InicioECONOMÍAO Concello activa 18 obras para mellorar a accesibilidade e anuncia o...

O Concello activa 18 obras para mellorar a accesibilidade e anuncia o corte da Ponte do Sarela en xuño

A reparacións en rúas, parques e pasos escolares buscan construír unha cidade máis segura, diversa e sen barreiras

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago de Compostela ten en marcha 18 actuacións repartidas por todo o municipio destinadas a mellorar a accesibilidade no espazo público, cun investimento global que supera os 366.000 euros. Así o anunciou este martes en rolda de prensa o concelleiro de Vías e Obras, Xesús Domínguez, acompañado polo xefe de servizo Antonio Ranedo, nun balance centrado no impulso dun modelo urbano máis diverso, inclusivo e sustentable.

Segundo explicou Domínguez, estas actuacións encaixan no marco do Plan de Accesibilidade Universal de Santiago de Compostela, presentado en febreiro e elaborado coa participación cidadá e unha análise integral dos edificios e espazos públicos. O obxectivo é garantir igualdade de condicións para acceder a servizos, bens e infraestruturas municipais, especialmente para persoas con mobilidade reducida.

Entre as intervencións máis destacadas atópanse 14 actuacións específicas en diferentes puntos da cidade, como as rúas do Río, Lavadoiro, do Avío, Irmandiños, Betanzos, Varsovia, Berlín, Dublín ou Outeiro de Sar, cun orzamento de case 190.000 euros e un prazo de execución de oito meses. Os traballos nestas zonas comezaron a principios de maio e foron definidos a partir de incidencias rexistradas a través de canles cidadás, como aplicacións ou a liña verde.

Tamén se están a executar obras relevantes no Ensanche, como a mellora de accesibilidade no cruzamento entre Xeneral Pardiñas e República do Salvador, adxudicada por máis de 50.000 euros e xa próxima á súa finalización. A actuación inclúe elementos que priorizan a seguridade peonil e prevén abrir ao tráfico a zona tras un mes de fraguado.

Outras dúas intervencións clave céntranse na contorna escolar: a creación de pasos elevados na Rúa dos Loureiros e na Rúa das Rodas, pensados para mellorar a seguridade dos itinerarios do programa Colecamiños e o acceso á escola infantil A Galiña Azul. Estes pasos seguirán criterios estéticos coherentes coa cidade histórica e permitirán conectar tramos actualmente interrompidos polo tráfico rodado.

Fóra do bloque de accesibilidade, Domínguez anunciou que a Ponte do Sarela permanecerá cortada ao tráfico entre o 9 e o 14 de xuño, en horario de 8:00 a 15:00 horas, para realizar unha reparación do empedrado da calzada, cun orzamento de 11.930 euros. A actuación inclúe a substitución das pedras deterioradas e contará cun plan de desvíos coordinado desde a área de Mobilidade para minimizar o impacto no transporte escolar e as liñas que veñen de Aríns.

Por último, o concelleiro recoñeceu a existencia de deficiencias no entorno da zona de Chapacuña e do Carmen de Abaixo, cun firme en mal estado e baches notables. Indicou que se están valorando intervencións máis amplas a medio prazo e que, mentres tanto, se realizarán traballos provisionais de rebacheo para mellorar a seguridade viaria.

Domínguez concluíu reiterando o compromiso do seu departamento co obxectivo de facer de Compostela un lugar máis habitable, accesible e seguro para todas as persoas, avanzando cara un urbanismo que sitúe os dereitos da cidadanía no centro das actuacións municipais.

ÚLTIMAS

Santiago prepárase para o desafiuzamento do Escarnio e Maldizer: máis de cen antidisturbios blindarán o casco histórico

Compostela afronta este venres unha xornada marcada pola tensión ante o inminente desaloxo do...

A biopsia líquida e a intelixencia artificial centran en Santiago un simposio internacional sobre oncoloxía de precisión

Santiago de Compostela acolle desde este xoves e ata o sábado a XI edición...

Abal denuncia a falta de avances na reparación da cuberta da Escola Infantil de Tras Parlamento

O Grupo Municipal Socialista de Santiago de Compostela denunciou a ausencia de avances na...

Santiago presenta en Fitur unha campaña para reforzar o turismo de congresos ao longo de todo o ano

A concelleira de Turismo de Santiago de Compostela, Míriam Louzao, e a directora do...

Santiago presenta en Fitur unha campaña para reforzar o turismo de congresos ao longo de todo o ano

A concelleira de Turismo de Santiago de Compostela, Míriam Louzao, e a directora do...

O Concello de Santiago adxudica a Eulen o contrato de dinamización da rede de centros socioculturais

A Xunta de Goberno do Concello de Santiago aprobou a adxudicación do contrato de...

O Concello prepara a xustificación técnica para evitar a perda de fondos europeos no proxecto ‘Entre Sar e Sarela’

O Concello de Santiago confirmou que os seus servizos técnicos, xunto coa Universidade de...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here