InicioDEPORTESFélix Alonso alerta dun Palencia máis físico e confirma que Toms viaxará...

Félix Alonso alerta dun Palencia máis físico e confirma que Toms viaxará a pesar da súa inactividade

O técnico do Obradoiro aposta por manter a intensidade e reforzar o xogo exterior nos dous partidos decisivos en Palencia

Publicado o

Xornal de Compostela

O adestrador do Monbus Obradoiro, Félix Alonso, compareceu esta mañá en rolda de prensa para analizar a situación do equipo antes de afrontar as dúas próximas xornadas do play-off de ascenso á ACB fronte ao Zunder Palencia, que se disputarán o venres e o domingo no pavillón castelán. O técnico confirmou que Toms, lesionado durante seis meses, viaxará co equipo malia as incertezas sobre a súa participación: “Ten alta médica dende hai varias semanas, está a adestrar con normalidade, e viaxa por se temos calquera eventualidade”. Tamén engadiu que “vai ser moi difícil que Álex Galán poida xogar esta fin de semana, está con gastroenterite aguda e está sendo atendido no hospital”.

En canto ás novidades no plantel, Alonso explicou que se deu a baixa federativa de Tevarrati para activar a ficha de Toms. A decisión responde a criterios tácticos: “Toms pode cubrir dúas posicións, dálle ao equipo unha ameaza exterior que consideramos importante nunha serie como esta”. Engadiu que o xogador está moi implicado e que renunciou a completar a súa recuperación en Letonia para estar cos compañeiros en Santiago.

O técnico compostelán tamén fixo autocrítica sobre o rendemento no segundo encontro, disputado en Sar, no que o Obradoiro perdeu a vantaxe lograda na primeira metade: “Foi un partido con dúas partes moi diferentes. Na primeira controlamos o ritmo, pero na segunda eles subiron moito o nivel físico e nós non fomos capaces de responder a esa intensidade”. Félix Alonso incidiu varias veces na importancia de igualar o nivel de contacto e dureza do Palencia, especialmente agora que xogan na casa: “Temos que chocar, saltar, empurrar, estar preparados para un ambiente hostil, porque se non somos duros, a serie complícase moito”.

O Palencia chega aos partidos como local cun índice de acerto en tiros de tres superior ao 49%, moi por riba da súa media na liga regular, mentres que o Obradoiro baixou do 40% ao 30% neste apartado. Alonso admitiu que a defensa castelá está a facer dano, especialmente a xogadores como Barceló, aos que están a neutralizar con defensas moi específicas: “É o que máis está a sufrir nesta serie, e temos que atopar solucións”. Pola contra, outros xogadores como Brochanski ou Mikovic, que contan cun alto porcentaxe de acerto en triplas, están a recibir tiros liberados que non deberían permitirse.

Tamén houbo espazo para analizar as alternativas tácticas. O adestrador non descartou xuntar en pista a Brochanski e Mikovic, a pesar de perder físico na pintura: “É unha opción que contemplamos. Temos que buscar combinacións que nos dean máis ameaza exterior”. Así mesmo, eloxiou o rendemento do xogador rival Krubik, a quen definiu como clave na xeración de xogo e moi difícil de defender.

Para Alonso, a clave da eliminatoria está clara: “O baloncesto vén despois do físico. Se non xogamos ao nivel de intensidade que marca Palencia, dá igual o que fagamos a nivel táctico”. En canto ao arbitraxe, apuntou que o segundo partido foi máis permisivo co xogo duro do rival: “Fixeron tres faltas no primeiro minuto, sen medo a marcar territorio. Temos que responder a iso, temos xogadores preparados para iso”.

O técnico pechou a comparecencia cunha mensaxe directa ao seu equipo: “Se non xogamos a ese nivel físico, volveremos cun 1-3. Se somos capaces de competir de ti a ti, poderemos rascar algo ou mesmo poñernos por diante”. O resultado da serie decidirase agora en Palencia, onde o Obradoiro xogará o seu futuro na loita polo ascenso.

ÚLTIMAS

Verea acusa o Goberno de Santiago de adxudicar “a dedo” o alugueiro de autobuses e xustifica o rexeitamento das facturas

O voceiro do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, defendeu este xoves o voto...

A USC pecha 2024 cun superávit de 1,65 millóns e marca récord na captación de fondos para investigación

A Universidade de Santiago de Compostela rematou o exercicio económico de 2024 cun superávit...

A Xunta promove o Festival Lingua Urbana para visibilizar a música xuvenil e o galego na Cidade da Cultura

A Cidade da Cultura de Santiago acollerá a finais deste verán a primeira edición...

O XVIII Premio Compostela Álbums Ilustrados xa ten gañadoras

A autora milanesa Arianna Squilloni e a ilustradora madrileña Raquel Catalina Ledesma foron as...

O PP acusa o Concello de Santiago de suspender a final da Copa de fútbol por non mercar os trofeos

O Partido Popular de Santiago acusou este xoves ao goberno local, liderado polo BNG,...

Diego Uzal reforza o mediocampo da SD Compostela para a tempada 2025/26

A Sociedade Deportiva Compostela comeza a perfilar o seu novo proxecto deportivo coa incorporación...

O novo Pavillón de Vite ábrese ao público tras a súa reforma cunha especialización no hockey sobre patíns

O Pavillón de Vite estrea unha nova etapa tras ser sometido a unha reforma...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here