InicioDEPORTESFélix Alonso alerta dun Palencia máis físico e confirma que Toms viaxará...

Félix Alonso alerta dun Palencia máis físico e confirma que Toms viaxará a pesar da súa inactividade

O técnico do Obradoiro aposta por manter a intensidade e reforzar o xogo exterior nos dous partidos decisivos en Palencia

Publicado o

Xornal de Compostela

O adestrador do Monbus Obradoiro, Félix Alonso, compareceu esta mañá en rolda de prensa para analizar a situación do equipo antes de afrontar as dúas próximas xornadas do play-off de ascenso á ACB fronte ao Zunder Palencia, que se disputarán o venres e o domingo no pavillón castelán. O técnico confirmou que Toms, lesionado durante seis meses, viaxará co equipo malia as incertezas sobre a súa participación: “Ten alta médica dende hai varias semanas, está a adestrar con normalidade, e viaxa por se temos calquera eventualidade”. Tamén engadiu que “vai ser moi difícil que Álex Galán poida xogar esta fin de semana, está con gastroenterite aguda e está sendo atendido no hospital”.

En canto ás novidades no plantel, Alonso explicou que se deu a baixa federativa de Tevarrati para activar a ficha de Toms. A decisión responde a criterios tácticos: “Toms pode cubrir dúas posicións, dálle ao equipo unha ameaza exterior que consideramos importante nunha serie como esta”. Engadiu que o xogador está moi implicado e que renunciou a completar a súa recuperación en Letonia para estar cos compañeiros en Santiago.

O técnico compostelán tamén fixo autocrítica sobre o rendemento no segundo encontro, disputado en Sar, no que o Obradoiro perdeu a vantaxe lograda na primeira metade: “Foi un partido con dúas partes moi diferentes. Na primeira controlamos o ritmo, pero na segunda eles subiron moito o nivel físico e nós non fomos capaces de responder a esa intensidade”. Félix Alonso incidiu varias veces na importancia de igualar o nivel de contacto e dureza do Palencia, especialmente agora que xogan na casa: “Temos que chocar, saltar, empurrar, estar preparados para un ambiente hostil, porque se non somos duros, a serie complícase moito”.

O Palencia chega aos partidos como local cun índice de acerto en tiros de tres superior ao 49%, moi por riba da súa media na liga regular, mentres que o Obradoiro baixou do 40% ao 30% neste apartado. Alonso admitiu que a defensa castelá está a facer dano, especialmente a xogadores como Barceló, aos que están a neutralizar con defensas moi específicas: “É o que máis está a sufrir nesta serie, e temos que atopar solucións”. Pola contra, outros xogadores como Brochanski ou Mikovic, que contan cun alto porcentaxe de acerto en triplas, están a recibir tiros liberados que non deberían permitirse.

Tamén houbo espazo para analizar as alternativas tácticas. O adestrador non descartou xuntar en pista a Brochanski e Mikovic, a pesar de perder físico na pintura: “É unha opción que contemplamos. Temos que buscar combinacións que nos dean máis ameaza exterior”. Así mesmo, eloxiou o rendemento do xogador rival Krubik, a quen definiu como clave na xeración de xogo e moi difícil de defender.

Para Alonso, a clave da eliminatoria está clara: “O baloncesto vén despois do físico. Se non xogamos ao nivel de intensidade que marca Palencia, dá igual o que fagamos a nivel táctico”. En canto ao arbitraxe, apuntou que o segundo partido foi máis permisivo co xogo duro do rival: “Fixeron tres faltas no primeiro minuto, sen medo a marcar territorio. Temos que responder a iso, temos xogadores preparados para iso”.

O técnico pechou a comparecencia cunha mensaxe directa ao seu equipo: “Se non xogamos a ese nivel físico, volveremos cun 1-3. Se somos capaces de competir de ti a ti, poderemos rascar algo ou mesmo poñernos por diante”. O resultado da serie decidirase agora en Palencia, onde o Obradoiro xogará o seu futuro na loita polo ascenso.

ÚLTIMAS

O Escarnio e Maldizer é desaloxado de maneira pacífica

Máis de medio centenar de persoas concentrouse na mañá deste venres na Praza de...

Dous accidentes múltiples provocados por unha granizada deixan varios feridos na área de Compostela

Dous accidentes múltiples rexistrados na área de Santiago de Compostela á primeira hora deste...

María José López Couso aborda no Pazo de Raxoi a colaboración entre a USC e o Concello de Santiago

A candidata á reitoría da Universidade de Santiago de Compostela, María José López Couso,...

Joaquín Goris amplía o seu contrato co Compos ata 2027

A SD Compostela anunciou a renovación de Joaquís Goris Abelenda por unha tempada máis,...

Joaquín Goris amplía o seu contrato co Compos ata 2027

A SD Compostela anunciou a renovación de Joaquís Goris Abelenda por unha tempada máis,...

A SD Compostela remonta ao Viveiro e reforza o liderado ao peche da primeira volta

A SD Compostela reforzou este domingo o seu liderado na liga tras superar por 3-1...

O Compos incorpora a David Rosón para reforzar o centro do campo

A SD Compostela anunciou a incorporación do lucense David Rosón Fernández como novo xogador do...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here