InicioECONOMÍAO PSdeG acusa a Xunta e o Goberno local de “parálise” no...

O PSdeG acusa a Xunta e o Goberno local de “parálise” no desenvolvemento de solo industrial en Santiago

Marta Abal e Gumersindo Guinarte reclaman avances inmediatos na planificación do polígono da Sionlla e a reactivación da entidade de conservación

Publicado o

Xornal de Compostela

O Grupo Municipal Socialista volveu situar esta semana o desenvolvemento de solo industrial no centro da súa axenda política. Nunha comparecencia na que participaron os concelleiros Marta Abal e Gumersindo Guinarte, o PSdeG advertiu da “falta de avances reais” tanto por parte da Xunta como do Goberno municipal á hora de habilitar novos espazos empresariais en Santiago, unha situación que, segundo explicaron, está a frear o crecemento económico da comarca e dificultando a chegada de novos investimentos.

Abal repasou o estado do proxecto que a Xunta ten en marcha no polígono da Sionlla, que inclúe a redacción dun plan estruturante previo á urbanización de novas parcelas públicas. A socialista lembrou que o contrato para elaborar ese documento foi licitado en 2024 cun prazo de execución de 24 meses e que, segundo os anuncios realizados polo Goberno galego, debería estar listo a finais de 2025 para permitir posteriormente a licitación das obras. Porén, denunciou que, “dezaoito meses despois”, o expediente continúa “nunha fase inicial”, sen rematar o borrador nin someterse a información pública. “A día de hoxe nin sequera está pechada a primeira fase, polo que non é realista pensar que o solo estea dispoñible antes de 2027 ou 2028”, advertiu.

Segundo indicou, esta demora resulta especialmente preocupante nun contexto no que non quedan parcelas dispoñibles, despois de que en xullo de 2025 se vendera o último terreo público na Sionlla. Para os socialistas, esta carencia compromete tanto a diversificación económica de Santiago como a capacidade de atraer novas empresas.

O grupo municipal reclamou tamén que se impulse a planificación de máis solo industrial, lembrando que no pleno de xullo xa solicitaran a creación dunha comisión técnica entre Xunta e Concello para deseñar unha estratexia a medio e longo prazo. Abal considerou prioritario activar novos sectores, como Costa Vella ou Formarís, e iniciar os trámites para crear unha gran bolsa de terreo empresarial no Tambre, con máis dun millón e medio de metros cadrados. “Estes procesos requiren tempo, pero precisamente por iso hai que empezar xa”, sinalou.

Outra das preocupacións expostas polos socialistas foi a falta de avances na constitución da entidade de conservación da Sionlla, comprometida polo Goberno local en xullo. Segundo explicou Abal, o expediente quedou paralizado en agosto á espera de informes internos e non consta que fora reactivado, malia que o polígono presenta problemas de iluminación, sinalización, limpeza e mantemento. O PSdeG pediu que este organismo quede creado antes de final de ano e que se avalíe tamén a posibilidade de impulsar unha ECOXEN, unha figura máis ambiciosa que permitiría acometer actuacións de mellora máis aló do mantemento básico.

Os concelleiros insistiron en que o desenvolvemento de solo industrial require coordinación institucional e unha planificación estratéxica que, ao seu xuízo, non está a producirse nin na Xunta nin no Concello. “Santiago non pode depender unicamente de iniciativas privadas”, concluíron.

O PSDEG APOIARÁ O PAGAMENTO DAS HORAS EXTRA DE POLICÍAS E BOMBEIROS

Nun apartado final da comparecencia, Marta Abal confirmou que o grupo socialista votará a favor do expediente para pagar as horas extraordinarias de policías locais e bombeiros no pleno extraordinario do venres. A concelleira advertiu, con todo, da necesidade de incrementar os cadros de persoal para evitar que o servizo ordinario dependa de maneira estrutural das horas extra. “As horas extraordinarias son esenciais para manter o operativo mentres non se resolva o déficit de efectivos”, afirmou, insistindo en que a prioridade debe ser garantir a seguridade da veciñanza e dos propios profesionais.

ÚLTIMAS

Santiago prepárase para o desafiuzamento do Escarnio e Maldizer: máis de cen antidisturbios blindarán o casco histórico

Compostela afronta este venres unha xornada marcada pola tensión ante o inminente desaloxo do...

O sector do transporte denuncia “parálise” da patronal e advirte dunha folga indefinida

Unha vintena de sindicalistas da CIG, UFT e CC.OO. concentráronse esta mañá de xoves...

Borja Verea critica a estratexia turística do goberno local durante a súa presenza en Madrid

O portavoz do Partido Popular en Santiago de Compostela, Borja Verea, realizou este mércores...

A biopsia líquida e a intelixencia artificial centran en Santiago un simposio internacional sobre oncoloxía de precisión

Santiago de Compostela acolle desde este xoves e ata o sábado a XI edición...

Borja Verea critica a estratexia turística do goberno local durante a súa presenza en Madrid

O portavoz do Partido Popular en Santiago de Compostela, Borja Verea, realizou este mércores...

A USC e a Real Academia Galega de Ciencias renden homenaxe a José Antonio Redondo López nun acto ‘in memoriam’

A Real Academia Galega de Ciencias e a Universidade de Santiago de Compostela celebraron...

Santiago presenta en Fitur unha campaña para reforzar o turismo de congresos ao longo de todo o ano

A concelleira de Turismo de Santiago de Compostela, Míriam Louzao, e a directora do...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here