A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, acusou esta mañá ao Partido Popular de impedir o pagamento de 1.358.975,85 euros en facturas municipais tras o voto negativo emitido no Pleno celebrado na xornada anterior. A decisión, segundo explicou, deixa sen aboar 119 facturas correspondentes a subministracións, servizos e traballos xa realizados por diferentes empresas, algunhas con vencementos acumulados dende 2021.
A rexedora detallou que entre os recibos bloqueados figuran 26 facturas de Viaqua, que suman 992.395,30 euros, a maior parte do importe total. Outros pagos pendentes afectan a Fenosa, con 13 facturas por 634,42 euros, e a 80 provedores máis por un montante conxunto de 365.946,13 euros. No listado inclúense compañías de seguridade, comunicación gráfica, transporte, impresión, servizos técnicos, emerxencias ou mantemento, así como profesionais autónomos e entidades sociais, entre as que figuran nomes como Allianz, El Corte Inglés, Tórculo, a USC, Telefónica, El Correo Gallego
Sanmartín expuxo que a información sobre cada un dos recibos estaba dispoñible nos expedientes do recoñecemento extraxudicial de crédito, e lembrou que “as débedas hai que pagalas”, asegurando que se trata dun procedemento administrativo obrigatorio. Subliñou que nas comisións informativas previas o persoal técnico respondeu a todas as cuestións formuladas, polo que rexeitou que existisen motivos para rexeitar o documento: “Nas comisións están os expedientes, está o goberno e está o persoal técnico para aclarar o que se precise”.
A alcaldesa advertiu de que o bloqueo pode derivar en reclamacións xudiciais das empresas afectadas, co consecuente incremento de xuros de demora a cargo das arcas municipais. Ademais, incidiu en que atrasar estes pagos repercute negativamente no período medio de pago, un indicador económico que o Concello debe cumprir. “Se non se aproba o expediente, as empresas tardarán máis en cobrar e o Concello acabará pagando máis”, afirmou.
Sanmartín interpretou o posicionamento do Partido Popular como unha “estratexia para afogar o goberno”, ao tempo que sostivo que quen resulta prexudicada é a propia cidade: “a veciñanza, as empresas e o tecido económico”. Recalcou que en mandatos anteriores, e noutros concellos, este tipo de expedientes adoitan aprobarse sen confrontación política: “Sempre se facilitou o pago das facturas, porque non hai debate posible sobre iso”.
Unha parte importante das facturas corresponde aos servizos prestados por Viaqua pola recadación do lixo, recibos que quedaron sen tramitar dende 2021 debido a discrepancias internas sobre a competencia administrativa. A alcaldesa lembrou que o desbloqueo desta situación fora valorado como positivo pola concelleira Marta Val, polo que cualificou de “difícil de entender” que antigos responsables municipais votasen agora en contra do seu pago.
O goberno local prevé volver levar o expediente ao Pleno, do mesmo modo que fixo previamente coas facturas do transporte. Sanmartín pediu aos grupos municipais que asuman a súa responsabilidade institucional para garantir o cobro das empresas e evitar custos adicionais: “Non se trata dun expediente mal tramitado nin dun problema de información. O único que hai detrás é intención política”.
Segundo concluíu, o Concello tratará de asegurar que a cidadanía “coñeza con claridade” o contido do expediente e as consecuencias do bloqueo. A rexedora insistiu en que o novo intento de aprobación buscará restablecer a normalidade administrativa e evitar que a situación continue afectando á economía local.
VEREA RECLAMA DESCULPAS Á ALCALDESA
O portavoz do PP, Borja Verea, respondeu ás declaracións da rexedora acusándoa de levar ao Pleno un asunto “sen ter os apoios garantidos”. Segundo defendeu, “a responsabilidade da alcaldesa é contar cos votos suficientes antes de presentar un tema de tal importancia”, e advertiu de que Sanmartín “dá por feito” que o Partido Popular debe apoiar estes expedientes por unha suposta tradición: “Se quere, podemos falar de quen está pasando liñas vermellas neste concello”.
Verea recalcou que o grupo popular non recibiu ningunha petición de apoio, e apuntou tamén aos socios de goberno da rexedora: “Nin os seus socios, os que a fixeron alcaldesa, foron quen de apoiar este asunto”. Nesa liña, sinalou directamente a Sanmartín como “a única responsable e a única culpable” de que o expediente non prosperase: “É tan irresponsable de levar un asunto desta envergadura ao Pleno sen ter os votos suficientes”.
O portavoz popular insistiu en que o goberno local debe aclarar se precisa ou non os votos do PP: “Se os necesitan, o primeiro que teñen que facer é pedilos, pedilos con educación”. Criticou as palabras da alcaldesa en rolda de prensa e nun audio remitido aos medios durante o receso plenaria, no que —lembrou— os cualificou de “destrutivos”. Para Verea, esta actitude invalida calquera expectativa de apoio: “Que se aclare: necesitan os nosos votos ou non? E se os necesitan, que os pidan sen insultarnos”.
O portavoz engadiu que Sanmartín “dá por feito que os votos do Partido Popular van estar aí, á súa disposición”, ao tempo que —segundo denunciou— critica publicamente ao seu grupo mesmo cando apoia cuestións como o desbloqueo das prazas de policía e bombeiros. “Isto ten un límite”, advertiu antes de subliñar que a alcaldesa “non preguntou” ao PP cal sería o seu sentido do voto.
Verea concluíu que, para recuperar calquera posibilidade de entendemento, Sanmartín debe formular unha petición pública de desculpas polas declaracións realizadas tanto no Pleno como na comparecencia ante os medios. “Se necesita que o Partido Popular aprobe as súas trapalladas —no seu traballo, dixo, entran incluso facturas do Nadal pasado— xa sabe o que ten que facer”. En caso contrario, afirmou, deberá contar cos “votos naturais” do seu propio goberno.

