InicioECONOMÍASanmartín cualifica de "decepcionante" a reunión do Comité Aeroportuario e pide unha...

Sanmartín cualifica de “decepcionante” a reunión do Comité Aeroportuario e pide unha estratexia conxunta para Galicia

A rexedora compostelá critica a falta de propostas por parte da Xunta e do Estado e reclama planificación a medio prazo para evitar a competencia entre os tres aeroportos galegos

Publicado o

Xornal de Compostela

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, expresou o seu malestar tras a reunión do Comité de Coordinación Aeroportuaria de Galicia, celebrada este venres en Vigo. Segundo afirmou, o encontro resultou “decepcionante” porque, malia a boa evolución de datos do aeroporto de Lavacolla en 2024, non se avanzou cara a unha planificación común que dea resposta aos retos da conectividade aérea en Galicia.

Sanmartín insistiu en que Compostela acudía co obxectivo de reclamar unha estratexia a medio prazo que tivese en conta factores como a dependencia de voos domésticos, a chegada da alta velocidade ferroviaria ou a competencia doutras infraestruturas como o porto. “Vemos moi pouca receptividade, tanto por parte da Xunta como do Estado, para abordar este tema coa importancia que require”, sinalou, ao tempo que criticou que se levan dous anos repetindo as mesmas demandas sen avances.

A rexedora salientou que, máis aló da creación dun grupo de traballo, non se puxeron enriba da mesa propostas concretas nin estudos de mercado que permitan definir unha estratexia aeroportuaria galega. Subliñou que non se trata dun problema restrinxido ás cidades con aeroporto, senón dunha “cuestión de país” que debe evitar a competencia directa entre Santiago, A Coruña e Vigo e, en cambio, procurar complementariedade e especialización.

En relación coa situación de Ryanair, Sanmartín indicou que o Concello mantén diálogo coa compañía, que non aclarou aínda as súas intencións para futuras campañas. Tamén amosou sorpresa polo anuncio coñecido na propia reunión de que TourGalicia ten apalabrados cinco voos chárter para o aeroporto da Coruña, sen que existise información previa en Santiago. “É necesaria total transparencia nas políticas de promoción, que deben abordarse cunha perspectiva de país e non de xeito localista”, engadiu.

Sobre as obras previstas en Lavacolla, que obrigarán a pechar a pista durante un mes en abril, a alcaldesa recoñeceu que a curto prazo poden ser un inconveniente, mais considerou que deben interpretarse como unha oportunidade, ao dotar o aeroporto de mellores condicións técnicas. Sanmartín advertiu, porén, que se non se impulsa unha planificación conxunta, o risco é que a medio prazo Lavacolla perda peso fronte a outros aeroportos galegos.

Finalmente, a rexedora confirmou que o Concello de Santiago seguirá colaborando no grupo de traballo acordado, mais advertiu que sen unha visión estratéxica compartida por Xunta e Estado “non se conseguirá nada” para garantir o futuro do sistema aeroportuario galego.

ÚLTIMAS

Santiago prepárase para o desafiuzamento do Escarnio e Maldizer: máis de cen antidisturbios blindarán o casco histórico

Compostela afronta este venres unha xornada marcada pola tensión ante o inminente desaloxo do...

A biopsia líquida e a intelixencia artificial centran en Santiago un simposio internacional sobre oncoloxía de precisión

Santiago de Compostela acolle desde este xoves e ata o sábado a XI edición...

Abal denuncia a falta de avances na reparación da cuberta da Escola Infantil de Tras Parlamento

O Grupo Municipal Socialista de Santiago de Compostela denunciou a ausencia de avances na...

Santiago presenta en Fitur unha campaña para reforzar o turismo de congresos ao longo de todo o ano

A concelleira de Turismo de Santiago de Compostela, Míriam Louzao, e a directora do...

Santiago presenta en Fitur unha campaña para reforzar o turismo de congresos ao longo de todo o ano

A concelleira de Turismo de Santiago de Compostela, Míriam Louzao, e a directora do...

O Concello de Santiago adxudica a Eulen o contrato de dinamización da rede de centros socioculturais

A Xunta de Goberno do Concello de Santiago aprobou a adxudicación do contrato de...

O Concello prepara a xustificación técnica para evitar a perda de fondos europeos no proxecto ‘Entre Sar e Sarela’

O Concello de Santiago confirmou que os seus servizos técnicos, xunto coa Universidade de...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here