A comarca de Santiago arrinca o ano 2025 cun avance demográfico significativo, segundo o Censo Anual de Poboación publicado polo INE onte, 2 de decembro. Os datos confirman que a capital galega supera por primeira vez os 100.000 habitantes, un fito histórico que lle permitirá mellorar o financiamento público e contar con 27 concelleiros nas eleccións municipais de 2027, tal e como recolle a lexislación estatal. O resto de municipios da área tamén experimentan dinámicas de crecemento ou lixeira recuperación, nun contexto no que o peso da poboación estranxeira continúa en aumento en toda Galicia.
SANTIAGO ALCANZA OS SEIS DÍXITOS TRAS DÉCADAS DE ESPERA
O municipio compostelán chega ao 2025 con 100.842 residentes, fronte aos 99.491 rexistrados un ano antes. Trátase do quinto ano consecutivo de incremento, cun salto destacado desde os 97.798 habitantes de 2021. A capital da comarca encabeza así o comportamento demográfico da zona, ao tempo que acompaña a tendencia de crecemento estatal ligada á chegada de poboación estranxeira, responsable do avance xeral da demografía española e galega.
Segundo recordan as cifras históricas, Compostela perseguía este limiar desde finais dos anos noventa. As proxeccións marcaban os seis díxitos como obxectivo razoable na primeira década dos 2000, mais houbo que agardar case un cuarto de século para acadalo.
AMES CONTINÚA A SÚA TRAXECTORIA ASCENDENTE E SUPERA OS 33.000 VECIÑOS
O concello de Ames consolídase como o segundo municipio máis poboado da comarca e o que máis crece en termos absolutos despois de Santiago. En 2025 suma 33.213 habitantes, 414 máis ca no ano precedente e máis de 1.150 por riba dos datos de 2021. A evolución sitúa a Ames como un dos principais polos residenciais da área metropolitana, cun aumento continuado que se mantén dende hai dúas décadas.
TEO MODÉRASE TRAS VERIOS ANOS EN EXPANSIÓN
No caso de Teo, o INE recolle un comportamento máis estable. O municipio baixa lixeiramente ata os 19.038 residentes, por debaixo dos 19.133 de 2024. Aínda así, mantén un saldo positivo respecto a 2021, cando contaba con 18.846 persoas inscritas. O seu crecemento, polo tanto, suavízase pero non reverte a tendencia global do último lustro.
VEDRA E VAL DO DUBRA MANTEÑEN O RETROCESO DOS ÚLTIMOS ANOS
Os concellos de Vedra e Val do Dubra volven presentar descensos. Vedra cae aos 4.906 habitantes, continuidade dunha curva negativa iniciada en 2023. Pola súa banda, Val do Dubra baixa a 3.685 residentes, lonxe dos 3.845 de 2021. A perda poboacional nestes municipios máis rurais encaixa co comportamento xeral de parte da Galicia interior, que non logra compensar o envellecemento e a saída de poboación nova.
BRIÓN E BOQUEIXÓN, EN LEVE RECUPERACIÓN
Brión alcanza en 2025 os 8.190 habitantes, consolidando un crecemento paulatino tras superar os 8.000 en 2021. É o terceiro concello que máis medra na comarca en termos relativos. Boqueixón, pola súa parte, sobe ata os 4.241, revirtendo a caída de 2023 e situándose por enriba dos datos de comezos da década.
UN CONTEXTO MARCADO POLO AUMENTO DA POBOACIÓN ESTRANXEIRA
Segundo a información estatal, o incremento demográfico nas cidades galegas —incluída Santiago— relaciónase directamente coa chegada de novos residentes procedentes doutros países. Galicia gañou 8.908 habitantes no último ano, dos cales máis de 19.000 son estranxeiros. O padrón galego sitúase así en 2.714.741 persoas, cifra que a finais de outubro xa se elevaba a 2.726.314.
A comarca compostelá segue esta mesma dinámica: medran os concellos urbanos e periurbanos, mentres que os municipios con maior dispersión e envellecemento continúan perdendo veciñanza.

