos, monografías e guías de referencia no ámbito da economía.

Do ensino universitario á responsabilidade institucional

En 1993 iniciou unha nova etapa profesional na Administración pública galega, colaborando como asesor en Sogama e na Consellería de Obras Públicas e Urbanismo. En 1995 foi nomeado director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, cargo que exerceu ata 2005, período no que se salientou o impulso á vivenda pública e ás políticas de rehabilitación.

De regreso á universidade, participou en numerosos órganos e consellos de ámbito autonómico, como a Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, o Instituto Galego de Promoción Económica, Xestur, o Instituto Galego de Estatística, o Consello Galego da Xuventude, o Consello para a Promoción da Igualdade do Home e da Muller de Galicia, e a Fundación Catedral de Santiago.

En 2015 foi nomeado conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia, responsabilidade que exerceu ata 2023. Durante este mandato promoveuse unha reforma lexislativa orientada a reforzar a fiscalización das administracións públicas e a loita contra a corrupción, ampliando o papel do Consello na xestión pública.

COMPROMISO ACADÉMICO

Redondo ingresou na Real Academia Galega de Ciencias en 2018. Durante o acto, o seu presidente, Juan Lema, lembrou que no discurso de ingreso o académico abordara a importancia crecente das Finanzas do Comportamento e advertira do impacto das noticias falsas no sistema financeiro, reflexións que cualificou de especialmente vixentes. Lema destacou tamén a súa implicación coa institución e a súa capacidade para crear consensos, sinalando que “o seu legado perdura nunha forma de facer Academia baseada no rigor, o diálogo e o servizo”.

Pola súa banda, a profesora Loreto Fernández subliñou que “en 2023 retirouse, deixando un legado académico, institucional e humano de enorme valor”, lembrando a súa figura como docente, investigador e servidor público.

ÚLTIMAS

Traballadores de Renfe gardan cinco minutos de silencio na estación de Santiago polas vítimas do accidente de Toledo

A estación de ferrocarril de Santiago de Compostela acolleu este xoves, 29 de outubro,...

Compostela lembra a ferida de Angrois e traslada a súa solidariedade coas vítimas do accidente ferroviario de Toledo

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, trasladou este mércores a solidariedade da capital galega...

A Libraría Dixital da USC supera o millón de visitas e o seu portal de revistas alcanza os sete millóns de descargas

A Universidade de Santiago de Compostela rexistrou no que vai de 2026 máis dun millón...

O falecemento da vítima volve suspender o xuízo contra tres acusados de secuestrar un home en Santiago por unha débeda de 20 euros

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, volveu suspender...

O Concello aproba a rehabilitación do Palacete do Espiño por 1,2 millóns de euros

A Xunta de Goberno Local de Santiago de Compostela aprobou este luns, 26 de...

Rosa Crujeiras reclama medidas para garantir o acceso á vivenda do estudantado universitario

A reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras, reclamou que se adopten...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here