A cidade de Santiago comezou hai xa semanas a tempada turística con cifras semellantes ás de anos anteriores, anticipando un incremento continuado no número de visitantes. Estes turistas acompañarannos en Compostela ata o mes de setembro, cando as cifras comezarán a descender de novo.
Esta Semana Santa, a pesar do mal tempo, a capital galega encheuse de peregrinos e turistas. Xa por esas datas é habitual que aumenten o número de visitantes na cidade. O pasado ano durante o mes de abril, data na que coincidiu a Semana Santa, chegaron á cidade máis de 40.000 peregrinos, dos cales unha cuarta parte chegou entre o Domingo de Ramos (2 de abril) e o Domingo de Resurrección (9 de abril).
Este ano, a Semana Santa celebrouse unha semana antes, polo que adianto a chegada de turistas en masa e xa engrosou as estatísticas dende o mes de marzo. Contabilizáronse durante este pasado mes máis de 20.000 compostelas entregadas, segundo datos da Oficina do Peregrino.
Esta tendencia repítese cada ano. Durante os dous últimos anos, a partir dos meses de marzo e abril a cidade comeza a encherse e o número de visitantes, xa sexa ou non como peregrinos, increméntase rápidamente ata chegar ao seu máximo en agosto. En 2022, chegaron durante o mes de agosto máis de 85.000 peregrinos á cidade. Sumando xullo e agosto, meses centrais do verán, esta cifra chegou aos 153.247.
Despois de superar a pandemia, os turistas nacionais e internacionais regresaron con forza á cidade, sendo case a metade dos case un millón de viaxeiros que pernoctaron en aloxamentos hoteleiros en 2023. A tendencia alcista observada nos últimos anos sinala que Santiago podería superar as cifras de visitantes alcanzadas no anterior Ano Santo extraordinario 2021-2022.
Durante o ano 2023, Santiago recibiu 934.337 visitantes, cun notable aumento do 8,41% en comparación cos 861.851 do ano 2022. Os datos sinalan un forte interese por parte dos turistas internacionais, cun crecemento do 70% na última década e representando o 56% do total dos peregrinos que obtiveron a compostela o ano pasado. Os estadounidenses destacan como un dos colectivos máis numerosos na ruta, reforzando a posición de Santiago como un destino turístico de relevancia a nivel internacional.
As cifras tamén reflicten un novo desafío: aumentar a duración media da estancia dos turistas, que actualmente é de 1,7 días. A concelleira de Turismo, Míriam Louzao, sinala que se traballa para mellorar este aspecto, con campañas destinadas a promover visitas máis completas e prolongadas, beneficiosas tanto para os visitantes como para a economía local.
Santiago mantense como líder na recepción de viaxeiros entre as grandes cidades galegas, cunha cantidade de visitantes en moitos meses do ano superior á de Vigo. A cidade olívica é unha urbe coa que Santiago non pode competir en meses como decembro ou xaneiro, onde as súas visitas se viron incrementadas nos últimos anos con motivo das luces de Nadal. Porén, durante os meses de verán Compostela e Vigo vense con datos de turismo moi equiparados. Ás portas do mes de abril, espérase que a tendencia ascenda ata ben entrado o período post-verán, seguindo o patrón dos últimos anos e a afluencia de turistas rexistrada despois da Semana Santa.
AUXE DO AEROPORTO DE LAVACOLLA
O aeroporto de Santiago, principal entrada dos turistas á cidade, medrou ao mesmo ritmo que o turismo na cidade. O aeródromo compostelán superou a cifra de pasaxeiros anterior á pandemia e foi o segundo aeroporto, despois do de Menorca, que máis medrou dende o 2019.
O xa consolidado como o aeroporto con máis tráfico de Galicia dispón dun total de 20 destinos internacionais, entre os que se atopan grandes capitais europeas como París, Londres, Frankfurt, Ámsterdam ou Roma. En 2010 só dispoñía de 6 destinos internacionais e en 2019, antes da pandemia, tiña 15. Prevese ademais a incorporación de novos destinos próximamente, como é o caso de Exipto.
O aeroporto de Lavacolla é tamén unha entrada para os peregrinos en Galicia, lugar dende o que se desprazan para os puntos de partida das súas rutas ata Santiago.
A CONVIVENCIA ENTRE TURISTAS E VECIÑOS
Por outra banda, a masiva afluencia de peregrinos que entra na cidade, especialmente pola rúa de San Pedro, traduciuse nunha problemática para os residentes locais que viven a diario os efectos do incremento turístico.
En resposta, a asociación de veciños A Xuntanza, a Escola Unitaria e a Asociación de comerciantes de San Pedro elaboraron un ‘Decálogo de boas prácticas para o final do Camiño’. Este decálogo procura fomentar o civismo e a convivencia entre peregrinos e veciños, incidindo en aspectos básicos como evitar berros e cantos polas rúas, non invadir a calzada e respectar as sinalizacións de tráfico.
Este conxunto de normas responde a situacións que durante anos desafiaron a tranquilidade do barrio, como a invasión de calzadas por grandes grupos de peregrinos, ocasionalmente impedindo o paso a autobuses ou mesmo ocasionando accidentes cando acceden á vía en dirección prohibida ou a gran velocidade en bicicleta. A situación agrávase, aseguran as entidades autoras do decálogo, cando se trata de grandes eventos como encontros de mozos cristiáns e cando se repiten comportamentos inadecuados que afectan sobre todo a veciños maiores que precisan descanso.
Dende o Concello e as asociacións implicadas, existe un claro chamamento ao respecto mutuo e á concienciación sobre o impacto que o turismo pode ter na vida cotiá dos composteláns. Búscase, con estas medidas, preservar a esencia da cidade e manter un ambiente que permita gozar de Santiago tanto aos visitantes como aos seus habitantes permanentes.
Porén, o reto non se limita á implementación de normativas; require tamén unha vixilancia efectiva por parte das autoridades para garantir a súa cumprimento. Aínda que a hospitalidade é un trazo distintivo de Santiago, resulta imperativo equilibrar a acollida cálida aos peregrinos e turistas coa protección e consideración debida aos dereitos dos veciños.
DEBATE SOBRE A SITUACIÓN TURÍSTICA
Este pasado luns, o Ateneo de Santiago acolleu un debate sobre turismo na urbe compostelá, no que se puxeron sobre a mesa distintas reflexións sobre o tema. No debate, Xosé Manuel Santos Solla, catedrático de Xeografía e investigador en Turismo, asegurou que Santiago vive “un momento moi motivador para o turismo. Porén o turismo en Santiago, malia un crecemento moi impactante, vai sufrindo problemas”. Considera difícil polo tanto decidir cal pode ser o mellor modelo turístico para a cidade: “Todos queremos viaxar e todos queremos ter dereito a visitar lugares, pero tamén queremos ter dereito a vivir a nosa cidade e facelo con tranquilidade”, reflexionou. Ademais, asegura que o que lle acontece a Santiago “non é algo exclusivo, senón que é algo que lle acontece a grandes cidades europeas”.
Falouse tamén de termos como o turismo sustentable. “O turismo non pode expulsar a outras actividades económicas. Se o fai, está deixando de ser sustentable”, asegurou Santos Solla.
Pola súa banda, o economista Francisco Candela afondou sobre as cifras económicas que xiran arredor do turismo en Santiago de Compostela. Asegura que o sector turístico supón unha parte pequena do PIB. A hostelería e o transporte son os sectores que máis se ven influídos polo turismo. Estes datos do IGE, indican que o 46% do PIB do sector servizos corresponde ao subsector da educación e a sanidade.
O turismo ten un peso, estima, do 10% na economía compostelá, pero “non pode condicionar como ten que gobernarse”, aseverou Candela. “A cidade ten que gobernarse en función doutros intereses e non mirando a curto prazo”, porque, indica, “Santiago non vive exclusivamente do sector turístico”.