Santiago de Compostela continúa a dar pasos na preparación dos Xogos do Eixo Atlántico, unha cita deportiva de carácter internacional que se celebrará na cidade entre o 5 e o 10 de xullo. A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, participou esta semana nunha reunión de traballo do Grupo Temático de Deportes do Eixo Atlántico, un encontro no que se avanzou en distintos aspectos organizativos do evento.
Durante a xuntanza quedou aprobado por unanimidade o regulamento dos Xogos, que establecerá o marco de funcionamento da competición. A programación deportiva inclúe probas de balonmán, voleibol, baloncesto, natación e atletismo, así como modalidades adaptadas, co obxectivo de garantir a participación inclusiva da mocidade.
Segundo o exposto na reunión, os Xogos reunirán mozos e mozas procedentes de 27 concellos, dos cales nove pertencen a Galicia e 18 ao norte de Portugal, reforzando o carácter transfronteirizo da iniciativa e o intercambio deportivo entre ambos territorios.
No ámbito loxístico, a concelleira informou do plan de aloxamento previsto para acoller as delegacións participantes. O Concello de Santiago conta xa co compromiso de 2.400 prazas, aínda que, debido ao elevado número de preinscricións rexistradas, estase a traballar na posibilidade de ampliar a capacidade para facilitar a presenza dun maior número de deportistas.
A reunión serviu tamén para renovar a presidencia do Grupo Temático de Deportes do Eixo Atlántico, cargo que pasa a ocupar Hernani Ribeiro, vereador de Desporto do municipio portugués de Maia. A elección produciuse no marco dunha sesión orientada a coordinar os traballos previos á celebración dos Xogos, que terán en Santiago unha das súas principais sedes.

