InicioECONOMÍAO Concello defende ante o IGVS a súa solicitude para declarar Santiago...

O Concello defende ante o IGVS a súa solicitude para declarar Santiago como zona tensionada

Lestegás reitera a validez dos datos utilizados na diagnose e acusa ao IGVS de atrasar medidas contra o encarecemento da vivenda

Publicado o

Xornal de Compostela

O concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, explicou hoxe os detalles da resposta que o Concello remitiu ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) tras o requirimento de emenda á solicitude municipal para declarar a cidade como zona de mercado residencial tensionado. A declaración, ao abeiro da Lei estatal polo Dereito á Vivenda, permitiría aplicar medidas de contención dos prezos do alugueiro.

Durante a súa intervención, Lestegás defendeu con firmeza o contido da diagnose encargada polo Concello ao Grupo de Estudos Territoriais da Universidade da Coruña, cualificándoa de “rigorosa” e “baseada en datos obxectivos procedentes de fontes oficiais e non oficiais”. Segundo afirmou, os propios datos do IGVS abondan para xustificar a declaración, cun incremento do prezo medio do alugueiro do 40,5% entre 2019 e 2024, fronte ao limiar do 23,8% que establece a lei.

O edil sinalou que a análise elaborada polo equipo universitario combina información do IGVS, do INE, do Ministerio de Vivenda e de portais inmobiliarios como Idealista, co fin de ofrecer unha visión completa do mercado local, especialmente tendo en conta as dificultades para cruzar datos oficiais por áreas inframunicipais. “O IGVS non pode desbotar esta información sen analizar os aspectos técnicos”, subliñou, criticando que o organismo autonómico “cuexiona o carácter académico do estudo sen entrar en ningunha das súas metodoloxías ou datos”.

Ademais, o concelleiro denunciou que a Xunta renunciou a elaborar a documentación exixida pola lei estatal e agora cuestiona o traballo desenvolvido polo Concello. “Se o IGVS quere datos adicionais, ten competencia e medios para obtelos”, advertiu.

En resposta a outra das observacións do IGVS, Lestegás defendeu a proposta do Concello de particularizar a definición de “gran posuidor” para incluír quen teña cinco ou máis inmobles de uso residencial no termo municipal. A proposta apoiábase en datos do IBI que identifican máis de cen inmobles urbanos con titularidade única e completa, pero foi rexeitada pola Xunta por considerar que non era “suficientemente contundente”. Lestegás replicou que o IGVS tampouco ofreceu argumentos sólidos en sentido contrario, e que a lei permite manter a definición por defecto se así o desexan.

Respecto ao plan específico de medidas correctoras, outro dos requisitos da declaración, o concelleiro defendeu que foi elaborado conforme á Lei de Vivenda de Galicia e valorado positivamente pola maioría da mesa sectorial, da que forman parte diversas entidades. Criticou que o IGVS emitise xuízos de valor sobre o contido dun documento que, segundo a normativa, non lle corresponde aprobar. “O único que ten que facer o IGVS é verificar que existe o plan e que foi avaliado pola mesa sectorial”, declarou.

A maiores, Lestegás informou que o Concello concedeu licenza para 29 novas vivendas protexidas na rúa Agustín Romero Seijo, cun total de 188 licencias tramitadas neste mandato. Neste contexto, respondeu tamén ás críticas da oposición respecto ao procedemento de alleamento de parcelas municipais, defendendo que se trata de solo cualificado como vivenda protexida, e que os ingresos derivados da súa venda servirán para mercar e rehabilitar inmobles na cidade histórica destinados a alugueiro público.

En relación a estas parcelas, que suman máis de 27.000 metros cadrados, o concelleiro lembrou que as condicións de venda inclúen restricións urbanísticas e control municipal das transmisións posteriores, evitando a especulación. “Estamos multiplicando o impacto do patrimonio municipal do solo: haberá vivenda protexida nesas parcelas e tamén en inmobles rehabilitados grazas aos ingresos obtidos”, sinalou, rexeitando o modelo do PP de “concentrar a vivenda protexida nas periferias”.

Finalmente, Lestegás afirmou que a resposta enviada ao IGVS o pasado 23 de xullo, de 13 páxinas e con referencias detalladas aos datos e fontes utilizadas, debería ser suficiente para retomar e resolver o procedemento. “Non hai razón legal para retrotraelo nin paralizalo”, insistiu, confiando en que a Xunta dea resposta no mes de setembro.

ÚLTIMAS

O Concello de Santiago aproba novas licenzas de obra e reactiva a solicitude para declarar a cidade como zona de mercado residencial tensionado

A Xunta de Goberno Local de Santiago de Compostela aprobou este luns diversos acordos...

Maite Flores destaca que “hai partido” entre as dúas candidaturas ao reitorado da USC

A candidata á reitoría da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Maite Flores, reivindicou...

Un estudo do IDIS apunta que un fármaco usado contra a gota podería axudar a combater a osteoporose

A revista científica Pharmaceutics publicou un traballo do grupo de Patoloxía Musculoesquelética do IDIS,...

O PSOE pregunta ao Goberno de Santiago cando licitará as cafeterías dos parques municipais tras quedar deserto o concurso o pasado verán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago levará ao pleno deste mes unha pregunta sobre...

O Concello de Santiago aproba novas licenzas de obra e reactiva a solicitude para declarar a cidade como zona de mercado residencial tensionado

A Xunta de Goberno Local de Santiago de Compostela aprobou este luns diversos acordos...

A Fundación Juana de Vega organiza unhas xornadas para analizar o legado de Adam Smith e os 40 anos de España na UE

A Fundación Juana de Vega, a través da Cátedra Juana de Vega da USC,...

A Xunta inviste máis de 12 millóns na modernización de centros educativos de Santiago

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, cifrou en máis de...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here