InicioSOCIEDADEA parcela do antigo Peleteiro terá unhas 160 vivendas, 400 prazas de...

A parcela do antigo Peleteiro terá unhas 160 vivendas, 400 prazas de aparcadoiro e comercio en planta baixa

Goretti Sanmartín espera "unanimidade" no Pleno ante unha "oportunidade" que considera "magnífica para Santiago"

Publicado o

Xornal de Compostela

A modificación do plan urbanístico da antiga parcela do Colexio Peleteiro, no Ensanche de Santiago, para a que o Goberno local de Santiago chegou a un acordo coa Sareb, contempla uns 16.000 metros cadrados para uso residencial, 400 prazas de aparcadoiro e comercio na planta baixa. Así o detallaron este xoves en rolda de prensa a alcaldesa, Goretti Sanmartín, e o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, reivindicando a posibilidade de contar cunha “cantidade importante de vivenda protexida en chan urbano no centro da cidade”. E é que, tal e como avanzaba este mércores Lestegás, reservarase, polo menos, o 45 % do inmoble para este tipo de vivenda.

Sanmartín lembrou que hai ano e medio ambos mantiveron unha reunión co ministro de Economía, Carlos Cuerpo, para tratar de “desatascar” o desenvolvemento da parcela de Peleteiro. De aí, sinalou, “saíu un compromiso” no que tanto o Goberno como o Concello tiñan “intereses en común”. Agora, continuou, tras meses de traballo técnico entre o consistorio local e a Sareb, chegouse a esta proposta. En concreto, redúcese o uso comercial para incorporar máis uso residencial, mantéñense os 900 metros de equipamento comunitario pensado para un centro de día, 1.300 de espazo público e un mínimo de 400 prazas de aparcadoiro.

VIVENDA PROTEXIDA

“Que puidésemos ter esa oportunidade de facer vivenda protexida, iso é un elemento que queremos destacar, que exista coincidencia entre a Sareb, a propiedade, e o Concello, é unha das cuestións que máis nos interesa. É unha magnífica noticia para o conxunto dos veciños de Santiago e esperemos que haxa altura de miras”, manifestou Sanmartín antes de detallar que agora someterán esta proposta o luns á Comisión informativa previa ao pleno do próximo xoves para a consideración dos diferentes grupos municipais.

Pola súa banda, Iago Lestegás comparou este plan coa redacción que está en vigor e que propuña que os usos maioritarios fosen comercio, lecer, restauración e hoteleiro. A nova ordenación, especificou, prevé 19.000 metros cadrados construídos con usos comerciais, lecer e restauración (sen pubs e discotecas), oficinas de primeira categoría e terciario equipamento (plantas baixas). Mentres, nas plantas altas o uso maioritario será o residencial. Segundo o edil de Urbanismo, tratouse de reproducir a ordenanza 1 que se aplica na zona do Ensanche: comercio de proximidade en planta baixa e vivenda en plantas superiores.

Tamén reivindicou que se logrou introducir unha reserva “moi significativa” de vivenda protexida no Ensanche e cualificou como “moi positiva” esta solución para uns terreos que “levan moitos anos sen uso” e que espera que “moi pronto se poidan pór en marcha”. Así mesmo, aínda que apuntou que polo momento non se establecen superficies para cada uso, senón que uso se pode implantar en cada posición, estimou que haberá unhas 160 vivendas e, delas, polo menos o 45 % terá que ser vivenda protexida.

PLENO XOVES 27

A preguntas dos medios en relación coa posición do resto de grupos municipais sobre este tema, a alcaldesa asegurou que “non cabe esperar” outra cousa que que “haxa unanimidade”. Para Sanmartín, unha vez alcanzada esta proposta, non se deben “deixar pasar pola porta oportunidades que pasan nun momento” e que, na súa opinión, “son magníficas para Santiago”. En todo caso, lembrou que irá a Comisión o luns e ata o xoves “hai moito tempo para falar”, aínda que asegurou que o concelleiro responsable contactará con todos os representantes de todos os grupos.

“Non se me ocorre pensar que, por responsabilidade, no momento en que nos atopamos, tendo un acordo coa Sareb cunha proposta que responde as necesidades de Santiago e tamén co que recibimos falando con todo o tecido asociativo e veciñal que está a favor de que esta proposta se leve adiante, non me cabe esperar outra idea de que haxa unanimidade respecto diso”, aseverou a rexedora, que tamén aproveitou para agradecer aos servizos de Urbanismo o seu traballo para alcanzar este acordo.

ÚLTIMAS

A illa de compostaxe do CIFP de Compostela culmina con éxito a súa primeira fase de funcionamento

A illa de compostaxe do Centro Integrado de Formación Profesional de Compostela xa tratou...

O CSIC crea un laboratorio pioneiro en Santiago para estudar a relación ancestral entre humanos e plantas

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) avanza no seu proxecto 'PLANTCRAFT', que busca...

O persoal da limpeza do CHUS mobilízase contra Ilunion por vulnerar o contrato público

Decenas de traballadores do servizo de limpeza dos hospitais Clínico e Gil Casares de...

O empresario detido en Santiago está vinculado a unha rede de fraude na venda de bebidas alcohólicas

O empresario que foi detido pola Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil o...

A Xunta reclama ao Concello de Santiago “enmenda deficiencias” da súa petición para declarar Santiago zona tensionada

A Xunta requiriu ao goberno local de Santiago de Compostela que "enmiende deficiencias" na...

Tórculo, a empresa compostelá de artes gráficas bota o peche definitivo tras máis de 40 anos

A empresa compostelá de artes gráficas Tórculo, con máis de 40 anos de experiencia,...

Recibidas 7 alegacións á taxa turística, que volverá a pleno en xullo para a súa aprobación final

O Concello de Santiago recibiu un total de sete alegacións á ordenanza da taxa turística, que agora...