A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, asegurou que as negociacións cos sindicatos sobre o conflito con bombeiros e policías “avanzan”, pero é necesario “tempo para estudar todas as propostas”. Preguntada polos medios de comunicación este martes polo estado das conversacións, a mandataria municipal sinalou que “se necesita tempo para estudar as propostas, mirar as opcións, os encaixes que se teñen desde o punto de vista orzamentario e planificar o calendario, os tempos e cantidades“.
Neste contexto, indicou que se están tratando diferentes cuestións e que hai un “bo espírito de traballo dentro do grupo que se creou para este fin”. “Por unha banda está moi avanzado o tema do expediente para o pago das horas extraordinarias que están pendentes e doutra banda estase falando desa cantidade que debe de ir no complemento específico asociado á nocturnidade e festividade“, explicou. Ademais, ampliou, tamén se está falando de temas que teñen que ver co incremento da cantidade que se paga pola hora extraordinaria.
Segundo a alcaldesa, algúns deles son temas que simplemente se desenvolveron no propio Concello e outros “requiren dun estudo e análises específicas” para “determinar exactamente o que a xente está a traballar e para chegar a un acordo cun calendario”. “Insisto en que creo que se avanza, pero o que temos que facer é deixar que se poida negociar, con calma e tranquilidade e poder ter tempo tamén para estudar todas as propostas”, concluíu.

